Unió Valenciana (UV) foi un partido político conservador da Comunidade Valenciana.

Papeleta de UV das eleccións locais de 1995.

Historia editar

UV formouse en agosto de 1982 dentro do ámbito político coñecido como blaverismo que rexeita que a Comunidade Valenciana sexa de cultura catalá e reivindicando o valenciano como unha lingua diferenciada do catalán. Nas eleccións xerais de 1982 participou xunta Alianza Popular, coalición que se mantivo nas eleccións autonómicas de 1983.

Nas eleccións xerais de 1986 presentouse en solitario e conseguiu acta de deputado para o seu presidente e fundador Vicente González Lizondo, neses anos consolidou a súa presenza electoral e nas eleccións xerais de 1989 obtivo dous deputados e foi a terceira forza política nas eleccións valencianas de 1991 con sete escanos e o 10.47% dos votos. Nas eleccións valencianas de 1995 o PSPV-PSOE perdeu a maioría absoluta e UV co 7% dos votos e 5 deputados converteuse na forza clave para gobernar a comunidade, así UV entrou no goberno logo de pactar co Partido Popular, o cal provocou que progresivamente numerosos dirixentes da UV se fosen integrando no PP, o cal provocou unha crise interna en UV que acabou coa expulsión do seu fundador, González Lizondo. Nas eleccións valencianas de 1999 UV quedou co 4.76% dos votos e non logrou entrar no Parlamento. Nas eleccións valencianas de 2003 en coalición con diversos partidos locais baixou aínda máis quedando no 3.03% dos votos. UV renunciou a participar nas eleccións xerais de 2004 en troques da inclusión do seu líder, José María Chiquillo como independente nas listas para o senado do PP, logo dunhas eleccións internas Chiquillo deixou o partido pero mantivo a súa acta de senador, o que xerou unha fonda crise institucional en UV. O derradeiro presidente de UV foi José Manuel Miralles, concelleiro en Náquera. Unió Valenciana desapareceu en xuño de 2014.