Noite de Walpurgis

A noite de Walpurgis [1], que recibe o seu nome en honra da santa inglesa do século VIII Walpurgis, é unha festa de primavera que se celebra na noite do 30 de abril ao 1 de maio en zonas do centro e do norte de Europa. É sobre todo o símbolo do remate do inverno, ás veces asociada á plantación dunha árbore de maio ou ás cacharelas. Segundo o folclore alemán nesa noite as bruxas congréganse no Brocken, a montaña máis alta do Harz, no centro de Alemaña. Celébrase con variantes locais en Alemaña, Chequia, Suecia, Lituania, Letonia, Finlandia e Estonia.

Cacharelas en Heidelberg.
Noite de Walpurgis, gravado de Johann Heinrich Ramberg (1829)

Nome editar

O nome da celebración deriva dunha santa de nome Walpurgis que durante a Idade Media celebraba a súa festa o 1 de maio desde a súa canonización, arredor do ano 870 polo que o seu nome quedou asociado cunha festa anterior conmemorando o comezo da primavera na que se bailaba durante a noite na véspera dese día. O nome popularizouno Goethe ao utilizalo en Fausto como Walpurgisnacht pero a súa utilización é anterior, así o dicionario (1774–1786) de Johann Christoph Adelung recólleo como Walpurgisabend.

Tradicións editar

 
Celebración do pálení čarodějnic nun colexio checo

Alemaña e Austria editar

O Hexenfeuer, en galego "lume das bruxas", tamén coñecido como Tanz in den Mai ("baile de maio") ou "Maifeuer“ (lume de maio) celébrase en moitas partes de Alemaña. O 30 de abril préndense cacharelas para expulsar os espíritos demoníacos, bailando ata moi tarde na noitada. Nalgunhas localidades é tradicional a práctica do Maisprung, na que unha parella salta á vez sobre o remol da lumarada. Moitas cidades alemás organizan bailes (Tanz in den Mai) para festexar a noite pero xa sen asociación co lume, constituíndo unha práctica moderna da festa no que tamén se prepara o Maibowle ("viño de maio"). Na cidade de Marburg celébrase a Maieinsingen na que se axuntan centos de persoas na praza principal para cantaren. En Renania-Palatinado e en Sarre é tradicional que os nenos saían en grupos polas rúas facendo trasgadas arredor das casas, como mover de sitio os apeiros ou os felpudos. En Austria, Baden-Württemberg, Baviera e Alta Lusacia colócase un Maibaum (árbore de maio) na tardiña do 30 de abril a diferenza doutros lugares que fan tal acción o 1 de maio.

Chequia editar

En Chequia denomínase pálení čarodějnic ("queima das bruxas") é a tradición é queimar bruxas feitas de farrapos e palla e as súas vasoiras, en cacharelas ao longo de todo o país para se protexer contra as bruxas e contra os malos espíritos en xeral, tradicionalmente críase que as cinzas tiñan un poder especial e engadíanse ao sementar ou dábanse ao gando para aumentar a súa fertilidade.

 
Estudantes toucados coas típicas gorras celebrando o vappu en Turku (Finlandia)

Suecia e Finlandia editar

En Suecia, coñecido como Valborgsmässoafton, e Finlandia, como vappu en finlandés e vappen en sueco, tamén é tradicional prender cacharelas, e nalgúns lugares tamén se botan foguetes e petardos. O lume simboliza a queima do vello abrindo camiño para o novo. A xente congrégase arredor das fogueiras para cantar cancións tradicionais dedicadas á primavera, habitualmente coa participación de corais nestas celebracións. Nas cidades universitarias tanto de Suecia como de Finlandia é tradición que os estudantes toucados co seu típico gorro de estudante participen en comidas nos parques bebendo sima en Finlandia ou champaña en Suecia e que se congreguen para cantar, aínda que cada campus ten as súas propias tradicións.

 
Lavado con champaña da estatua de Baer nas celebracións do 30 de abril de 2017

Estonia editar

En Estonia coñécese como volbriöö e o día seguinte tamén é festa, o volbripëv. Chegou ao país cos asentamentos suecos e a partir do século XIX[2] espallouse por Läänemaa e logo polo resto do país. Préndense cacharelas e cócense salchichas e carne, en especial goza de moita tradición en Tartu con cacharelas organizadas por empresas, asociacións e corporacións estudantís da universidade. Os universitarios realizan unha procesión polo edificio da universidade que o reitor recibe solemnemente para logo iren ata a estatua de Karl Ernst von Baer a lavar a súa cabeza con chammpaña e dar discursos e xa despois facer a cacharela e collidos das mans cantar.

Notas editar

  1. VV.AA.Diciopedia do século 21, vol 3. p. 2202
  2. "Volbripäev (töörahvapüha, maipüha) - 1. mai". folklore.ee.