Near Earth Asteroid Rendezvous

NEAR (do acrónimo de Near Earth Asteroid Rendezvous), máis tarde renomeada NEAR Shoemaker en honor do científico Gene Shoemaker, foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 17 de febreiro de 1996 mediante un foguete Delta II (modelo Delta 7925) desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral, no estado de Florida. O seu obxectivo principal foi o estudo do asteroide 433 Eros.[1][3]

Near Earth Asteroid Rendezvous / NEAR Shoemaker
Near Shoemaker.jpg
Representeación de NEAR achegándose ao asteroide 433 Eros
TipoCientífico
OrganizaciónNASA[1]
Destino actualAterrado en 433 Eros
Data de lanzamento17 de febreiro de 1996, 20:43 GMT[2][3][4]
Foguete portadorDelta II (Delta 7925)[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 17B[3][5][6]
Obxectivo da misiónEstudo do asteroide 433 Eros[3][6]
NSSDC ID1996-008A
Masa487 kg (baleiro), 818 kg (con propelente)[1][3][6]
Potencia1800 vatios[5]

CaracterísticasEditar

NEAR foi a primeira nave en orbitar un asteroide e de aterrar, ao final da súa misión, na súa superficie. O obxectivo principal da misión foi estudar as propiedades fundamentais, composición, mineraloxía, morfoloxía, distribución interna de masa e campo magnético do asteroide Eros, un asteroide de clase S e unhas dimensións de 13 x 13 x 33 km. Como obxectivo secundario tivo o estudo das propiedades do regolito da superficie, as interaccións co vento solar, indicios de posible actividade actual e estudo do xiro do asteroide.[1][3][4]

A sonda foi lanzada o 17 de febreiro de 1996 a bordo dun foguete Delta 7925 para entrar nunha órbita heliocéntrica e permanecer en estado de hibernación ata a súa reactivación para o sobrevoo do asteroide 253 Mathilde o 27 de xuño de 1997. NEAR achegouse a só 1200 km da superficie de Mathilde, que ten un diámetro de 61 km, pasando a unha velocidade relativa de 9,93 km/s e fotografiándoo e obtendo datos cos seus instrumentos. O 3 de xullo NEAR acendeu o seu motor principal, de 450 Newton de pulo, dúas veces para modificar a súa órbita e deixar o seu perihelio a unha distancia de 0,95 unidades astronómicas (UA) co fin de preparar un sobrevoo da Terra. O sobrevoo tivo lugar o 23 de xaneiro de 1998, cunha distancia mínima de 540 km, modificando a órbita de NEAR ao cambiar a súa inclinación orbital de 0,5 a 10,2 graos e o seu afelio de 2,17 a 1,77 UA, uns parámetros orbitais similares aos de Eros.[1][3][6]

 
O asteroi de Mathilde.

O 20 de decembro de 1998 NEAR acendeu o seu motor para executar unha manobra que o achegaría a Eros, pero o motor foi apagado debido a un problema de software, perdéndose o contacto coa sonda. Ata 24 horas máis tarde non se conseguiron restablecer as comunicacións coa nave, demasiado tarde para seguir coas manobras de achegamento a Eros. O control da misión decidiu replanificar a misión e o 23 de decembro de 1998, ás 18:41:23 UTC, NEAR sobrevoou Eros a unha velocidade de 0,965 km/s e unha distancia de 3827 km, pasando de longo ao mesmo tempo que a sonda tomaba fotos e datos do asteroide. O 3 de xaneiro de 1999 NEAR acendeu o seu motor na primeira dunha serie de manobras orbitais que a levarían, máis dun ano despois, de novo á veciñanza de Eros para entrar en órbita arredor del.[1][3][6]

A inserción orbital de NEAR arredor de Eros tivo lugar o 14 de febreiro de 2000 ás 15:33 UTC. Antes da inserción orbital tiveron lugar unha serie de manobras para frear a sonda e se buscaron posibles lúas do asteroide para evitar posibles colisións.[1][3][6]

NEAR pasou un ano arredor de Eros, cambiando a súa órbita e baixándoa para estudar mellor o asteroide. O control da misión fixo aterrar a sonda suavemente sobre o asteroide o 12 de febreiro de 2001, tomando contacto coa superficie ás 20:01:52 UTC, converténdose na primeira nave en pousarse sobre un asteroide. A sonda continuou transmitindo datos do seu espectrómetro de raios gamma desde a superficie ata o 28 de febreiro, en que se perdeu o contacto. Intentouse retomar o contacto coa sonda o 10 de decembro de 2002, sen éxito.[1][3][6]

A naveEditar

NEAR tiña forma de prisma octogonal, de aproximadamente 1,7 metros de longo, con catro paneis solares fixos de arseniuro de galio e unha antena de alta ganancia de 1,5 metros de diámetro funcionando en banda X. A antena leva no cumio do alimentador o magnetómetro e un monitor de raios X solares na cuberta superior, onde se apoia a antena. O resto de instrumentación atópase na cuberta inferior. A nave estabilízase nos tres eixos, para o cal usaba un sistema de motores alimentados por hidracina e tetróxido de nitróxeno. O motor principal tiña un pulo de 450 N, mentres que levaba catro motores de 21 N e sete de 3,5 N como forma de propulsión adicional e capaz en total dunha delta V de 1450 m/s. O control de actitude tiña lugar tanto mediante propulsores como mediante catro volantes de inercia. O sistema de propulsión levaba 209 kg de hidracina repartidos entre dous tanques e 109 kg de tetróxido de nitróxeno repartido entre tres.[1][3][6]

Os paneis solares proporcionaban ata 400 vatios de potencia a unha distancia de 2,2 UA e 1800 vatios a 1 UA. A enerxía era almacenada nunha batería de níquel-cadmio cunha capacidade de 9 amperios-hora. A guía da nave conseguíase mediante unha serie de sensores solares, dunha unidade de medición inercial e dunha cámara estelar.[1][3][6]

 
O asteroide 433 Eros tal como foi visto por NEAR.

InstrumentosEditar

NEAR levaba seis instrumentos principais a bordo:[1]

  • MultiSpectral Imager (MSI): é un telescopio refractor cun CCD de 244x537 píxeles para fotografiar o asteroide, determinar a súa forma, xiro e morfoloxía e estudar a súa composición superficial.
  • Espectrómetro de raios X e raios gamma (XGRS): contén dous sensores para estudar a composición elemental da superficie do asteroide.
  • Espectrógrafo do Infravermello Próximo (NIS): é un espectrómetro que cobre a banda entre 800 e 2700 nm. Usouse para cartografar a composición mineralóxica do asteroide.
  • Magnetómetro: levaba un sensor de porta de fluxo de tres eixos para medir o campo magnético de Eros.
  • NEAR Laser Rangefinder (NLR): era un altímetro láser para medir a distancia entre a nave e a superficie do asteroide co fin de determinar a súa forma e estrutura de superficie.
  • Ciencia de radio: usouse o sistema de comunicación para facer medicións do campo de gravedade de Eros.

NotasEditar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "NEAR (Discovery 2, Shoemaker)" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  2. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "NEAR" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 NASA (26 de agosto de 2014). "NEAR Shoemaker" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2015. Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  4. 4,0 4,1 "Note verbale dated 4 June 1996 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (96-84590). 28 de xuño de 1996. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2015. Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  5. 5,0 5,1 Claude Lafleur (2010). "NEAR / Shoemaker" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2018. Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2011). "NEAR" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2015. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar