Abrir o menú principal

O único que queda é o amor

TramaEditar

“Un radiante silencio”Editar

Cando abren unha libraría cunha pequena cafetería fronte ao banco onde traballa, Sara vai tomar café alí e aos poucos días comeza a atopar tarxetas con versos que a fan recobrar a ilusión de vivir e a emoción de descubrir quen llas deixa. Co paso dos días, temendo que sexa unha broma pesada, abandona a libraría e volve tomar café cos seus compañeiros. Pasadas dúas semanas, o autor das tarxetas quéimaas na súa casa, seguro de que ela non volverá.

“Amor de agosto”Editar

No verán do 68 un rapaz pobre namorouse de Laura, a filla do seu xefe. Nas festas da vila atreveuse a pedirlle para bailar e pasaron case toda a noite xuntos, vendo estrelas fugaces… Ao día seguinte foi fulminantemente despedido e emigrou a Barcelona, fixo o servizo militar e mantiveron correspondencia, que pouco a pouco foi decaendo. Cando volveu á vila por primeira vez ela xa moceaba co fillo do notario e queimara as súas cartas, mais el sempre as gardou.

Agora, aos 56 anos, aproveitará outra noite de estrelas fugaces para queimalas.

“Esta estraña lucidez”Editar

Un can narra que acompaña o seu dono ante á casa dunha muller e lembra todo o pasado: o último ano coa mesma rutina, cando se coñeceron El e Ela e a felicidade que acompañou o seu dono mentres durou a relación, a ruptura, outras relacións pasaxeiras… e a noite dun ano antes, cando morreran nun accidente durante unha treboada. Agora, despois dun ano de prórroga para despedírense dos seres queridos, ao chegar o día van desaparecendo definitivamente.

“Unha historia de fantasmas”Editar

A narradora conta a experiencia vivida tempo antes nunha pousada navarra mentres facía o camiño de Santiago. Despois de cear xuntáronse os hóspedes e recitaron cadanseu poema; inspirado no dela un dos homes contou a historia dun accidente de coche que catro anos antes deixara viúva a unha muller que seguía notando a presenza do marido. Impresionada, a narradora quixo falar ao día seguinte co descoñecido, pero ninguén o vira. Descubriu quen era ao mirar nun xornal a nova do accidente.

“Ríos de memoria”Editar

María despois de moitos anos volve co seu marido á vila onde pasara a súa adolescencia. Todo está moi cambiado, pero ela vai lembrando a casa onde vivira, o campo onde xogara, o seu amor adolescente e o primeiro bico… O marido nin baixa do coche, entre desinteresado e enfadado.

“Loanza da filatelia”Editar

Ernesto Soutelo colecciona caixas de mistos dende a súa infancia. Nos primeiros anos de casados, a súa muller tamén observaba con simpatía aquela teima, mais co tempo acabou aborrecéndoa. Aos 59 anos el morreu dun infarto e meses despois a súa muller decidiu queimar a colección... sen saber que alí estaba agochado un galano para celebrar as vodas de prata.

“Unha foto na rúa”Editar

Un luns de xullo Daniel atopou nas rúas de Vigo unha foto dunha muller moi guapa, que só trae o nome de Diana. Engaiolado, ponse a buscala e atopa outra foto, o que lle parece unna segunda oportunidade; mais despois de días de investigación infrutuosa péchase na casa, deprimido. Cando sae atopa unna terceira foto e retoma a pescuda, ata que a abandona definitivamente o 15 de agosto.

Antes de subir ao tren, Diana tirou a oitava foto, a última que deixaba en cada cidade que visitaba mentres fantasiaba con quen a atoparía.

“Meditación ante o álbum de fotos familiar”Editar

No pazo familiar herdado, un home lembra os veráns que alí pasou durante a infancia e a adolescencia, rodeado de tíos e curmáns, e como todo foi mudando logo da morte da avoa. Hai uns meses comezou a facer reformas e apareceu entre dous tabiques un esqueleto cunha bala no cranio. Dende aquel día sempre mira o álbum familiar intentando distinguir a mirada dun asasino.

“Despois de tantos anos”Editar

Ao saber da morte de Adrián, a protagonista lembra cando o coñeceu, con 20 anos, nas festas de Mondoñedo, aínda que ela xa levaba meses saíndo con Suso; as súas dúbidas, o libro que lle mandou e as cartas que se escribiron ata que se deixou convencer pola nai e casou con Suso. Tiveron unha boa vida e esquecera a Adrián, só o volveu lembrar no último verán cando atopou no faio unha caixa co libro e as cartas que el lle mandara.

Agora prométese levar sempre canda ela a foto de Adrián para ver a súa imaxe no momento da morte.

“Un río de palabras”Editar

Inspirado nos anuncios que se pegan en lugares frecuentados ofrecendo servizos e un número de teléfono, o protagonista decide compartir fragmentos de libros que o emocionan e pór o título do libro e o autor. Abraiado, ve como a súa iniciativa ten éxito, as súas tiras desaparecen, e logo ve aparecer outras de outra xente ata que o barrio se inunda de follas de cores.

Referencias literarias na obraEditar

Como é usual en toda a obra de Agustín Fernández Paz,[1] o libro está inzado de referencias literarias: desde o propio título, extraído dun texto de Orhan Pamuk que figura como cita inicial[2], pasando polas citas que preceden a cada relato ata as múltiples referencias, alusións ou fragmentos que aparecen en case todos os relatos e que o propio autor explica no epílogo titulado De amores e de libros:

O único que queda é o amor tamén é, ao seu xeito, un libro sobre a importancia da lectura nas nosas vidas, pois contén unha homenaxe explícita a outros libros que aprecio especialmente, dos cales inclúo diversos fragmentos[3]

PremiosEditar

TraduciónsEditar

NotasEditar

  1. blog.xerais (ed.). "A literatura e os libros na obra de Agustín Fernández Paz". Consultado o 20 de marzo de 2018. 
  2. Fernández Paz, Agustín (2007). O único que queda é o amor. Ed. Xerais. p. 9. ISBN 978-84-9782-628-0. 
  3. Fernández Paz 2007, p. 174-175.
  4. Ficha na páxina web do autor.
  5. Ficha en BiTraGa.
  6. Ficha en BiTraGa.
  7. Ficha en BiTraGa.
  8. Ficha en BiTraGa.
  9. "O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz traducido ao coreano". Consultado o 20 de marzo de 2018. 
  10. "Nothing Really Matters in Life More Than Love". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-21. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

  • Ficha na páxina web de Xerais.