Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia

Coordenadas: 42°53′17.5″N 8°31′5.8″O / 42.888194, -8.518278

A Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia (OCT) é un organismo público galego, dependente da Consellería de Sanidade, encargado dos asuntos relacionados cos transplantes de órganos. Foi creada pola Orde do 8 de xuño de 1992, e as súas funcións son as mesmas que as da Organización Nacional de Transplantes (ONT), no ámbito da Comunidade Autónoma.[1]

Edificio do Complexo Administrativo de San Lázaro, onde ten a súa sede a OCT.

Ten a súa sede en Santiago de Compostela, na Consellería de Sanidade, no Complexo Administrativo de San Lázaro.[2][3]

FunciónsEditar

En Galicia é a unidade que se encarga de promover a doazón de órganos dentro e fóra dos hospitais Esta unidade realiza unha serie de actividades encamiñadas á sensibilización da poboación respecto da doazón de órganos. Ademais, promove a coordinación das distintas unidades implicadas no proceso, que aseguren que todas as operacións se realizan en condicións ideais e coa mínima tardanza posible.[4]

Más especificamente, as funcións da OCT son:[1]

  • Representar, en todo o concernente aos programas de transplantes, a Comunidade Autónoma de Galicia, no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, actuando en defensa dos seus intereses.
  • Intervir cos distintos responsábeis dos programas de transplantes e cos coordinadores hospitalarios para potenciar todas as actuacións tendentes a mellorar o funcionamento destas actividades, e de maneira moi especial as dirixidas á consecución de doazóns.
  • Emitir os informes pertinentes sobre propostas de acreditación de programas de transplantes, implantes de tecidos e extraccións de órganos e tecidos, para o que poderá solicitar o asesoramento dos xefes do Servizo e dos responsábeis dos programas.
  • Actuar de interlocutor coas representacións cidadás, medios de comunicación e asociacións de enfermos incluídos nos diferentes programas.
  • Todas aquelas que, no desenvolvemento da súa actividade, lle sexan atribuídas polo director xeral do Servizo Galego de Saúde.

HistoriaEditar

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde acordou, na súa reunión do día 26 de marzo de 1990, implantar en todas as comunidades autónomas a figura do "coordinador de transplantes". Por outra parte, a crecente importancia que no ámbito sanitario teñen os programas de transplantes, co impacto social e sanitario que iso leva consigo, facía cada vez máis necesario dispoñer dunha infraestrutura organizativa que realizase o labor de conexión entre os órganos de decisión e xestión da Consellería de Sanidade e os profesionais vinculados a esta actividade, co obxectivo básico de concienciar e potenciar, na Comunidade Autónoma de Galicia, a doazón e extracción de órganos, así como efectuar o seguimento e avaliación do conxunto da actividade transplantadora. De aí que o Consello da Xunta acordase crear a OCT na data antecitada.[1]

En 2013 realizáronse en Galicia 283 transplantes no noso sistema público de saúde. Deles, 85 foron de fígado, o que sitúa á nosa comunidade nos primeiros postos de transplante deste órgano en toda España. Cada vez a taxa de negativas familiares á cesión de órganos é máis baixa, situándose actualmente no 24 %. Cómpre resaltar, nesta data, a mellora que os procesos de transplante experimentaron en Galicia desde os anos 90, logro que atribuía á coordinación de equipos médicos e de urxencias que permite que poida realizarse o transplante nun prazo inferior a unha hora desde que aparece o doador. Porén, cómpre concienciar á cidadanía para que aumenten as doazóns de medula ósea, un tipo de doazón aínda pouco coñecido polo público, pero que é moi sinxelo, semellante a un proceso de diálise e que dura pouco máis de dúas horas.[5]

NotasEditar

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Bouzas Caamaño, Mª Encarnación; Álvarez Vázquez, Marta; Penas Mujico, Matilde e López García, Marisa (2017): Coordinación autonómica de transplantes. Axencia de doazón de órganos e sangue. Memoria 2016. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade. Servizo Galego de Saúde. Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Publicación electrónica en liña. (Ver o texto completo).

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar