Moeda de 2.000 pesetas de 1994

antiga moeda española
2000 pesetas de 1994 [1][2]
A/: Cabeza espida de Xoán Carlos I cara á esquerda. Data.

Lenda: JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA

R/: Edificio do Banco de España en Madrid. Marca de ceca (M).

LENDA: 2000 PTAS / MADRID / ASAMBLEA FMI-BM.

A moeda de 2.000 pesetas de 1994 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar a celebración da asemblea anual do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial, que tivo lugar en outubro de 1994 no Palacio Municipal de Congresos, do Campo das Nacións, en Madrid.

Trátase da primeira emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, que culminou en 2001 coa dedicada á derradeira emisión en pesetas.

Marco lexislativo editar

Mediante unha Orde do 8 de xullo de 1994, publicada no Boletín Oficial do Estado do 13 de xullo, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data 1994, conmemorativa da celebración en Madrid da asemblea anual do Fondo Monetario Internacional e do Banco Central.[1]

Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[1] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —8.669.000 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]

A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[1]

Caracterización editar

 
Fachada da sede do Banco de España en Madrid.

O seu anverso, deseñado e gravado por Manuel Martínez Tornero, amosa un busto de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA e a data de 1994. O conxunto está encerrado por unha grafila lisa.[1][2]

Pola súa banda, o motivo central do reverso, obra de Luis José Díaz Salas, é unha imaxe da fachada principal da sede do Banco de España en Madrid, vista desde a fonte da Cibeles.[1][2] Esta mesma imaxe xa fora representada con anterioridade no reverso do billete de 1.000 pesetas emitido en 1971.[5]

 
Billete de 1.000 pesetas de 1971, no que se reproduce o mesmo edificio.[5]

Completan o reverso, na parte superior da moeda, a expresión do valor facial da moeda, 2000 PTAS, un M coroado a modo de marca de ceca da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, o logotipo da asemblea do FMI e do BM en Madrid cunha lenda alusiva, e un óvalo cunha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou as dúas cifras derradeiras do ano de emisión: 94.[1][2]

A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[2] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Orde do 8 de xullo de 1994". BOE Nº 166, 13 de xullo de 1994. Páxina. 22.353-22.354.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "2000 Pesetas - Juan Carlos I Bank of Spain". Numista.com
  3. "Moneda de 30 euro / 20 euro / 12 euro / 2.000 pesetas". FNMT - Casa de la Moneda (FNMT.es).
  4. 4,0 4,1 López, F. J. (2023). "Moneda de 2000 pesetas de 1994: Valor y Precio". Coleccionismodemonedas.com. 22 de novembro de 2021.
  5. 5,0 5,1 "Spain. 1.000 pesetas. 1971". Banknote.ws

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Lamas Bolaño (2023). Catálogo enciclopédico de monedas de España 2024. Lamas Bolaño, Barcelona. ISBN 978-8409545193

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar