Moeda de 2.000 pesetas de 1999

antiga moeda española
2.000 pesetas. Xacobeo 1999 [1][2]
A/: Cabeza espida de Xoán Carlos I cara á esquerda. Data.

Lenda: JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA

R/: Peregrino en pé á dereita e cruz de Santiago á esquerda. Marca de ceca (M).

LENDA: XACOBEO / 1999 / 2000 / PTAS.

A moeda de 2.000 pesetas de 1999 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar a celebración en 1999 do Ano Santo Xacobeo ou Ano Santo Compostelán.

Trátase da sexta emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, iniciada en 1994.

Marco lexislativo editar

Mediante unha Orde do 12 de abril de 1999, publicada no Boletín Oficial do Estado do 21 de abril, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data 1999, conmemorativa do Xacobeo 1999.[2]

Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[2] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe autorizada —2.043.800 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]

A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[2]

Caracterización editar

O seu anverso, deseñado e gravado por Manuel Martínez Tornero, amosa un busto de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA e a data de 1999. O conxunto está encerrado por unha grafila de puntos.[1][2]

 
Os peregrinos do monumento no Monte do Gozo, coa súa indumentaria tradicional.

Pola súa banda, o reverso, obra do gravador xefe da FNMT, Alfonso Morales Muñoz, reproduce no lado dereito a imaxe dun peregrino a Santiago de Compostela coa indumentaria e os atributos tradicionais (manto, chapeu con aba ancha cunha cuncha de vieira na fronte, e un caxato longo cunha cabaza atada). A simboloxía xacobea complétase coa aparición dunha cruz de Santiago na esquerda do reverso. No medio aparece unha imaxe latente na que, dependendo da orientación, se pode apreciar ou ben o número 99 ou ben un botafumeiro esquematizado, e debaixo a lenda XACOBEO 1999 e a expresión do valor facial: 2000 PTAS.[1][2]

Esta moeda foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[1] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "2000 Pesetas - Juan Carlos I Xacobeo". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Orde do 12 de abril de 1999". BOE Nº 95, 21 de abril de 1999. Páxinas 14.719-14.720.
  3. "Moneda de 30 euro / 20 euro / 12 euro / 2.000 pesetas". FNMT - Casa de la Moneda (FNMT.es).
  4. 4,0 4,1 López, F. J. (2023). "Moneda de 2000 pesetas de 1999 (Xacobeo ’99): Valor y Precio". Coleccionismodemonedas.com. 11 de xullo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Lamas Bolaño (2023). Catálogo enciclopédico de monedas de España 2024. Lamas Bolaño, Barcelona. ISBN 978-8409545193

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar