Abrir o menú principal

Melchor López Ximénez, nado en Hueva (Guadalaxara) o 19 de xaneiro de 1759 e finado en Santiago de Compostela o 19 de agosto de 1822, foi un compositor musical castelán radicado en Galiza.

Melchor López
Nacemento19 de xaneiro de 1759
 Hueva
Falecemento19 de agosto de 1822
 Santiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncompositor
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

En 1767 trasladouse a Madrid cun tío paterno que era cura. En 1769 ingresou no Real Colegio de Niños Cantores de su Majestad, onde estivo até 1784, converténdose no colexial máis veterano. Alí estudou con José Lindón, chegando a dominar a música da época, incluída a italiana, en voga no seu momento. O seu autor máis admirado era Haydn.

Logo de intentar acadar, sen éxito, os maxisterios de Plasencia e Ávila e ao posto de organista na catedral de El Burgo de Osma, o 23 de marzo de 1784 foi nomeado mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela, a de máis prestixio musical da península Ibérica nese momento. Ao tomar posesión do seu posto tivo que presentar as probas de limpeza de sangue, para así conseguir a dignidade de cóengo.

Até a súa morte adicouse á composición e dirección da capela e da orquestra, que vivía unha etapa de crecemento grazas ás reformas feitas polo seu antecesor, o músico italiano Buono Chiodi. Incorporáronse numerosos violinistas e cantores italianos (tres deles en 1792) e doutras nacionalidades. Adoptouse o sinfonismo europeo, especialmente o de Haydn, logo dunha viaxe de seis meses a Madrid en 1794, con ocasión da morte dos seus pais.

A orquestra da catedral aumentou até acadar o modelo de orquestra típica do primeiro clasicismo formado por cordas, unha parella de óboes e outra de trompas, á que ocasionalmente se unían frautas e fagots. Inicialmente estaba composta por un dobre cuarteto, ademais dos cantores de rippieno (dous ou tres por corda), seis nenos de coro, a orquestra de corda, o vento madeira duplicado e dúas trompas.

En 1808 a capela nota a ocupación de Santiago de Compostela polas tropas napoleónicas, ao sufrir a catedral impostos e roubos, o que implicou reducións de salarios e a progresiva desbandada de músicos. Con todo, Melchor López seguiu a escribir para un gran número de músicos.

Foi titor e mestre de José Pacheco e doutros músicos das demais catedrais galegas, influíndo na difusión da panxoliña en lingua galega.

ObraEditar

A maioría da súa obra está datada antes de 1805. Toca todos os xéneros relixiosos (misas, salmos, lamentacións, vilancicos en galego e castelán) e un bo número de arias profanas. Amais dos fondos orixinais da catedral, consérvanse copias de parte da súa obra na catedral de Tui e mais na catedral de Mondoñedo.

A súa obra mais importante é a misa solemne de defuntos Beati mortui qui in Domino moriuntur ou misa de Réquiem, oficial en todos os funerais e aniversarios solemnes da catedral, con copias nas de Mondoñedo e Tui, onde tamén era obrigada a súa interpretación en actos luctuosos. A obra foi escrita en 1799, pero foi prohibida, xunto con outras pezas do mesmo autor, en 1903 segundo os canons de Roma. Na comisión que decidiu esta participación, participou Santiago Tafall.

A peza foi incluída nos repertorios das orquestras dirixidas por Joam Trillo. En 2000 foi gravada con solistas, o orfeón Terra a Nosa (dirixido por Miro Moreira), e a Orquestra Sinfónica de Galicia, sendo publicada por Boa Music na colección de clásicos galegos. na mesma colección está a Misa Unus Deus, coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por A. Ros Marbá, solistas e o orfeón Terra a Nosa.

En novembro de 2011, coincidindo co 800 aniversario da consagración da catedral, está prevista a gravación dun disco con pezas do autor.

Consérvanse 18 volumes con 931 partituras, en bo estado de conservación, de 32x22 cm en formato apaisado. O volume das misas está na catedral de Lugo, e o resto dos orixinais están na catedral de Santiago.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar