Níscaro
Clasificación científica
Reino: Fungi
División: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Subclase: Incertae sedis[1]
Orde: Russulales
Familia: Russulaceae
Xénero: Lactarius
Especie: L. deliciosus
Nome binomial
'Lactarius deliciosus'
L. ex Fr. Gray, 1821
Sinonimia
  • Agaricus deliciosus L. 1753
  • Galorrheus deliciosus (L.) P. Kumm. 1871
  • Lactifluus deliciosus (L.) Kuntze 1891

O níscaro[2], lactouro ou fungo da muña [3](Lactarius deliciosus), é un fungo basidiomiceto comestíbel, da familia Russulaceae. É moi común na Península Ibérica, tamén en Galiza e medra en piñeirais e fragas. O seu cogomelo, ou corpo frutífero, abrolla polo outono, e é moi apreciado en gastronomía. O basónimo desta especie é Agaricus deliciosus L. 1753. O epíteto específico, deliciosus, significa "delicioso".[4]

Lactarius deliciosus da Serra de Tramontana en Mallorca.

Etimoloxía editar

O nome de fungo da muña vén de que o podemos atopar en chans alfombrados por isca ou muña (folla seca dos piñeiros)

Descrición editar

O seu pé é oco e curto, máis ou menos cilíndrico ou un chisco estreitado na base. De estrutura granulosa: macizo de moi novo, despois ten zonas ocas sen deixar de ser resistente. É da cor do chapeu porén máis pálido, con algúns buratiños superficiais de cor máis intensa. Adoita ter parasitos e logo tórnase feble. O chapeu adoita oscilar entre os 4 e os 16 cm. de diámetro e a súa cor alaranxada vese modificada por círculos concéntricos de tons arroibados e pálidos. De novos, os níscaros teñen o chapeu enrolado polos bordos e conforme envellece achátase para evolucionar a unha forma de funil. As lamelas son da mesma cor, apertadas, finas e decurrentes.

A súa carne é mesta e compacta, cun recendo suave e un sabor doce en cru, e algo amargo ao final. Ao cortárense botan un látex de cor alaranxada. Axiña oxida, adquirindo unha cor verdosa cando avellenta ou ao pasar algunhas horas da súa colla. Un dos seus colorantes elimínase polo ril despois da inxerir; por isto os ouriños tórnanse dunha cor que pode asustar ao que non coñece a causa.

A distinta valoración respecto da súa calidade culinaria pódese deber a que o seu sabor varía co terreo onde medra, ou a que acotío se toman por níscaros outras especies moi semellantes ou se aproveitan exemplares con moitas zonas de cor verdosa por seren vellos, estaren maltratados ou, o máis frecuente, que fican parasitados.

Refráns editar

  • Sombra de lateiro, fungos da muña no abeiro.
  • Ollo á mexada, se fungos da muña, van na empanada. (Cando se consomen os Lactarius deliciosus a micción acostuma tomar unha cor arroibada, sinal de que os riles están ben).
  • O fungo da muña, cásate con el, se che deixa o anel.[5]

Hábitat editar

Medra formando micorrizas con diversas coníferas, especialmente do xénero Pinus.

Comestibilidade editar

O cogomelo de Lactarius deliciosus é un comestíbel apreciado. Acotío é consumido asado, guisado, ou como gornición dos guisos de carne.

En Cataluña é moi apreciado e coñéceno co nome de rovelló.

Posíbeis confusións editar

Pódese confudir co falso níscaro (Lactarius torminosus), tamén comestíbel e moi apreciado níscaro de sangue (Lactarius sanguifluus), chapeu de cor máis apagada e látex de cor avermellada.

Notas editar

  1. Ficha en Indexfungorum
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para níscaro.
  3. Nomes vulgares galegos en Vocabulario Forestal, VV.AA., Universidade de Santiago de Compostela, 2012
  4. Grünert, H.; Grünert, R.; VV.AA. (1984). Guías de Naturaleza Blume: Setas (t. original:"Pilze"). Barcelona: Blume. p. 172. ISBN 84-87535-11-9. 
  5. Na Web de Galicia Encantada - http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar