Nacionalismo valenciano
O nacionalismo valenciano é unha corrente social estruturada tanto cultural como politicamente que preserva e promove o recoñecemento da personalidade política, lingüística e cultural do País Valencià ou Nación Valenciana.[3] Como ideoloxía, formou parte da sociedade valenciana durante máis de cen anos, cunha incidencia electoral e social variable, contribuíndo á concepción política do antigo Reino de Valencia e sendo un actor decisivo na reivindicación e consolidación do autogoberno da actual Comunidade Valenciana.[4] Baixo a accepción de nacionalismo valenciano a miúdo inclúense grupos que politicamente deberían ser cualificados de "nacionalistas cataláns" ou sinxelamente como catalanistas,[5] xa que entenden que a nación dos valencianos son os Países Cataláns.[6]
Historicamente, o valencianismo orixínase no século XIX como un movemento cultural durante a Renaixença valenciana nunha época na que se intentaba recuperar o prestixio social do valenciano e da cultura valenciana despois de séculos de diglosia e da desaparición do reino de Valencia baixo o absolutismo borbónico con iniciativas como a restauración dos Xogos Florais por Lo Rat Penat. Sería no século XX, e como escisións de Lo Rat Penat que xurdirían as primeiras asociacións valencianistas.[4] Un dos seus primeiros fitos sería a Declaración valencianista de 1918, se ben non sería até a Segunda República Española que o nacionalismo valenciano acadaría certa presenza política e un clima favorable á consecución dun estatuto de autonomía.[4] A ditadura franquista acabou coas aspiracións valencianistas, e diluíu a súa tradición.[4] Durante a década de 1960, Joan Fuster i Ortells propuxo un novo valencianismo de tipo catalanista. Estes supostos provocaron a reacción dun sector do valencianismo encabezado por Aldert i Casp que vía nas propostas de Fuster non o tradicional irmandamento con Cataluña, senón un sometemento. A división interna do valencianismo viu aparellada coa intervención do nacionalismo español que atopou nas teorías do pancatalanismo un argumentario idéneo para atacar o catalanismo e ó mesmo tempo debilitar o valencianismo dende dentro na súa reivindicación de nacionalidade histórica durante o proceso estatutario e de recuperación nacional; os episodios máis virulentos deste conflito foron coñecidos co nome de Batalla de Valencia.
Durante a década de 1980 xurdiu o movemento rexionalista chamado blaverismo, caracterizado polo españolismo e o anticatalanismo,[7] que se agrupou politicamente arredor do partido Unió Valenciana. Na década de 1990, os dirixentes deste partido integráronse maioritariamente no Partido Popular e Unió Valenciana practicamente desapareceu sen volver ter representación política nas Corts Valencianes. A comezos do século XXI, Juan García Sentandreu intentou resucitar o blaverismo formando o partido Coalició Valenciana, incidindo coma no pasado no españolismo e no anticatalanismo, pero estas teorías fracasaron na sociedade valenciana actual, o partido non obtivo xamais representación parlamentaria, e acabou por disolverse no 2011.[8]
Hoxe en día, os académicos valencianos da Acadèmia Valenciana de la Llengua normalizaron o valenciano deixando claro que «valenciano» e «catalán» son dúas denominacións sinónimas e equivalentes para «un mesmo sistema lingüístico»,[9] sentenza filolóxica que foi ratificada legalmente por diversas sentencies xudiciais do Tribunal Supremo.[10][11] O valencianismo político estivo representado nas Cortes Valencianas por Coalició Compromís. Segundo os estatutos aprovados polo principal partido da coalición, o Bloc Nacionalista Valencià, en 2009, un dos seus obxectivos é "A consecución da plena soberanía nacional do pobo valenciano", se ben contempla a posibilidade de asociarse cos territorios cos que Valencia comparte "unha mesma lingua, cultura ou historia".[12]
Historia
editarOrixes
editarOs historiadores sinalan ó doutor Faustí Barberà como pai do valencianismo político, e a lectura en 1902 do seu discurso De regionalisme i valentinicultura como unha simbólica data de nacemento para o nacionalismo valenciano,[13][14][15][16] cun texto onde se pedía a autonomía para Valencia, rachando coa liña apolítica da Renaixença cultural valenciana.[17][18] A Renaixença que precedeu a aparición do valencianismo non destacou por ter implicacións políticas ó ser protagonizada por personaxes como Teodor Llorente que o atoparon innecesario.[19][20] Malia isto, xa dende aquela xorden algúns grupos valencianistas, a miúdo arredor de Lo Rat Penat, entidade, porén, coa que estivo enfrontada durante boa parte do nacemento do valencianismo por mor dos seus tépedos e elitistas posicionamentos.[21][22][23]
O primeiro grupo organizado, València Nova, convocou e celebrou en 1907 a Primeira Assemblea Regionalista Valenciana,[16][24] tratando de acadar un pacto solidario valenciano, inspirado na Solidaritat Catalana. València Nova converteuse máis tarde no Centre Regionalista Valencià que acolleu á "Joventut Valencianista" relacionada coa Joventut Nacionalista de Castelló e coa Joventut Valencianista de Catalunya. De influencia soviética naceu a Joventut Nacionalista Obrera en 1921, organización de esquerdas que propuña abertamente o Estado valenciano.[25]
A primeira xeración de valencianistas publicaron diversas revistas, sendo Pàtria Nova unha das máis importants pola súa transcendencia.[15] Malia que o fenómeno apareceu na cidade de Valencia, co tempo apareceron grupos valencianistas noutras localidades do país, especialmente nas comarcas centrais e nas comarcas do norte.
Un dos feitos máis destacados daquel incipiente nacionalismo valenciano foi a promulgación da Declaración Valencianista de 1918, patrocinada principalmente pola mesma Joventut Valencianista. Naquela declaración recollíanse algúns dos posicionamentos básicos do movemento nacionalista valenciano da época.[4]
O pensamento valencianista primixenio xa era heteroxéneo, pero en boa medida partidario da construción nacional estritamente valenciana, da potenciación do uso do valenciano e do establecemento de relacións especiais entre os territorios do seu dominio lingüístico,[26] iso si, nun escenario non exento da confusión propia dun baixo grao de desenvolvemento das ciencias sociais e da filoloxía.[27] Se ben o recoñecemento das ligazóns culturais co resto do dominio lingüístico era evidente nas manifestacións dos valencianistas de preguerra, tampouco se declaraba de xeito explícito.[28] A influencia de Cataluña tamén se vería nalgúns intentos de crear no País Valencià estruturas semellantes ás que se estaban a conseguir nese territorio, como o intento de crear unha Mancomunidade Valenciana, ou a candidatura electoral da Solidaritat Valenciana.[29]
No tocante ás ideas pancatalanistas propostas por unha parte do nacionalismo de Cataluña, había no valencianismo de preguerra propostas políticas de eido territorial máis amplas que o estritamente valenciano.[26] Se ben a catalanofilia era habitual, no caso de Eduard Martínez i Ferrando, autor do texto Síntesi del criteri valencianista,[30] que propuña ir máis lonxe na concepción dun espazo común con cataláns e baleares.[31] Malia isto, a entidade que puxo o pancatalanismo enriba da mesa do debate valencianista foi Acció Cultural Valenciana, asociación de carácter transversal e orixe universitaria que non recoñecía a Cataluña ou o País Valencià como nacións separadas, senón unidas.[32] Na súa publicación, Acció Valenciana, hai textos a prol dunha nacionalidade catalá integrada polos estados federais de Cataluña, Valencia e Mallorca,[33] considerando que o pobo valenciano constituía unha forte personalidade dentro deste conxunto, e que esta forte personalidade dáballe dereito a constituír un estado soberano diferenciado do de Cataluña, chamado Estado Valenciano.[34]
Porén, as propostas políticas que, dende o valencianismo daban as a posibles territorios máis amplos expresábanse en termos máis ou menos abstractos,[35] ou de colaboración entre territorios irmáns,[36] onde o País ou Nación valenciana eran o marco político de soberanía. Tampouco eran propostas que racharan coa integridade territorial do Estado español, xa que non eran propostas de carácter independentista.[37]
Un caso significativo no tocante ás relacións entre Valencia e Cataluña é o que protagonizou Josep Maria Bayarri,[28] autor dunha normativa propia para o valenciano diferenciada do catalán, ou do libro El perill català. Aínda que polo xeral sexa visto como un dos precursores anticatalanistas valencianos, é preciso ter en conta que o texto de Bayarri está escrito dende o aprecio cara ó pobo catalán, e que malia o título rechamante, o seu libro é en realidade un text contrario ó pancatalanismo,[38] como resposta a algunhas propostas de signo contrario que chegaban dende Cataluña.[39][40] Paradoxicamante, o anticatalanismo era unha das pezas chave do discurs republicano blasquista que acotío instrumentalizaba en contra do mesmo valencianismo[28] ós que acusaba de cómplices da burguesía catalá contemporánea.[41]
Notas
editar- ↑ Archilés Cardona, Ferran (2007). Europa, Espanya, País Valencià. Nacionalisme i democràcia: passat i futur. Universitat de València. p. 156. ISBN 978-84-370-6906-7.
- ↑ Temps d'acció, páxina 145, Editorial Denes
- ↑ Bodoque 2011, p. 20.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 O valencianismo político do século XX e o País Valencià do século XXI, Vicent Flor i Moreno en DDAA (2009). 90 anys de la declaració valencianista (PDF). Valencia: ACV Tirant lo Blanc. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de decembro de 2012. Consultado o 31 de xullo de 2015.
- ↑ Iborra, Josep (1995). La trinxera literària, 1974-1990: estudis sobre literatura catalana al País Valencià. Universitat de València. p. 200. ISBN 8478266267.
- ↑ Bodoque 2011, p. 54.
- ↑ Flor i Moreno 2011.
- ↑ Levante-EMV, ed. (26/5/2011). "Coalició Valenciana suspende su actividad como partido político tras el chasco electoral" (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2013.
- ↑ Acadèmia Valenciana de la Llengua, ed. (9/2/2005). "Acord de l'Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL), adoptat en la reunió plenària del 9 de febrer del 2005, pel qual s'aprova el dictamen sobre els principis i criteris per a la defensa de la denominació i l'entitat del valencià" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23/09/2015. Consultado o 9/2/2005.
- ↑ El Mundo, ed. (5/4/2006). "El Supremo afirma en una sentencia que el valenciano y el catalán son la misma lengua" (en castelán).
- ↑ ACPV, ed. (7/3/2013). "Acció Cultural guanya una nova sentència front al govern valencià a favor del reconeixement del títol de filologia catalana i de la unitat de la llengua".
- ↑ Bloc Nacionalista Valencià (ed.). "Estatuts del Bloc Nacionalista Valencià" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04/11/2011. Consultado o 6/4/2013.
- ↑ Cucó Giner, Alfons. El siglo de los nacionalismos (PDF) (en castelán). pp. 2–9. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xuño de 2012.
- ↑ Bonells, Jordi; Frau, Manuel (2001). Les Nationalismes espagnols (1876-1978) (en francés). Éditions du Temps. pp. 121–122. ISBN 978-2-84274-182-2.
- ↑ 15,0 15,1 Sanchis Guarner & 2009 (1933), p. 330.
- ↑ 16,0 16,1 Cassasas 2012, p. 106
- ↑ Ferrando Francés & Amorós 2011, p. 354
- ↑ Cucó 1965, p. 27
- ↑ Flor i Moreno 2010, p. 122.
- ↑ Joan Fuster i Ortells, Antologia de la poesia valenciana, Barcelona, 1956
- ↑ Sanchis Guarner & 2009 (1933), p. 324.
- ↑ Sanchis Guarner 1982, p. 46-47
- ↑ Cucó 1971, p. 57
- ↑ "Valencianisme". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
- ↑ "Joventut Nacionalista Obrera". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
- ↑ 26,0 26,1 Archilés Cardona, Ferran. Vicent Flor i Moreno, ed. La identitat valenciana a l'època contemporània: una perspectiva històrica. Nació i identitats, pensar el país valencià (en valenciano). pp. 32–33. ISBN 978-84-92542-80-2.
- ↑ Franch i Ferrer, Vicent (1980). El Nacionalisme Agrarista Valencià (1918-1923). Volum I. Prometeo. ISBN 84-7199-138-1.
"Així doncs, no ens ha d'estranyar que per a referir-se al conjunt de terres valencianes s'utilitzen en aquell moment diversos noms; utilització que demostra el desig de trobar-ne un d'adient. Noms com "Regne de València", "Antic Regne de València", "Reialme de València", "Pàtria Valenciana", "Regió valenciana", "Nació valenciana" o "Nacionalitat valenciana", utilitzats alhora i sense cap mena de jerarquia serien la prova d'un procés de recerca del mot precís, de la denominació que pogués quallar per sempre més."
- ↑ 28,0 28,1 28,2 Franch i Ferrer 1980, p. 142.
- ↑ Rico 2013, p. 69-70
- ↑ Martínez Ferrando, Eduard (1918). Síntesi del criteri valencianista (PDF). Joventut valencianista. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xaneiro de 2016. Consultado o 01 de agosto de 2015.
- ↑ Martí Monterde & Rosell Nicolàs 2012, p. 28-29.
- ↑ Rico 2013, p. 71
- ↑ Pérez Moragón, Francesc (1983). "El valencianisme i el fet dels Països Catalans (1930-1936)" (PDF). L'Espill (en catalán) (19): 57–82. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04/03/2016. Consultado o 7/4/2013.
- ↑ Declaració Nacional Valenciana extret de la revista "Acció Valenciana", 1930-1931.
- ↑ Franch i Ferrer 1980, p. 145.
- ↑ Franch i Ferrer 1980, p. 154.
- ↑ Rico 2013, p. 70
- ↑ Flor i Moreno 2010, p. 67.
- ↑ Francesc, Viadel (2009). No mos fareu catalans. Història inacabada del blaverisme. Universitat de València. pp. 49–52. ISBN 978-84-370-7414-6.
- ↑ El Perill Català Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. Pódese ler o libro neste pdf publicado per Antiblavers.org
- ↑ Flor i Moreno 2010, p. 66.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nacionalismo valenciano |
Ligazóns externas
editar- València en la integració de Catalunya port Joan Fuster i Ortells.
- Valencianisme.com, O portal web do Valencianismo de construción.
- Noves glòries a Espanya. Anticatalanisme i identitat valenciana de Vicent Flor.