Marga Martín
Margarita Martín Rodríguez, nada en Ourense o 3 de decembro de 1957, é unha política e psicóloga galega, pertencente ao PSdeG-PSOE.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de decembro de 1957 (66 anos) Ourense, España |
Actividade | |
Ocupación | política, psicóloga |
Partido político | Partido dos Socialistas de Galicia |
Traxectoria
editarLicenciada en Psicoloxía pola USC e posgrao en Mediación Familiar pola Universidade de Vigo. Foi elixida concelleira en Ourense polo PSdeG-PSOE nas eleccións municipais de 2003, formando parte da oposición. Nos comicios de 2007 repetiu na lista e resultou elixida concelleira, acadando o grupo socialista o goberno, encabezado por Francisco Rodríguez Fernández, e encargouse da carteira de Servizos Sociais, competencia que mantivo con posterioridade ás municipais de 2011, onde figurou como número 2.
En setembro de 2012 o alcalde ourensán dimitiu como consecuencia da Operación Pokémon, e ela ocupou de forma interina a alcaldía durante 15 días ata a toma de posesión do novo alcalde, Agustín Fernández Gallego. Era a primeira vez que unha muller ocupaba a alcaldía da cidade de Ourense na súa historia, se ben a concelleira do Bloque Nacionalista Galego Isabel Pérez substituíra como tenente de alcalde a Rodríguez en numerosas ocasións. Pasou a ser primeira tenente de alcalde e continuou á fronte da área de Servizos Sociais, permanecendo en ditos cargos ata as eleccións de 2015, tralas cales non continuou na primeira liña política.
Dende decembro de 2021 forma parte da Executiva Nacional do PSdeG como Secretaria de Política Sociais, baixo os mandatos de Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. Nas Eleccións Xerais de 2023 encabezou a candidatura socialista pola provincia de Ourense ao Congreso dos Deputados e foi elixida deputada.