Moeda dun cóndor (1928)

antiga moeda de ouro ecuatoriana
1 cóndor [1]
A/: Busto de Simón Bolívar.

Lenda: REPUBLICA DEL ECUADOR.

R/: Escudo nacional de Ecuador. Marca de ceca.

Lendas: G.8·35925 UN CONDOR LEY 0·900

A moeda dun cóndor é unha moeda ecuatoriana de ouro con ese valor facial, equivalente a 25 sucres, cuñada en 1928 e de circulación efémera.

Historia

editar

Logo do ascenso á presidencia da República de Ecuador de Isidro Ayora en 1926, este contratou unha comisión de expertos estranxeiros para a creación dun banco central e a reordenación do sistema monetario. Esta comisión estaba encabezada polo financeiro Edwin Walter Kemmerer, da Universidade de Princeton e presidente da Asociación Económica Americana. Froito destes traballos, o 10 de agosto de 1927 instituíuse en Quito o Banco Central de Ecuador.[2][3]

Para a reordenación do sistema, a coñecida como Misión Kemmerer avogou por retomar o padrón ouro para a moeda máis forte do cono monetario, entanto que se utilizaría a prata para dotar de valor intrínseco os múltiplos inferiores e para a fracción maior, e metais comúns para o resto das fraccións.[2] Esta recomendación foi asumida polo Goberno de Ayora, que o 4 de marzo de 1927 promulgaba a nova lei da moeda, conservando o sucre como moeda nacional, cun valor fixado en 5 sucres = 1 dólar.[3]

Esta foi a base legal para o nacemento da moeda dun cóndor en 1928, a primeira emitida polo Banco Central do Ecuador, que mantería o diámetro, a lei e o tipo xeral das antigas moedas de 10 sucres cuñadas en 1899 e en 1900,[4] aínda que co novo valor facial de 25 sucres.[2] A métrica da nova moeda coincidía ademais case exactamente coa da moeda de 5 dólares dos EEUU circulante naquel momento.[3][5]

O propio 1928, encargouse a cuñaxe na Birmingham Mint, en Inglaterra, de 20.000 moedas dun cóndor, cun peso de 8,359 gramos e en ouro de 900 milésimas, polo que cada moeda contería 7,5231 gramos de ouro puro. A mesma lei pola que se creou o cóndor dispuña que se emitise tamén unha moeda de 2 cóndores, equivalente a 50 sucres, aínda que esta disposición non chegou a aplicarse. [3]

A moeda dun cóndor foi a derradeira moeda de ouro ecuatoriana emitida para a circulación ordinaria. Da tiraxe de 20.000 pezas calcúlase que se puxeron en circulación arredor de 5.000, e a maioría consérvanse aínda nas reservas de ouro do Banco Central do Ecuador.[1] A súa vida foi efémera, xa que a gran depresión económica a nivel mundial nos primeiros anos da década de 1930 acabou coa vixencia do padrón ouro como base monetaria.[3]

No Museo Numismático do Banco Central do Ecuador exhíbese un exemplar do cóndor de 1928.[3]

O prezo desta moeda no mercado do coleccinismo numismático é de arredor de 700 euros en condición de conservación "sen circular".[6]

Deseño

editar

O anverso da moeda dun cóndor está presidido por unha representación da cabeza de Simón Bolívar ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda REPUBLICA DEL ECUADOR e coa data 1928 no exergo.[1][3]

Pola súa banda, no reverso reprodúcese o escudo de armas de Ecuador, rodeado pola indicación do peso da moeda, o seu valor facial e a lei do ouro: G.8·35925 UN CONDOR LEY 0·900. No exergo e en letras de inferior tamaño, aparece como marca de ceca a cidade onde se cuñou: BIRMINGHAM.[1][3]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "1 Cóndor". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 "Sistema monetario de la misión Kemmerer". En Reyes, R. (2013). Páxinas 162-163.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "1 cóndor 1928". Museo Numismático do BCE (Numismatico.bce.fin.ec).
  4. "10 Sucres". Numista.com
  5. "5 Dollars Indian Head". Numista.com
  6. "Ecuador Condor KM# 74". World Coin Price Guide. Numismatic Guaranty Company.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar