Macguffin é unha palabra inventada polo director de cine Alfred Hitchcock para referirse a unha cousa, persoa ou motivo que propicia o desenvolvemento dunha determinada historia, mais carente de importancia alén desta.

Concepto editar

O propio Hitchcock explicábao valéndose da seguinte anécdota:

Dous viaxeiros coñécense nun tren da Inglaterra. Un dille ao outro: "Perdoe, señor, pero que é ese paquete de curioso aspecto que está enriba da súa cabeza?". "Ah, é un macguffin". "E para que serve iso?". "Serve para atrapar leóns nas montañas da Escocia". "Pero se non hai leóns nas montañas da Escocia". "Entón non hai macguffin"

Hitchcock contou moitas veces esta historia para rirse dos críticos dos seus filmes que buscaban unha explicación racional a todo. O que interesa no cine é manipular o espectador, conducilo á súa maneira, sometelo ó ritmo impreso na historia. O que conta para Hitchcock é que o espectador sinta o medo, ao igual có heroe ou a heroína. O director fai todo o posíbel para que o proceso de identificación funcione eficazmente.

Así, en Psycho, a comezos do filme, o espectador recoñécese en Janet Leigh, e espera que non sexa castigada polo roubo que cometeu ou agardando que devolva os cartos. Cando é brutalmente acoitelada, o espectador é empurrado a identificarse con Anthony Perkins, sexa coa esperanza de que el vingará ese crime ou ben co devezo dun castigo ao autor, que non é outra persoa que a súa propia nai. Pero o espectador non rematou coas sorpresas, e esquece completamente o macguffin: a razón inicial que empurrou a Janet Leigh a rouba-lo diñeiro do seu xefe.

Tamén existen macguffins puramente ficticios, como por exempo en Coa morte nos talóns. Hitchcock di:

Nesta película reducín o macguffin ó mínimo: cando Cary Grant pregunta ó axente da CIA polo malvado James Mason "Qué fai ese home?". "Oh -responde o axente da CIA-, digamos que está na importación-exportación". "De qué?". "Hum... de segredos de estado". É todo o que cómpre dicir. Inútil que mostremos máis, sexa o que sexa. Pero toda a historia de espionaxe debe te-lo seu macguffin, sexa un microfilme ou un obxecto calquera agochado no tacón dun zapato