Manuel Ángel Terrón Caínzos

político galego

Manuel Ángel Terrón Caínzos, nado en Curtis en 1943 e finado na Coruña o 14 de setembro de 1992, foi un político galego.

Infotaula de personaManuel Ángel Terrón Caínzos
Biografía
Nacemento1943 Editar o valor em Wikidata
Curtis, España Editar o valor em Wikidata
Morte14 de setembro de 1992 Editar o valor em Wikidata (48/49 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Foi candidato da UCD á alcaldía de Curtis nas municipais de abril de 1979 obtendo 5 concelleiros, pero véndose superado polos independentes de José Tomé Roca. Porén, foi elixido deputado provincial e formou parte do goberno de Enrique Marfany Oanes. Durante ese mandato colaborou nas xestións para lograr un instituto de FP e unha casa da cultura para Curtis. Por outra banda, foi o promotor da Romería de Cova de Vales así como unha cooperativa agraria con ese mesmo nome.

Trala desintegración de UCD, concorreu de novo como candidato á alcaldía nas municipais de maio de 1983 encabezando a candidatura Independentes Democráticos do Axuntamento de Curtis. Novamente foi derrotado polo alcalde independente Tomé Roca, obtendo 5 concelleiros. Neste mandato, a rivalidade histórica entre as principais localidades do municipio, Curtis e Teixeiro, estalou pedindo os veciños da localidade curtense a súa segregación do concello en setembro de 1983, alegando a suposta discriminación que sufrían dende Teixeiro, que era a capital municipal onde se atopa a casa do concello, e por parte do goberno local de Tomé Roca, o cal era maioritariamente da localidade capitalina. Os segregacionistas rapidamente atoparon o apoio de Terrón Caínzos e varios concelleiros da súa candidatura, a cal estaba conformada maioritariamente por veciños da localidade de Curtis.

De cara ás municipais de xuño de 1987, tanto Terrón coma o alcalde Tomé Piñeiro optaron polas grandes plataformas partidarias para competir pola alcaldía. Terrón optou pola CPG do entón presidente de Deputación provincial, Enrique Marfany Oanes, sendo os seus integrantes maioritariamente de Curtis. Tomé integrouse co seu equipo no PSdeG-PSOE, onde a maioría dos seus integrantes eran de Teixeiro. As eleccións deron unha nova vitoria por maioría absoluta a Tomé á fronte dos socialistas logrando 8 concelleiros, fronte ós 4 da CPG de Terrón Caínzos. O conflito non deu sinais de resolverse, de feito, se se miraban os resultados nas distintas mesas do municipio, mostraban unha tremenda polarización xa que os socialistas lograban máis do 80% dos votos en Teixeiro, con tan só 5 votos para a CPG, e esta última candidatura case o 90% en Curtis. Entre medias, AP mantiña resultados testemuñais, pero sendo máis forte que a CPG na zona de Teixeiro.

Nas municipais de maio de 1991, presentouse encabezando Independentes de Curtis e logrando 4 concelleiros, mentres que o PPdeG, que levaba maioritariamente veciños de Teixeiro, subeu de 1 a 3 edís, grazas a que lle comeu terreo aos socialistas na área de Teixeiro. Aínda así, Tomé Piñeiro logrou de novo a vitoria para o PSdeG-PSOE, pero nesta ocasión perdeu a maioría absoluta por unha escasa marxe, quedando con 6 concelleiros. Se ben nun principio se albiscaba a posibilidade dun acordo entre os dous grupos da oposición, dado que compartían ideoloxía de dereitas, o feito da procedencia de Curtis dos independentes e de Teixeiro dos populares engadeu presión á situación, habendo temor a represalias aos populares en Teixeiro por apoiar unha candidatura de Curtis. Minutos antes da investidura, as dúas forzas acordaron investir ao candidato popular José Pato Ulloa como alcalde, pero trala realización dunha votación secreta en urna, o voto dun dos concelleiros das candidaturas aliadas foi parar ao socialista José Tomé, polo que este conservou a alcaldía. A pesar de que dende as dúas formacións opositoras se afirmaba que todo se tratou dun erro involuntario, a desconfianza agrandouse entre os dous grupos opositores, recaendo as sospeitas principalmente no grupo teixeirán do PP, pedindo os independentes e numerosos veciños de Curtis unha moción de censura que non se chegaría a presentar en todo o mandato. Dada esta situación, os veciños de Curtis iniciaron en novembro de 1991 os trámites legais para logra-la segregación da localidade, contando co apoio dos Independentes de Curtis e de Terrón Caínzos.

Porén, faleceu repentinamente a causa dun infarto o 14 de setembro de 1992 no hospital Juan Canalejo da Coruña, mentres lle realizaban unha sesión de diálese. Tralo seu falecemento o proceso de segregación continuou, paralelamente ao da Illa de Arousa e Burela, aínda que non chegou a materializarse dado a que non se cumprían diversos requisitos, como a distancia entre as localidades e o número de habitantes.

Vida persoal editar

Casou con Ángela Isabel Pérez Corral, coa que tivo cinco fillos (Cristina, Pablo, Susana, Alfredo e Lorena). Nos anos 90 dedicóuselle unha rúa no núcleo de Curtis.[1][2]

Notas editar

  1. "Calle de Manuel Ángel Terrón". callejero.net (en castelán). Consultado o 19 de xaneiro de 2022. 
  2. "Curtis comienza el arreglo de la calle Manuel Ángel Terrón". laopinioncoruna.es (en castelán). 27 de xuño de 2018. Consultado o 19 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar