Abrir o menú principal

O Necturus maculosus é unha especie de píntega do xénero Necturus que vive en Norteamérica.[2] Ten un estilo de vida totalmente acuático nos ríos, lagos e lagoas do leste de Norteamérica. Experimenta pedomorfose e mantén as súas branquias externas.[3] Como nesteanimal as respiracións pola pel e os pulmóns por si soas non son suficientes para o intercambio respiratorio de gases, ten que depender tamén das branquias externas como fonte primaria de intercambiode gases.[4] Xeralmente o animal é de cor marrón óxido[5] e pode medrar ata chegar a unha lonxitude media de 33 cm.[6] Son animais nocturnos e só saen durante o día se a auga na cal viven está turba.[2] A súa dieta consiste en case calquera cousa que poidan atrapar na boca, incluíndo insectos, miñocas, moluscos e anélidos.[5] Unha vez que a femia chega á súa madurez sexual, aos seis anos de idade, pode poñer como media 60 ovos.[5] Na natureza, a súa vida media é duns 11 anos.[7]

AspectoEditar

Poden serde cor marrón óxido con algo de gris e negro e adoitan ter pintas azuis anegradas, pero en Arkansas atopáronse algúns adultos albinos.[5] En augas claras iluminadas a súa pel faise máis escura, e inversamente, en augas escuras a pel fáiselles máis clara.[4] Na madurez sexual poden ter 20 cm de longo e continúa crecendo ata unha lonxitude media de 33 cm, aínda que se informou de individuos de ata 43,5 cm.[6] As súas branquias externas lembran plumas de avestruz e o tamaño que teñan depende dos niveis de oxíxeno presentes na auga. En augas encoradas, teñen branquias meirandes, e nas augas correntes moi oxixenadas téñenas máis pequenas.[3] As porcións distais das branquias son moi filamentosas e conteñen moitos capilares.[6] Teñen tamén extremidades pequenas e aplanadas que poden usar para camiñar lentamente sobre os fondos de ríos e lagoas, ou poden estar aplanadas contra o corpo durante os curtos aceleróns natatorios.[6] Na pel teñen glándulas mucosas, que lles proporcionan unha cuberta protectora mucosa, e glándulas granulares, que segregan veleno usado como defensa contra os depredadores.[3]

NeoteniaEditar

Son unha das moitas especies de píntegas que non chegan a sufrir metamorfose. A maioría das hipóteses sobre a orixe da falta de metamorfose en Necturus teñen que ver coa efectividade da glándula tiroide. A glándula tiroide dalgunhas píntegas, como o Ambystoma mexicanum (axolote), producen hormonas tiroides normais, pero as células do organismo que as teñen que captar expresan receptores de hormonas tiroides que están mutados, e non se unen correctamente coas hormonas, o que fai que algunhas píntegas permanezan nun estado de perpetua mocidade.[8] No N. maculosus estas hormonas exprésanse normalmente a diferenza do axolote. Porén, crese que en vez de ter tecidos insensibles a elas con receptores defectuosos que bloquean os seus efectos, algúns tecidos do animal, como as branquias externas, perderon co tempo a capacidade de ser reguladas polas hormonas tiroides.[9] Esta insensibilidade selectiva ás hormonas tiroides suxire un nivel normal de actividade no eixe hipotalámico-hipofisario-tiroide durante o desenvolvemento desta especie, a diferenza doutras especies de píntegas.

N. maculosus tampouco ten glándula paratiroide.[10] A maioría das píntegas con glándulas paratiroides dependen delas para a regulación da hipercalcemia; esta regulación en N. maculosus faina no seu lugar principalmente a glándula pituitaria (hipófise).[10] Nesta especie o propósito da ausencia de glándula paratiroide non se comprende ben. Unha razón para a ausencia podería ser a falta de variabilidade climática onde viven, xa que as glándulas paratiroides das píntegas varían grandemente dependendo dos cambios estacionais ou de se o organismo hiberna.[11]

DistribuciónEditar

N. maculosus vive en ríos, lagos e lagoas da parte occidental de Norteamérica.[3] Aparece desde o sur de Canadá ao sur de Xeorxia, e desde o mediooeste de Estados Unidos a Carolina do Norte.[7] Esta píntega permanece a cuberto baixo rochas e troncos durante o día e faise mái activa durante a noite.[6] Porén, en augas avoltas, é máis activo de día.[2] Poden incluso vivir baixo o xeo cando os lagos se conxelan.[2]

AlimentaciónEditar

 
A) Vista xeral da boca de N. maculosus. B) Vista ventral dos dentes vomerinos e premaxilares, localizados na parte superior da boca. C)Mandíbula inferior ou dentario montrando a dentición homodonta. Espécime da colección de Historia Natural da Universidade Luterana do Pacífico.

N. maculosus ten filas de dentes que usa para comer as súas presas.[4] As píntegas teñen tres conxuntos diferentes de dentes: dentes dentarios, premaxilares e vomerinos, que se denominan así polo seu lugar de inserción na boca.[12] Todos os dentes, malia as súas diferentes localizacións, son pequenos, cónicos e moi similares (dentición homodonta).[13][14] O animal nunca abandona o seu ambiente acuático e non sofre morfoxénese, pero moitas píntegas fano e desenvolven dentes diferenciados.[15] Os dentes das píntegas acuáticas utilízanse para dificultar o escape das presas, pero non teñen a misión de esmagar.[16] Cando a píntega usa o estilo de alimentación de "absorber e abrir a boca", a presa é impulsada cara adentro da boca e a función dos dentes é agarrar a presa dentro da boca e impedir que escape.[12] A ambos os lados da boca, os beizos encaixan permitíndolle usar a alimentación por succión.[6] Son criaturas carnívoras e comen case calquera cousa que poidan atrapar na boca. Normalmente comen insectos, moluscos, anélidos, pequenos peixes, anfibios, miñocas e arañas. A mandíbula tamén desempeña un papel significativo na súa dieta. É unha mandíbula metaautostila, como a da maioría dos anfibios, o que significa que é máis estable, e as píntegas teñen un dentario.[13] Isto afecta a súa dieta ao limitar a flexibilidade da mandíbula para comer grandes presas. N. maculosusu ten poucos depredadores, pero entre eles están peixes, cangrexos, tartariugas e serpes acuáticas. Como os pescadores frecuentemente os capturan e despois os tiran mortos, os humanos considéranse un dos seus principais depredadores.[5] Tamén teñen parasitos. As larvas (gloquidios) do molusco bivalvo Simpsonaias ambigua parasitan as branquias das píntegas Necturus durante unha fase do seu desenvolvemento.[17]

ReproduciónEditar

Tardan seis días en chegar á madurez sexual.[6] O apareamento ten lugar normalmente en outono, aínda que non poñen os ovos ata moito máis tarde.[3] Cando os machos están listos para a reprodución, as súas cloacas están inchadas. Os machos depositan os seus espermatóforos no substrato ambiental. A femia recólleos despois coa súa cloaca e almacénaos nunha pequena glándula ou bolsa especializada, a espermateca, ata que os ovos sexan fertilizados.[5] As femias almacenan o esperma ata a ovulación e a fecundación é interna e ten lugar, xeralmente xusto antes da posta, en primavera.[6] Antes de que os ovos sexan depositados, os machos abandonan o niño.[5] Cando está lista, a femia deposita os ovos nun lugar seguro, xeralmente baixo nunha rocha ou tronco.[6] Pode poñer de 20 a 200 ovos,[3] normalmente unha media de 60.[5] Os ovos non están pigmentados e teñen uns 5 ou 6 mm de diámetro. A femia permanece cos ovos durante o período de incubación (arredor de 40 días). As crías son de 2,5 cm de longo e crecen ata os 3,6 cm antes de que consuman completamente a xema pegada aos seus corpos.[6]

SubespeciesEditar

  • N. m. louisianensis Viosca, 1937
  • N. m. maculosus (Rafinesque, 1818)
  • N. m. stictus Bishop, 1941

NotasEditar

  1. IUCN SSC Amphibian Specialist Group (2015). "Necturus maculosus". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2015: e.T59433A64731610. doi:10.2305/IUCN.UK.2015-4.RLTS.T59433A64731610.en. Consultado o 15 December 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Mattison, Chris (2005). "Mudpuppy." in Encyclopedia of Reptiles and Amphibians: An Essential Guide to Reptiles and Amphibians of the World. Thunder Bay Press, pp. 32–33.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Halliday, Tim R., and Kraig Adler (eds.) (1986). "Salamanders and Newts." The Encyclopaedia of Reptiles and Amphibians. Oxford: George Allen and Unwin, pp. 18–31.
  4. 4,0 4,1 4,2 Chiasson, Richard B (1969). Laboratory Anatomy of Necturus. 3rd ed. Dubuque: Wm C. Brown.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Petranka, James W. (1998). Salamanders of the United States and Canada. Washington: Smithsonian Institution.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 6,9 Gans, C., and R. A. Nussbaum (1981). "The Mudpuppy." Vertebrates, a Laboratory Text. Ed. Norman K. Wessells and Elizabeth M. Center. 2nd ed. Los Altos, Calif.: W. Kaufmann, pp. 108–41.
  7. 7,0 7,1 "Mudpuppies, Mudpuppy Pictures, Mudpuppy Facts". Animals, Animal Pictures, Wild Animal Facts – National Geographic. Web. 18 April 2010.
  8. "Axolotls as models in neoteny and secondary differentiation | Developmental Biology Interactive". www.devbio.biology.gatech.edu (en inglés). Consultado o 2017-03-19. 
  9. Vlaeminck-Guillem, Virginie; Safi, Rachid; Guillem, Philippe; Leteurtre, Emmanuelle; Duterque-Coquillaud, Martine; Laudet, Vincent (2004-09-01). "Thyroid hormone receptor expression in the obligatory paedomorphic salamander Necturus maculosus". The International Journal of Developmental Biology (en inglés) 50 (Next). ISSN 0214-6282. doi:10.1387/ijdb.052094vv. 
  10. 10,0 10,1 Duellman, William Edward (1994). Biology of Amphibians. Baltimore: The Johns Hopkins University Press. 
  11. Cortelyou, John R.; McWhinnie, Dolores J. (1967). "Parathyroid Glands of Amphibians. I. Parathyroid Structure and Function in the Amphibian, with Emphasis on Regulation of Mineral Ions in Body Fluids". American Zoologist 7 (4): 843–855. JSTOR 3881518. doi:10.1093/icb/7.4.843. 
  12. 12,0 12,1 Wessels, Norman K.; Center, Elizabeth M. (1992-01-01). Vertebrates (en inglés). Jones & Bartlett Learning. ISBN 9780867208535. 
  13. 13,0 13,1 Kardong, Kenneth (2015). Comparative Vertebrate Anatomy: A laboratory Dissection Guide. New York: McGraw-Hill Education. pp. 71–72. 
  14. Kardong, Kenneth (1995). Vertebrate: Comparative Anatomy, Function, Evolution. New York: McGraw-HIll. pp. 215–225. ISBN 9780078023026. 
  15. Xiong, Jianli (2014). "Comparison of vomerine tooth rows in juvenile and adult Hynobius guabangshanensis". Vertebrate Zoology 64: 215–220. 
  16. Xiong, Jianli (2014). "Comparison of vomerine tooth rows in juvenile and adult Hynobius guabangshanensis". Vertebrate Zoology 64: 215–220. 
  17. "Simpsonaias ambigua Michigan Natural Features Inventory" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de abril de 2019. Consultado o 19 de abril de 2019. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar