Nicolao de Mira
San Nicolao, coñecido como San Nicolao de Mira (en Oriente, polo seu lugar de falecemento) ou San Nicolao de Bari (en Occidente, polo lugar onde foron trasladados os seus restos) foi un bispo que viviu no século IV. Máis de dous mil templos están dedicados a el en todo o mundo.
Nome orixinal | (el) Άγιος Νικόλαος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | Segunda metade século III Patara (Imperio Romano) |
Morte | A mediados século IV Myra (Roma Antiga) |
Lugar de sepultura | Basilica of Saint Nicholas (en) |
Bispo diocesano | |
Diocese: Myra (en) | |
Datos persoais | |
Relixión | Cristianismo primitivo e cristianismo niceno |
Actividade | |
Ocupación | presbítero, bispo católico |
Período de tempo | Imperio Romano |
Enaltecemento | |
| |
Día de festividade relixiosa | 6 de decembro (Cristianismo occidental) 19 de decembro (Cristianismo oriental) 22 de maio 11 de agosto |
Patrón de | Neno, tanoeiro (pt) , mariño, pescador, comerciante, locutor, falsely accused (en) , repentant thief (en) , cervejeiro (pt) , farmacéutico, arqueiro, penhor (pt) , Aberdeen, Galway, Rusia, Grecia, Marinha da Grécia (pt) , Liverpool, Bari, Siġġiewi (pt) , Moscova, Ámsterdam, Lorena e Ducado de Lorena |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Novo Dicionario Enciclopédico, 1911-1916 Legenda aurea |
En Oriente chámano Nicolao de Mira, pola cidade da que foi bispo, pero en Occidente é chamado Nicolao de Bari, porque cando os musulmáns conquistaron Anatolia, un grupo de cristiáns sacou de alí en segredo as reliquias do santo e levounas á cidade de Bari, en Italia. Nesa cidade adxudicáronlle tan admirables milagres ao rezarlle a este gran santo, que o seu culto chegou a ser sumamente popular en toda Europa. É patrón de Rusia, de Grecia e de Turquía. En Roma xa no ano 550 construíranlle un templo na súa honra.
O seu nome é notable tamén fóra do mundo cristián porque a súa figura deu orixe ao mito de Santa Claus (ou Klaus), coñecido tamén como Papá Noel.[1]
Traxectoria
editarNaceu en Patara, na rexión de Licia (actualmente dentro do territorio de Turquía) nunha familia adiñeirada e dende neno destacou polo seu carácter piadoso e xeneroso. Os seus pais, fervorosos cristiáns, educárono nesa fe. Despois da morte dos seus pais, Nicolao herdou unha gran fortuna que puxo ao servizo dos necesitados, segundo a haxiografía escrita por san Metodio, arcebispo de Constantinopla.
Ao morreren os seus pais repartiu toda a súa fortuna entre os pobres e foi vivir a Mira (Anatolia), onde foi consagrado bispo dunha forma moi curiosa. Di a lenda que varios sacerdotes e bispos se atopaban discutindo sobre quen sería o futuro bispo, pois o anterior falecera. Ao non pórse de acordo, decidiuse que fose o próximo sacerdote que entrase no templo, que casualmente foi Nicolao.
Durante a súa época como bispo, e no seu afán por erradicar os cultos pagáns, ordenou demoler o templo de Artemisa en Mira, o templo máis grande e famoso de Licia, así como outros varios edificios pagáns.[2]
Por un decreto do emperador Licinio contra os cristiáns foi encarcerado e a súa barba queimada, sendo liberado polo emperador Constantino.
Participou no Concilio de Nicea, condenando as doutrinas de Arrio, quen se negaba a admitir o dogma da divindade de Cristo. Para combater os erros, utilizaba unha dozura exquisita, logrando grandes e sinceras conversións, a pesar do seu discreto talento especulativo e orador que tanto gusta aos orientais. Con todo, cando se trataba de protexer os máis débiles dos poderosos, Nicolao, a pesar da súa avanzada idade, actuaba con grande afouteza e vigor.
Nicolao morreu o 6 de decembro do ano 343 en Mira, mais os seus restos descansan na cidade portuaria italiana de Bari, pois alí foron dar despois de que fosen sacados de Turquía trala conquista musulmá. Trala súa morte converteuse no primeiro santo non mártir que gozou dunha especial devoción en Oriente e Occidente. Multitude de relatos milagrosos apareceron sobre el, desfigurando, ás veces, o seu eminente carácter práctico e sinxelo.
Milagres
editarSon moitos os milagres que se lle atribúen. Un dos de maior repercusión é o que conta que, sendo aínda novo, se compadeceu dun exasperado fidalgo da localidade de Patara, en Licia, que ao caer na máis absoluta miseria se viu obrigado a prostituír as súas tres fillas (segundo a lenda fermosas e honestas). Para remedialo, o santo botou tres zapatos (segundo outras versións bolsos) cheos de ouro, noutras tantas noites pola xanela do cuarto "onde durmía aquel pai desnaturalizado, co que proveu o remedio oportuno". Noutra versión deixou caer pola cheminea unhas moedas de ouro que milagrosamente caeron nunhas medias que as mozas deixaran secando, e de aquí suponse a tradición de colgar as medias tecidas que serven para recibir agasallos en Nadal. Así tamén, en ocasións represéntase o bispo de Mira con tres moedas de ouro nas mans.
Pellicer, no seu Tratado histórico, informa de que era habitual na corte de Filipe II de España a posta en escena o 6 de decembro, día de san Nicolao de Bari, da chamada Festa do zapato, coa eventual participación dalgunha dama de Palacio.[3][4]
Outro milagre coñecido é o de resucitar pola súa intercesión tres nenos que caeran dunha árbore e morreran ao instante. Tamén se lle atribúe o milagre do tres nenos sacrificados para dar para comer aos clientes dun hostaleiro, sendo devoltos á vida por intercesión do santo. Este é o motivo polo cal é representado con tres nenos ao seu carón, nunha cubeta.
Cóntase que certa vez salvou a vida de tres xenerais condenados á morte inxustamente. Tamén se conta que noutra ocasión, achándose un grupo de mariñeiros no medio dunha tempestade e invocando a protección de san Nicolao, viron aparecer a figura do santo sobre o barco e ao momento a tempestade acougou. Un dos milagres máis recentes, ocorrido durante a segunda guerra mundial, conta como, nun bombardeo á cidade de Bari, unha nai se separou do seu neno no medio da confusión, aparecendo este horas despois á porta da casa san e salvo. O neno contou como un home que describiu como san Nicolao o axudou, o protexeuno e o levou de regreso á súa casa.
Lenda de Papá Noel
editarNicolao de Mira converteuse na base da figura de Papá Noel, Santa Claus ou San Nicolao, personaxe lendaria que segundo a cultura occidental trae agasallos aos nenos polo Nadal (a noite do 24 ao 25 de decembro).
Notas
editar- ↑ "San Nicolo di Bari - The Original Santa Claus". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 24 de dicembre de 2012.
- ↑ "Myra". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2020. Consultado o 26 de enero de 2010.
- ↑ Casiano Pellicer: Tratado histórico sobre el origen y progresos de la comedia y del histrionismo en España. Madrid, 1804. Edición a cargo de José María Díez Borque, Barcelona, 1975, pp. 63-64
- ↑ Fernández de los Ríos. Guía de Madrid. Madrid, edición facsímile de Ediciones La Librería. ISBN 9788485226016.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nicolao de Mira |
Bibliografía
editar- Asano, Kazoo, ed. (2010). The Island of St. Nicholas. Excavation and Research of Gemiler Island Area, Lycia, Turkey. Osaka: Osaka University Press.
- Wheeler & Rosenthal (2005). St. Nicholas: A Closer Look at Christmas. Nelson Reference & Electronic.