Alexandrium

xénero de dinoflaxelados mariños principalmente de zonas costeiras

Alexandrium é un xénero de dinoflaxelados mariños principalmente de zonas costeiras, que comprende moitas especies relacionadas coa produción de toxinas paralizantes (toxina PSP) nas mareas vermellas.[1] Os quistes de dinoflaxelados producidos por esta especie son considerados moito máis tóxicos que as células nadadoras.[2] Están cubertos por unha armadura de placas e teñen dous flaxelos. A maioría das especies son autótrofas, pero hai especies heterótrofas. A reprodución asexual é por fisión binaria, mais teñen tamén un ciclo sexual con produción dun cigoto móbil, que despois orixina un quiste. Algunhas especies viven en colonias, como A. cartenella, que forma cadeas de individuos unidos. Poden ser parasitados polo flaxelado Parvulucifera infectans. Poden proliferar en gran número formando mareas vermellas cando as condicións lle son favorables; algunhas especies producen neurotoxinas, e outras non (pero tamén son nocivas, porque poden causar anoxia no ecosistema se proliferan moito).

Os datos electroforéticos de encimas [3] e as análises xenéticas de ARN [4][5] mostran que dúas das especies, Alexandrium fundyense e A. tamarense, están moi estreitamente relacionadas, mentres que as compatibilidades de apareamento mesmo suxiren que son variedades dunha soa especie heterotálica.[6]

Traballos moleculares recentes demostran que existe un complexo Alexandrium tamarense (complexo Atama, que inclúe A. tamarense, Alexandrium fundyense, Alexandrium catenella) e que ningunha das tres designacións de morfoespecies orixinais forma grupos monofiléticos nas actuais árbores filoxenéticas baseadas na SSU (ARNr da subunidade ribosómica menor) e nas previas baseadas na LSU (ARNr da subunidade ribosómica maior),[7] é dicir, estas designacións de especies non serían válidas. Isto necesita máis investigacións.[8]

Algunhas especies estaban antes clasificadas noutros xéneros; por exemplo A. tamarensis antes chamábase Gonyaulax tamarensis.

Notas editar

  1. Anderson, D.M. 1998. Physiology and bloom dynamics of toxic Alexandrium species, with emphasis on life cycle transitions. NATO ASI series, vol. G41. Physiology of harmful algal blooms. Edited by Anderson, DM, Cembella, AD and Hallegraeff, GM.
  2. Dale, B., Yentsch, C. and Hurst, J. 1978. Toxicity in Resting Cysts of the Red-Tide Dinoflagellate Gonyaulax excavata from Deeper Water Coastal Sediments. Science 201, 1223-1224.
  3. HAYHOME, B.A., ANDERSON, D.M., KULIS, D.M. & WHITTEN, D.J. 1989 Variation among congeneric dinoflagellates from the northeastern United States and Canada. I. Enzyme electrophoresis; Marine Biology, 101: 427-435.
  4. SCHOLIN, C.A. & ANDERSON, D.M. 1994 Identification of group- and strain-specific genetic markers for globally distributed Alexandrium (Dinophyceae). I. RFLP analysis of SSU rRNA genes; Journal of Phycology, 30: 744-754.
  5. SCHOLIN, C.A., HERZOG, M., SOGIN, M. & ANDERSON, D.M. 1994 Identification of group- and strain-specific genetic markers for globally distributed Alexandrium (Dinophyceae). II. Sequence analysis of a fragment of the LSU rRNA gene; Journal of Phycology, 30: 991-1011.
  6. ANDERSON, D.M., KULIS, D.M., DOUCETTE, G.J., GALLAGHER, J.C. & BALECH, E. 1994 Biogeography of toxic dinoflagellates in the genus Alexandrium from the northeastern United States and Canada; Marine Biology, 120: 467-478.
  7. Lilly, E.L., Halanych, K.M., Anderson, D.M., 2007. Species boundaries and global biogeography of the Alexandrium tamarense complex (Dinophyceae). J. Phycol. 43 (6), 1329–1338.
  8. Lilibeth N. Miranda, Yunyun Zhuang, Huan Zhang, Senjie Lin, 2012. Phylogenetic analysis guided by intragenomic SSU rDNA polymorphism refines classification of ‘‘Alexandrium tamarense’’ species complex. Harmful Algae 16: 35-48.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar