Onde o aire non era brisa

obra literaria de María Victoria Moreno

Onde o aire non era brisa é unha novela da escritora María Victoria Moreno Márquez.

Onde o aire non era brisa
Título orixinalAlcores de Donalvar
Autor/aMaría Victoria Moreno
Ilustrador/aNon leva ilustracións
CubertaManuel Janeiro Gómez
OrixeEspaña
LinguaGalego
ColecciónLiteraria
Xénero(s)Novela
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.3-4-2009
Páxinas162
ISBNISBN 978-84-9865-168-3
Seguido porMar adiante (1973)
TraduciónXavier Senín Fernández
editar datos en Wikidata ]

Descrición

editar

Escrita orixinalmente en castelán co título de Alcores de Donalvar, en 1969 quedou clasificada entre as catro finalistas do Premio Café Gijón. Con todo, permaneceu inédita ata que Pedro Ferriol Suárez, segundo marido da autora, a rescatou dun caixón. Tras repasala e retocala coa propia María Vitoria, que lle mudou o título por Donde el aire no era brisa, foi presentada a dous concursos: primeiramente a un en Murcia, onde quedou finalista, e despois ao X Premio de Novela Corta Manuel Díaz Luis do concello salmantino de Monleón, que gañou, baixo o pseudónimo de Peregrina Pérez, acudindo a recoller o premio o 28 de agosto de 2005. María Victoria finaría a escasos tres meses, o 22 de novembro do mesmo ano.

O texto publicouse en castelán en 2006[1] e foi traducido ao galego como Onde o aire non era brisa, por Xavier Senín, e publicado pola Editorial Galaxia no ano 2009, con prólogo de Pedro Ferriol.[2]

 
De esquerda a dereita: Pedro Ferriol (marido de Mª V. Moreno e autor do prólogo da obra), Tito Seixas (libreiro amigo de Mª V. Moreno) e Begoña Llácer (filla de Mª V. Moreno)

En substitución da finada Asunción, Elena Manzanares, unha mestra noviña, chega ao seu destino en Alcores de Donalvar, un apartado lugar castelán que “ten mil casas... mil homes... mil mulleres[3]. Collera o coche de liña, o Rápido, en Villanueva e cando baixa en Alcores atopa unha vila “triste, moi cerrada. Chegar aquí é coma caer nun pozo e comezar a dar berros sen que ninguén se acorde de ti ou te oia[4].

Alí vai botar un curso no que coñecerá a fondo as persoas e o seu modo de vida. A través dos ollos de Elena, vemos a España mesetaria e rural. Xentes que se moven en sombra, maletas maltratadas por un revisor túzaro que goberna un autobús que comunica cun mundo descoñecido [5]. A vila está gobernada polos de sempre, reina a desconfianza, os odios, a pobreza e mesmo a fame. Ata o leite en po doado polos americanos vai parar ás mans dos que mandan, que o reparten á súa maneira en lugar de entregarllo directamente aos meniños dos colexios. Elena non o entende e vai loitar para cambiar a situación.

Ademais a ela tócalle unha escola apartada uns poucos quilómetros de Alcores, o Outeiro, cuns teóricos 35 alumnos. Se tivese 20 asistindo decote tería dereito a comedor escolar, mais raramente están os 20, só uns 11 ou 12. Os rapaces teñen que axudar nos labores agrícolas e ninguén ten interese pola súa instrución, tampouco os seus pais cren necesario que aprendan. Aínda así Elena vaise implicar no seu traballo, preocuparase polos rapaces e os seus problemas, por aprenderlles a ler e escribir sentíndose integrada na súa escola.

No verán chegan a Alcores os segadores galegos que “son xente moi rara. Teñen terras e véñense aquí a pasalo mal e a durmir nas palleiras... As súas terras son alegres por fóra, pero dan moi tristes colleitas. Veñen aquí porque necesitan os cartos que gañan[6]. Os Coroneis (familia dona de moitas terras) e outros propietarios non lles pagan nin o pactado e os segadores non se conforman.

Narración

editar

A historia está contada en terceira persoa por un narrador extradiexético e omnisciente. O narrador usa o guión [7] e a paréntese [8] en moitas ocasións para expoñerlle a súa opinión ao lector. O título ten que ver co ambiente opresivo que paira sobre a localidade: non corre o aire.

Espazo

editar

Alcores de Donalvar é a vila imaxinaria de Castela onde se desenvolve a novela. É fin de traxecto desde Villanueva, a uns cen quilómetros por unha mala estrada. Máis lonxe está Tordesillas, de onde debían acudir os bombeiros nos incendios. E tamén se cita a capital, Valladolid. Fuente de Sopeña é a vila tamén imaxinaria onde naceu Elena.

A historia comeza coa chegada da mestra Elena a Alcores e remata coa saída no mesmo autobús ao rematar o curso cando o Rápido vai entrando na praza de Villanueva. A acción está ambientada na España da década de 1960. A sensación de intemporalidade domina a obra: “Alcores de Donalvar onde o reloxo sen setas nin latexos da torre era todo un símbolo de intemporalidade[9].

Personaxes

editar
  • Elena Manzanares. É a personaxe principal, unha mestra noviña que chega a Alcores, filla de pai republicano, o que provoca que certas persoas a miren mal. É unha mestra ilusionada, humilde e xusta, nunha aldea perdida de Castela na década dos sesenta, unha historia cercada de fame e de pobreza, da maledicencia das xentes, dos soños máis puros.[10]
  • Fernando. É o fillo máis vello do alcalde e o médico da vila, e tamén o candidato ideal para marido de moitas mozas, terá que escoller entre Elena, Puri...
  • Dona Paquita. É a muller do veterinario, a presidenta de Acción Católica e gústalle gobernar a vida dos demais, por exemplo os amores de Fernando. A xente dicía que era unha guetarda, avetarda ou aguetarda, de aí que lle quedase o alcume de Gueta.
  • Purita. É a filla de dona Paquita, “dezaoito anos de resabios entre peles e ósos... nome case deterxente nunha casa que cheiraba a corte[11]. Herdou o alcume da nai e chámanlle Guetiña.
  • Margarita. É a mestra que acolle a Elena ao chegar. Ten que criar tres fillos con moitas dificultades económicas.
  • Santiago. É o mellor alumno e o máis maduro, aínda que comezou a escola con doce anos feitos. Ten que se poñer a traballar de criado dos Coroneis aínda que Elena preferiría que fose á cidade buscar traballo e estudar.
  • Benjamín. Director do grupo escolar.
  • Ademais están o alcalde, a súa muller –señora Eugenia-, o secretario, o párroco don Antonio, Ignacio (borracho e maltratador) etc.
  1. Edición a cargo do Concello de Monleón, con cubertas de Jerónimo Prieto, 86 pp. ISBN 84-7797-259-1 [1]
  2. "Lembranza de María Vitoria Moreno" Galaxia, 17/7/2009.
  3. Moreno, María Victoria (2009). Onde o aire non era brisa. Galaxia. p. 13. ISBN 978-84-9865-168-3. 
  4. Moreno 2009, p. 20.
  5. "María Victoria Moreno. Onde o aire non era brisa". Revolta da Freixa. Bitácora de lingua sen aula. Consultado o 06/09/2017. 
  6. Moreno 2009, p. 129.
  7. Moreno 2009, p. 47.
  8. Moreno 2009, p. 11.
  9. Moreno 2009, p. 131.
  10. "Lorena Domínguez Mallo. As fotografías da caixa de madeira". lg3 Literatura. Consultado o 06/09/2017. 
  11. Moreno 2009, p. 67.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar