Montería
A montería ou montaría é unha modalidade de caza maior. Nela teñen un especial protagonismo os cans de caza, xa que sen eles sería imposible levala a cabo. Existiron e existen diferentes tipos de montería segundo o territorio onde se practica, o xeito de entender a caza e a utilización dunhas ou doutras razas de cans.
Historia
editarAs primeiras noticias importantes sobre a montería datan da Baixa Idade Media, cando distintas casas reais e nobres europeas de Portugal, Castela, Francia, a actual Alemaña etc… encargaron a elaboración de Tratados de Caza, actividade favorita da clase dirixente naquel tempo, dos que hoxe coñecemos un bo número, sendo algúns deles:
- “Libro de la montería” de Afonso XI, rei de Castela (s. XIV).
- “Tratado de la montería” dun monteiro da Serra de Segura (s.XV).
- “Le livre de chasse du roy Modus” (s. XV).
- “Le livre de la chasse”, de Gastón III Phoebus (s. XIV).
- “Livro da Montaría” do Rei Xoán I de Portugal (s. XIV).
Durante a Idade Media na Península Ibérica coñecéronse diferentes tipos de montería. Dous tipos moi peculiares eran a montería con redes e a montería a buitrón, levadas a cabo sobre todo no noroeste da Península Ibérica para a caza do lobo (principalmente en Galicia). A montería a buitrón consistía na condución dos lobos cara a uns enormes funís feitos con balados de pedra ou sebes mediante batidas nas que participaban unha cantidade inxente de persoas. Estes funís, tamén chamados armadas remataban nun estreito paso cun profundo foxo cara a onde eran conducidos e mortos os lobos e calquera outro tipo de caza.
De tódolos xeitos a forma de montería máis común en toda Europa naquel tempo era aquela na que previamente á caza andábase na procura do lugar de encame da presa seguindo o rastro do animal elixido coa axuda dun sabuxo atrelado, para, unha vez coñecida a localización do encame, situar en lugares estratéxicos de paso do animal parellas de alaos e lebreis co obxecto de atrapalo. Para lanzar o animal cara ás posturas atacábase o encame con cans sabuxos e seguíase a persecución por parte de cazadores tanto a pé como dacabalo para tentar, xunto con sabuxos, alaos e lebreis, atrapar a peza de caza.
Durante a Idade Media en Galicia este tipo de montería realizábase sobre todo para a caza do oso e do xabaril, mentres que por exemplo en Francia tiña unha maior importancia a caza do cervo. Xeralmente escollíase o animal a cazar durante a fase de busca do encame con sabuxo atrelado, elixindo preferentemente como presa un macho adulto en plenitude de facultades.
A partir do Renacemento e sobre todo da xeneralización das armas de fogo nos séculos XVII e XVIII a montería medieval foi derivando, segundo cada territorio e país, en modalidades que hoxe en día difiren bastante entre si, como pode ser a montería no norte da Península Ibérica, a Venerie francesa (tanto a referida á caza maior ou Gran Venerie, que se practica a cabalo, como a referida á caza menor ou Petit Venerie, que se practica a pé) , o Fox-Hunting (Caza do raposo a cabalo) no Reino Unido, ou ben a montería denominada hoxe día “a la española” practicada no centro e sur da Península Ibérica.
A montería na Península Ibérica
editarHoxe en día existen principalmente dous tipos de montería na Península Ibérica, a practicada no extremo norte (principalmente na metade norte de Galicia, Asturias e Cantabria), que como veremos responde xenuinamente case que punto por punto á montería peninsular máis tradicional, e a montería “á española”, que é a derivación da montería peninsular en Portugal e centro e sur de España, gardando esta xa moi pouco parecido coa orixinal.
A montería norteña
editarTal como se facía durante a Baixa Idade Media, no norte e noroeste da Península Ibérica cázase o xabaril na modalidade denominada “caza do xabaril a corda”. Nesta modalidade de caza alcanzan un protagonismo total os cans sabuxos e os seus condutores, os monteiros.
A primeiras horas da mañá cada monteiro sae co seu can sabuxo atado a unha longa corda chamada “cordel” ou “trela” na procura do rastro dos xabarís. Unha vez atopado un rastro da noite anterior o monteiro, auxiliado polo olfacto e a intelixencia do seu sabuxo, seguirá os pasos nocturnos do xabaril a miúdo por moitos quilómetros ata dar co lugar onde está encamado, descansando polo día. Para comprobar que o xabaril está efectivamente nun determinado mato, o monteiro e o seu sabuxo, despois de dar entrada ó rastro do xabaril no mesmo, procede a rodealo para ver se o xabaril saíu do mesmo continuando o seu camiño ou ben ficou nel descansando. No caso de que saíse proseguirá rastrexando co seu sabuxo ata outro mato onde repetirá a operación. Trátase dunha caza que require profundos coñecementos dos sinais e costumes dos animais do monte e dunha boa forma física, ademais de moi bos cans.
Unha vez que os distintos monteiros cos seus sabuxos volven ó punto de encontro previamente convido cada un procede a dar conta do que atopou ós demais compañeiros. Preferentemente elíxense como obxectivo da caza os encames de xabarís machos adultos. Unha vez existe consenso sobre cal encame atacar, os cazadores póñense con armas de fogo arrodeando o mato, a extensión do cal pode variar dende unhas cantas hectáreas ata varios centos. É nese momento cando se ceiban uns cantos sabuxos (normalmente entre dous e dez) sobre o rastro de entrada do xabaril na toxeira ou uceira. Os sabuxos van marcando o camiño feito polo xabaril pola noite coa súa voz, “cantando” ou “latindo” ata que chegan ó lugar onde o xabaril está durmindo, onde os cans lle ladran de xeito continuo con valentía pero sen atacalo frontalmente. O que se consegue con esta estratexia é que o xabaril rompa a correr mentres o perseguen ladrando os sabuxos, obrigándoo a pasar polo lugar onde hai algún cazador coa súa arma que procura abatelo. En numerosas ocasións os sabuxos deben perseguir durante moito tempo ó xabaril ata que rompe nalgún punto onde está situado un cazador.
Xeralmente os equipos adicados a este tipo de caza, chamados “cuadrillas” están compostos por entre 10 e 20 cazadores, entre os que hai un número variable de monteiros cos seus sabuxos, oscilando o número de cans utilizados en total entre 5 e 15. Esta modalidade de caza é moi selectiva, xa que se elixe o animal a cazar evitando molestar femias con cría; ademais practicamente non se molesta ningún outro animal que aquel que se vai cazar, xa que é un defecto imperdoable nos cans que persigan calquera outro animal que non sexa xabaril.
Como pode verse, practicamente a única gran diferenza que existe entre esta forma de montería e a montería medieval é que se substituíron os cans de presa e lebreis por armas de fogo, facéndoa menos cruenta.
O monteiro
editarO monteiro é o cazador que, sempre contando coa axuda do seu bo sabuxo, coñece as querenzas da caza maior e é quen de atopar o lugar de encame da presa seguindo o seu rastro nocturno, o que en linguaxe monteiro se coñece co nome de “aplazar”.
Hoxe en día nalgunhas rexións (sobre todo no centro e sur de España) empobreceuse o termo monteiro para facer referencia con el ós cazadores que se sitúan coa súa arma na liña de tiro, pero como podemos comprobar na seguinte cita da obra “Origen y Dignidad de la Caça”, escrita por Juan Mateos, Ballesteiro Maior da S.M. Filipe IV (ano 1634), o auténtico significado da verba monteiro é o que se conservou no extremo norte da Península:
“…saben concertar un jabalí; y después de concertado saben según su instinto natural por donde ha de salir para matarlo a la noche, y saber que hace el jabalí ballesteado, para poderlo así matar en las aguas, como en los panes, y en las demás partes que hallare de comer: saben también matar los venados, gamos y corzos desde las atalayas, hacer batidas para lobos y conocer los pasos de los jabalíes, en dando vuelta a la tierra por las causas que hay para ello. Asimismo es oficio suyo ballestear con el caballo a lazo, y estribo, y saber como se mata cualquier género de caza y el instinto natural de ella."
O sabuxo
editarSen cans desta caste sería imposible coñecer con exactitude a localización do encame dos xabarís e polo tanto sería moi difícil levar a cabo a montería. Estes cans posúen o mellor olfacto do mundo canino e por iso son os máis axeitados para seguir o cheiro que deixa ó seu paso un animal.
Ó contrario que acontece con outras clases de cans, tales como os de presa ou agarre, estes cans non adoitan atacar o xabaril, senón que simplemente premen para que corra ladrándolle a curta distancia, para que así os monteiros saiban en cada intre o camiño que vai recorrendo o xabaril na súa fuxida polo mato mesto. As diversas modulacións da súa potente voz permiten transmitir ós sabuxos a fase na que se atopa a caza: Rastro da noite, rastro de fuxida, latido ó quieto (cando os sabuxos ladran dende curta distancia a un xabaril que non quere fuxir) e latido a morto (algúns sabuxos marcan o lugar de abate dun xabaril emitindo un latido particular).
Estes cans requiren un preciso e prolongado adestramento individual para conseguir que cacen unicamente xabarís, xa que non deben facer caso de ningún outro animal que non sexa xabaril. O profundo aprecio que sente cada monteiro polos seus sabuxos supuxo que secularmente se seleccionaran sabuxos que non atacan ó xabaril directamente, senón que só lle ladran a curta distancia para evitar feridas, xa que a morte dun bo sabuxo supón para un monteiro varios anos de selección e adestramento para atopar outro do mesmo nivel.
Tradicionalmente no norte da península non se utilizaron mandas de sabuxos na caza como acontece en Francia ou Gran Bretaña. En Asturias, Cantabria e norte de Galicia utilízanse poucos cans e ademais cada monteiro normalmente leva os seus, que teñen que cazar independentemente dos demais e non formando estritamente unha manda.
As razas puras máis utilizadas en Galicia para a montería do xabaril son o Sabuxo español e o grifón azul de Gascuña, aínda que é maioritaria a utilización de cans cruzados de varias razas de cans de rastro, xa sexan sabuxos ou grifóns (sabuxos co pelo duro ou longo tales coma o vendeán ou o nivernés. Todos estes cans cazan de xeito moi similar.
Esta caste de cans é a máis completa e axeitada para a caza en montería, ademais de ser a de maior tradición e uso máis xeneralizado en Europa.
A montería “á española”
editarEste tipo de montería ou máis ben gran batida realízase principalmente no centro e sur da Península Ibérica, e a súa existencia é froito dunha evolución que data duns 300 anos, xa que anteriormente a montería no centro e sur era moi similar á que aínda se practica no norte, tal e como nos transmitiu un monteiro da andaluza Serra de Segura na súa obra “Tratado de la Montería”.
Nela abátense xeralmente xabarís e cervos, aínda que tamén outras especies coma o gamo ou o muflón. Nunha mata ou “mancha” de varios centos de hectáreas dispóñense unha serie de liñas de postos de cazadores, chamados armadas, que rodean e cobren o terreo. Segundo a súa particular localización na mata as armadas reciben diversos nomes (corda é a máis alta; sopé a máis baixa, travesa a que atravesa ou se atopa xeralmente no medio da mata). Dende un extremo determinado, ou dende máis dun, procédese á ceiba das rehalas que, manexadas polos seus respectivos “perreros”, bateran a mata en diversas direccións co obxecto último de que as pezas de caza na súa fuxida tenten de atravesar as liñas de cazadores (chamados no sur “monteiros”) ou sexan avistados por estes. A pesar da aparencia de acción moi planificada, o certo é que a montería é unha modalidade de caza que require dunha máxima observación, atención, silencio e puntería (en branco móbil) por parte do cazador e que ofrece posibilidades reais de fuxida a xabarís e veados.
Cada rehala posúe entre 10 e 12 parellas (chamadas “colleras”) de cans e é manexada por un “perrero” ou “podenquero”. A base da maioría de rehalas adicadas á montería “á española” está composta por cans de tipo podengo, aínda que as que están algo máis especializadas no xabaril utilizan preferentemente cruzados de mastín, can de agarre, podengo e grifón, entre outras. Unha rehala clásica, adicada á caza do cervo e do xabaril, normalmente está composta por unha maioría de parellas de podengos puros, unha minoría de parellas de cruzados de podengo e mastín e unha parella de mastíns puros ou cans de agarre (acotío alao español ou dogo arxentino).
Esta modalidade de caza, que garda xa pouca relación coa montería clásica, consiste na utilización dun elevadísimo número de cans que manexados polos seus condutores, baten o terreo a cazar co obxecto de dirixir cara ós cazadores toda clase de animais (xeralmente cervos, xabarís, gamos e muflóns) para darlles caza.
Os cans utilizados neste tipo de montería xeralmente non serven para cazar ó estilo da montería tradicional.
Non se trata dunha modalidade selectiva.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- “Libro de la montería” de Afonso XI de Castela (s. XIV).
- “Tratado de la montería” dun monteiro da Serra de Segura (s.XV).
- “Le libre de chasse du roy Modus” (s. XV).
- “Le libre de la chasse”, de Gastón III Phoebus (s. XIV).
- “Livro da Montaría” do Rei Xoán I de Portugal (s. XIV).
- "Discurso de la montería" de Gonzalo Argote de Molina (1582).
- "Origen y Dignidad de la Caça" de Juan Mateos, Ballesteiro Maior da S.M. Felipe IV (ano 1634).
- Jean-Emmanuel Le Coulteux de Canteleu, Manuel de vénerie française, 1890.
Ligazóns externas
editar- [1] Web Oficial do Club do Sabuxo Español e Razas Afíns.
- [2] A Venerie Francesa.
- [3] Web de Caza en España.
- [4] Web da Asociación Española de Rehalas.
- A montería do centro e sur de EspañaArquivado 06 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.
- Aquela práctica cruel chamada caza de montería Artigo crítico coa caza de montería
- [5] Web Oficial do Club do Podenco Andaluz.