The little Wizard. O mago Dubidoso

(Redirección desde «O pequeno mago»)

The Little Wizard. O mago Dubidoso é unha longametraxe de debuxos animados producida por Deboura Cinema estreada no ano 2011.[Cómpre referencia] Elaborada segundo o sistema tradicional de animación 2D (debuxo a debuxo) está escrita e dirixida por Roque Cameselle. Rodada en galego, o seu argumento baséase na novela de inspiración histórica Bieito Dubidoso, escrita tamén por Roque Cameselle, e publicada por Edicións Xerais no 2003.

The Little Wizard. O mago Dubidoso.
Ficha técnica
DirectorRoque Cameselle
ProdutorAlberto Cameselle
GuiónRoque Cameselle
MúsicaMarc Timón, Miguel Cordeiro
MontaxeFernando Pardo
EstudioDeboura Cinema
Estrea2011
Duración80 min.
OrixeGalicia Galicia
XéneroFantasía, Animación, Aventura
Na rede
IMDB: tt2119558 Filmaffinity: 923659 Allmovie: v591922 Editar o valor em Wikidata

Gañou o premio a Mellor Banda Sonora de Longametraxe nos Premios Jerry Goldsmith. Presentouse no 61 Festival Internacional de Cine de San Sebastián, no Festival de Cine Europeo de Sevilla 2013 (incluída na sección competitiva Europa Junior) e na Semana de Cine Fantástico e Terror de San Sebastián e no 33º Festival Internacional do Novo Cinema Latinoamericano da Habana que se celebra na Habana (Cuba).

A produción contou co apoio da CRTVG, emon ou IGAPE.[1] Foi estreada nos cines de España, con versión en galego en Galicia, o 15 de novembro de 2013.[2] A versión orixinal é en castelán, que foi realizada case na súa totalidade por actores de Galicia no estudio Soundub de Santiago de Compostela (quitando a Nacho Aramburu e Catherina Martínez, que gravaron os seus personaxes en Madrid), e dirixidos por Alicia Taboada. O repartimento da dobraxe galega é maiormente distinto. A versión en galego correu a cargo de SDI Media.[3]

Foi candidata á "Mellor Película de Animación" nos Premios Goya 2012.

Sinopse editar

Ambientada na Galicia medieval, a historia principia cando uns piratas normandos asaltan o barco de Pedro Cabaledo, atracado no peirao da súa casa. Mediante a maxia, o seu fillo Bieito Dubidoso, de nove anos de idade, consegue que os guerreiros fuxan espavorecidos. Por mor dista fazaña, a súa sona traspasa os muros da casa, coñece a Destreza- quen se converte na súa inseparable compañeira-, e gaña a admiración dos veciños. Mais o bispo Xoán, dono e señor da cidade de Tui, non lle perdoará facelo pasar a el por covarde diante dos seus vasalos.

Este enfrontamento entre o poderoso clérigo e o neno mago é o tronco de onde nacerán todas as historias contadas na película.

Personaxes editar

Bieito Dubidoso editar

É o protagonista. Nace en Tui, cidade equidistante entre Braga e Santiago de Compostela, onde tiñan a súa sé os poderes eclesiásticos, moitas veces en conflito. Desde pequeno, a súa portentosa habilidade cos xogos de maxia, e o seu carácter tranquilo, propiciarán o seu achegamento aos personaxes históricos súa época.

A súa vida, a cabalo entre o século XI e XII, transcorre durante o período de florecemento político e cultural máis sobresaínte de Galicia. Ao mesmo tempo, coincide co auxe das grandes peregrinacións a Santiago de Compostela.

Destreza editar

É a mellor amiga de Dubidoso. O mago libéraa dos piratas normandos que a tiñan secuestrada. Desde ese momento, Destreza convértese na súa compañeira inseparable de xogos e aventuras, de desgrazas e felicidades.

Pedro Cabaledo editar

É o pai de Bieito Dubidoso. Comerciante en xílgaros e viños, posuidor de riquezas, posúe os privilexios da nobreza malia non pertencer a ela. Ve a súa vida turbada ao caer nas redes tendidas polo inimigo do seu fillo, o bispo Xoán, señor e amo omnipotente da vila.

A nai de Bieito Dubidoso editar

A esposa de Pedro Cabaledo dedícase á administración da casa grande que posúen xunto ao río Miño. O que a diferenza da común das mulleres non é a riqueza, se non que é capaz de ler en arameo. Descóbreo un día por azar, cando follea un libro que lle obsequia un mercador cliente do seu home.

Señor Xoán editar

Personaxe histórico, aínda que non fielmente retratado, de beleza extraordinaria, tan extraordinaria como a súa ambición. O malo da película, ve en Dubidoso o espello onde se reflicte unha conduta que prefire ignorar, pois lle recorda o que non é, nin nunca vai poder ser. Intelixente, arteiro e sen escrúpulos, non dubidará en utilizar calquera medio para defender os seus intereses, calquera arma para prexudicar a Dubidoso.

Sara Homedouro editar

Sara Homedouro, filla única dun xudeu viúvo, comerciante en cartos, prestamista do Bispo, e que foi educada polo pai como un home: na sabedoría das linguas e o coñecemento dos libros en árabe, latín e grego. Desas lecturas conseguiu unha cultura que salienta entre a dos seus veciños. Isto facilítalle que cando Pedro Cabaledo procure un preceptor para o seu fillo, ela sexa admítida para o traballo.

Perdiz editar

O fiel criado da casa de Cabaledo. É un home de tan poucas palabras que ata parece mudo. As penas e as alegrías da familia son as súas propias, e nunca dubida de parte de quen ten que estar.

Jaztabel editar

O frade Jaztabel vive en Tui desde a invasión dos normandos. Parece que a súa conversión tivo que ver máis coa conveniencia que coa convicción. Intérprete de linguas estranxeiras e norteñas; no encontro cos seus paisanos demostra a súa covardía e a súa lealdade rotatoria como a dun catavento.

Elenco editar

Xogos editar

Para publicitar o filme fixéronse xogos para teléfonos intelixentes de Apple e Android gratuítos como: "El pequeño mago" (plataformas) e versións de xogos como "Conecta 3" , "Mahjong" ou "Memoriza".[4]

Notas editar

  1. "El Pequeño Mago". sitio oficial (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2013. Consultado o 23 de abril de 2013. 
  2. "O pequeno mago". adobraxe.fandom.com. Consultado o 17 de maio de 2023. 
  3. "O pequeno mago". Wiki A dobraxe en galego. Consultado o 2022-06-12. 
  4. "Deboura Cinema presenta os videoxogos d'O Pequeno Mago". opequenomagodedebouracinema.blogspot.com. Consultado o 17 de maio de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar