Noctiluca scintillans

Noctiluca scintillans
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Chromalveolata
Filo: Dinoflagellata
Clase: Noctiluciphyceae
Orde: Noctilucales
Familia: Noctilucaceae
Xénero: Noctiluca
Especie: N. scintillans
Nome binomial
Noctiluca scintillans
Sinonimia

Noctiluca miliaris

Noctiluca scintillans[1] tamén chamada co nome sinónimo Noctiluca miliaris[2], é unha especie de dinoflaxelado mariño unicelular de vida libre non parasito que se caracteriza por presentar bioluminescencia cando é molestado. Esta bioluminescencia é producida por unha reacción luciferina-luciferase que ten lugar en miles de orgánulos esféricos da célula chamados escintilóns, situados por todo o citoplasma. A luciferase é específica de dinoflaxelados (luciferase de dinoflaxelados). As especies non bioluminescentes do xénero Noctiluca carecen destes escintilóns.

Dieta editar

 
Imaxe de longa exposición da bioluminescencia de Noctiluca scintillans no porto de iates de Zeebrugge.

N. scintillans é un organismo heterótrofo (non fotosintético) que obtén o seu alimento fagocitando organismos do plancto, diatomeas, outros dinoflaxelados, e pequenos ovos de peixes e bacterias. A diatomea Thalassiosira sp. é mencionada na literatura como unha das fontes alimenticias favoritas destas noctilucas. A miúdo atópanse diatomeas (fotótrofas) nos seus vacúolos, como Pedinomonas noctilucae, que viven alí en endosimbiose durante xeracións. Hai poboacións de N. scintillans que poden vivir fotoautotróficamente grazas a estes endosimbiontes fotosintéticos e só necesitan facer unha fagocitose facultativa. Probalemente, P. noctilucae subministra materia orgánica ao seu hóspede facilitando a súa supervivencia durante os períodos de escaseza de alimento para fagocitar. Por outra parte, P. noctilucae só pode vivir dentro do seu hóspede.[3]

Distribución editar

N. scintillans está amplamente distribuída por todo o mundo, xeralmente ao longo da costa, en estuarios, e zonas pouco profundas da plataforma continental que reciben abundante luz, que promove o crecemento do fitoplancto que constitúe unha gran parte da dieta de N. scintillans.

Tamaño editar

O tamaño deste organismo unicelular vai de 200 a 2.000 µm de diámetro, nas súas formas típicas esféricas. N. scintillans carece das placas de armadura que posúen outros tipos de dinoflaxelados. A diferenza doutros dinoflaxelados, os cromosomas de N. scintillans non están claramente condensados e visibles durante o seu ciclo vital.

Ciclo de vida editar

Noctiluca é infrecuente dentro dos dinoflaxelados porque ten un ciclo de vida diplonte.[4]

Anatomía editar

N. scintillans ten unha fenda ventral na cal está localizado o flaxelo, unha extensión da parede celular chamada dente, e un tentáculo estriado implicado na inxestión que se proxecta posteriormente. O flaxelo non move o organismo, e, por tanto, N. scintillans non é móbil de seu e depende para desprazarse da regulación da súa capacidade de flotación na columna de auga, que parece que funciona controlando a súa concentración celular de ións e amoníaco.

Polo menos un estudo atopou que N. scintillans produce un cordón de mucus que se estende desde o extremo do tentáculo, o cal despois adhire ao plancto a medida que ascende rapidamente por zonas da columna de auga onde hai concentracións das súas presas.

Floracións editar

Poden producirse floracións de N. scintillans nas que se orixinan grandes poboacións. Isto prodúcese en condicións nas que hai unha alta concentración do plancto do que se alimenta resultantes de factores ambientais favorables como augas ricas en nutrientes ben mesturadas e factores da circulación estacional. As verteduras procedentes das actividades agrícolas poden contribuír á gravidade destas floracións, aínda que non son imprescindibles. Non obstante non todas as floracións de N. scintillans son vermellas (mareas vermellas). A cor de N. scintillans deriva en parte dos pigmentos dos organismos que están dentro dos seus vacúolos. por exemplo, poden orixinarse mareas "verdes" se as poboacións de N. scintillans conteñen prasinofitas (algas verdes do subfilo Chlorophyta) con pigmentación verde que viven nos seus vacúolos.

N. scintillans non é tóxica por si mesma, pero como se alimenta vorazmente de fitoplancto que pode acumular altos niveis de amoníaco, esta substancia é despois excretada por N. scintillans na área onde vive, o que se engade aos produtos neurotóxicos que producen outros dinoflaxelados, como Alexandrium spp. oo Gonyaulax spp., que proliferan con ela, o que pode contribuír á morte doutros organismos acuáticos da zona.

Evolución editar

As comparacións da súa secuencia de ADN coas doutras especies suxiren que o parente máis achegado do xénero Noctiluca é Spatulodinium. Spatulodinium pseudonoctiluca parece estar máis próximo a N. scintillans que a outras especies de Spatulodinium.[5]

N. scintillans tamén se sitúa ás veces nun esquema de clasificación no que se distingue a clase Diniferea, ou Dinophyceae, a cal inclúe os dinoflaxelados non parasitos carentes de placas de armadura, dos que formaría parte.[6]

Notas editar

  1. "Imaxe na Enciclopedia Británica". Britannica.com. Consultado o 2013-09-13. 
  2. Noctiluca miliaris Suriray Algaebase
  3. Saito, Haruna, Ken Furuya & Thaithaworn Lirdwitayarpasit, 2006. Photoautotrophic growth of Noctiluca scintillans with the endosymbiont Pedinomonas noctilucae. Plankton & Benthos Research 1: 97–101 [1]
  4. ZINGMARK, R. G., 1970. Sexual reproduction in the dinoflagellate Noctiluca miliaris Suriray. Journal of Phycology, 6(2): 122-126.
  5. Gómez F, Moreira D, López-García P (2010). "Molecular phylogeny of noctilucoid dinoflagellates (Noctilucales, Dinophyceae)" (PDF). Protist 161 (3): 466–478. PMID 20188628. doi:10.1016/j.protis.2009.12.005. 
  6. Hausmann, Klaus; Hulsmann, Norbert; & Radek, Renate; "Protistology" (3rd Edition) 2003. in E. Scheizerbart’sche Verlagsbuchhandlung.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Eckert R & Reynolds GT. 1967. "The Subcellular Origin of Bioluminescence in Noctiluca miliaris". J Gen Physiol. 50 (5): 1429-58.
  • Elbrächter, M. and Y. Z. Qi. 1998. "Aspects of Noctiluca (Dinophyceae) population dynamics." In: D.M. Anderson et al., Physiological Ecology of Harmful Algal Blooms. NATO ASI Series, Vol. G 41. Berlin: Springer-Verlag, pp. 315–335.
  • Lenaers, Guy; Christopher Scholin, Yvonne Bhaud, Danielle Saint-Hilaire and Michel Herzog. 1991. "A molecular phylogeny of dinoflagellate protists (Pyrrhophyta) inferred from the sequence of 24S rRNA divergent domains D1 and D8." Journal of Molecular Evolution. Volume 32: 1; pp. 53–63
  • Murray, Shauna; Marten Flø Jørgensen, Simon Y.W. Ho, David J. Patterson, and Lars S. Jermiin. 2005. "Improving the Analysis of Dinoflagellate Phylogeny based on rDNA." Protist. Vol. 156, 269-286
  • Palmer, Jefferey D. 2003. "The Symbiotic Birth and Spread of Plastids: How Many Times and Whodunit?" J. Phycol. 39, 4-11
  • Tada, Kuninao; Santiwat Pithakpol, Rumiko Yano and Shigeru Montani. 2000. "Carbon and nitrogen content of Noctiluca scintillans in the Seto Inland Sea, Japan." Journal of Plankton Research. Vol.22 no.6 pp. 1203–1211
  • Thomas Kiørboe and Josefin Titelman. 1998. "Feeding, prey selection and prey encounter mechanisms in the heterotrophic dinoflagellate Noctiluca scintillans." Journal of Plankton Research. V20: 8 pp. 1615–1636
  • Umani, S. Fonda; A. Beran, S. Parlato, D. Virgilio, T. Zollet, A. De Olazabal, B. Lazzarini and M. Cabrini. 2004. "Noctiluca scintillans in the Northern Adriatic Sea: long-term dynamics, relationships with temperature and eutrophication, and role in the food web." Journal of Plankton Research. 26(5):545-561

Ligazóns externas editar