Lucio Urtubia

albanel e anarquista navarro

Lucio Urtubia Jiménez, nado en Cascante (Navarra) o 18 de febreiro de 1931 e finado en París o 18 de xullo de 2020[1], foi un albanel e militante anarquista. Considerado como o último dos "bandidos bos", foi definido como un "Robin Hood", como un Quixote; aínda que en palabras de Albert Boadella "Lucio é un Quixote que non loitou contra muíños de vento, senón contra xigantes de verdade".[2]

Lucio Urtubia
Nacemento18 de febreiro de 1931
Lugar de nacementoCascante
Falecemento18 de xullo de 2020
Lugar de falecemento20.º arrondissement de Paris
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónalbanel, money counterfeiter e activista
Na rede
WikiTree: Urtubia_Jiménez-1
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Lucio Urtubia naceu en Cascante nunha familia moi pobre de 5 irmáns, dentro da Navarra carlista. O seu pai entrou no cárcere por carlista e saíu convertido en comunista. Con 19 anos, Lucio oíu da súa boca por vez primeira vez a palabra que marcaría a súa vida: "Se puidese volver comezar, sería anarquista".[3]

Recrutado para o servizo militar, axiña descubriu a facilidade para realizar contrabando na fronteira hispano-francesa. Máis tarde, con outros compañeiros do servizo, desvalixou un almacén da compañía onde prestaba o servizo militar. Ó ser descuberto, desertou e fuxiu a Francia en 1954, xa que os delitos cometidos podían levar aparellada a pena de morte.

En París comezou a traballar de albanel, oficio que o acompañou toda a súa vida. Comezou a relacionarse coas Mocidades Libertarias da Fédération Anarchiste, radicada en París, en principio para aprender o idioma, pero máis tarde plenamente convencido polas relacións que alí iniciou, que incluían entre outros a André Breton e a Albert Camus.[4]

Ó pouco tempo de vivir en París pedíuselle que escondese a un membro do maquis antifranquista na súa casa. O refuxiado resultou ser o mítico Quico Sabaté, co que compartiu casa durante varios anos,[5] ata a morte deste:

Para Lucio, Quico era o seu deus, o seu mestre do anarquismo
Bernard Thomas

Sabaté facilitoulle enderezos de familias e libertarios exiliados en Tolosa, Perpiñán, París e de membros que seguían en activo da antiga CNT española en Barcelona, Zaragoza, Madrid e Pamplona. Lucio, ante a detención e encarceramento de Quico, empezou a emulalo realizando incursións en territorio español; posteriormente emprendeu unha serie de roubos e atracos por Europa, para conseguir fondos para a causa revolucionaria, acompañado pola súa inseparable metralladora Thompson, herdada de Sabaté á morte deste.[4] Máis tarde abandonaría estas actividades "por medo a lles facer dano aos empregados dos bancos".

Falsificador editar

 
Mural do anarquista Lucio Urtubia en Errekaleor, en Vitoria-Gasteiz.

Xa anteriormente comezara a súa actividade de falsificador, de maneira que non había guerrilleiro ou exiliado político que non tivese documentos falsos saídos da man de Lucio. Uniuse con outros compañeiros libertarios nos anos 60 para falsificar moeda, coa que financiaban numerosos grupos por todo o mundo, á vez que procuraban desestabilizar as economías capitalistas. Subseguintemente con estas actividades, en plena invasión da Baía de Cochinos, propuxo á embaixadora de Cuba en Francia, Rosa Simeón, destruír con explosivos intereses estadounidenses en Francia, ó que esta se negou. Porén, resultou tentada coa proposta que lle fixo de falsificación masiva de dólares americanos, dos que lle levaba unha mostra. Foi entón cando a embaixadora mediou para presentarlle ó Che Guevara en 1962, ó que lle presentou o seu plan de falsificación a grande escala de dólares, sendo rexeitado por el mesmo, naquel momento Ministro de Interior da Revolución Cubana.[4] Saíu Lucio desencantado da reunión, o Che dixéralle que os Estados Unidos seguirían sendo ricos malia todo, decatándose de que o revolucionario arxentino empezaba a estar canso do rumbo que tomaba a política na illa.

O seu golpe mestre e que lle cambiou a vida foi a falsificación de cheques do First National City Bank of America, actual CitiBank (daquela o maior banco do mundo),[6] dos que realizou 8.000 follas de 25 cheques de 100 dólares cada un,[4] co que estivo a piques de facer quebrar o banco,[7] que sufriu unha importante caída na súa cotización en bolsa. Este diñeiro foi empregado, como sempre, na axuda de movementos guerrilleiros en Latinoamérica (Tupamaros, Montoneros etc.), á vez que conseguía axeonllar o banco. A prensa española encheu os seus titulares con frases como «o bandido bo» ou «o raposo vasco».​ Malia a espectacularidade da falsificación, só foi condenado a 6 meses de cárcere, mercede á axuda que lle prestaron case tódolos avogados progresistas de Francia, e a un acordo extraxudicial co First National City Bank, que foi forzado a retirar os cargos a cambio das pranchas de gravación.

A súa vida foi unha continua aventura: cinco ordes internacionais de busca, incluída a CIA; preparou o secuestro do nazi Klaus Barbie en Bolivia, colaborou na fuga do líder dos Panteras Negras, intercedeu no secuestro de Javier Rupérez,[7] mediou no caso de Albert Boadella (a quen lle falisificou o pasaporte para que puidese escapar da condena, en 1977, nun Consello de guerra por representar, en 1974, co grupo teatral Els Joglars a execución do anarquista Puig Antich,[7] simpatizou cos Grupos Autónomos de Combate-Movimiento Ibérico de Liberación e cos posteriores Grupos de Acción Revolucionaria Internacionalista (GARI), sobre todo cun dos seus membros franceses, Jean-Marc Rouillan.

Sempre defendeu o traballo: "somos albaneis, pintores, electricistas, non precisamos o estado para nada"; "se o paro e a marxinación creasen revolucionarios, os gobernos terían rematado xa co paro e a marxinación".[8]

Obra editar

En 2005, presentouse en Francia, editado por Les Editions Libertaires, Ma morale anarchiste, a súa autobiografía que foi presentada en España, en 2008 pola Editorial Txalaparta, como La revolución por el tejado. Autobiografía. En 2014, presentou unha segunda obra titulada: Mi utopía vivida.

Cultura popular editar

No ano 2007 estreouse Lucio, un documental sobre a súa vida, dirixido polos cineastas vascos José María Goenaga e Aitor Arregi.[9] No 2018 a editorial Txalaparta publicou a novela gráfica El tesoro de Lucio; con versións en catalán, éuscaro, castelán[10] e galego. Neste último caso, a cargo de Demo Editorial.[11] No 2021, a plataforma televisiva Netflix principiou a rodaxe dunha película que se titulou Un hombre de acción, baseada na vida de Lucio Urtubia [12][13][14] e que foi estrenada o 20 de novembro de 2022.[15]

Notas editar

  1. "Fallece el histórico militante anarquista Lucio Urtubia". Naiz. 18 de xullo de 2020. 
  2. Urtubia (2008), p. 17
  3. Urtubia (2008), p. 72 (cita textual na súa autobiografía).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Duva, Jesús (08-11-2007). "El albañil que estafó al mayor banco del mundo". elpais.com (en castelán). Consultado o 02-05-2019. 
  5. Urtubia (2008), p. 74
  6. "'Salvados' entrevista al anarquista navarro Lucio Urtubia". diariodenavarra.es. 03-05-2015. Consultado o 13-03-2019. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Batista (2015)
  8. Axencia EFE (18-7-2020). "El histórico anarquista navarro Lucio Urtubia fallece a los 89 años en París". diariovasco.com (en castelán). Consultado o 20-7-2020. 
  9. Pereda, Olga (18-7-2020). "Muere a los 89 años el histórico anarquista Lucio Urtubia". elperiodico.com (en castelán). Consultado o 20-7-2020. 
  10. Irurzun, Patxi (03-07-2018). "LUCIO URTUBIA, LA LEYENDA Y EL HOMBRE COMÚN, EN CÓMIC". naiz.eus. Consultado o 13-03-2019. 
  11. Ficha da obra Arquivado 18 de xullo de 2020 en Wayback Machine. na páxina web de Demo Editorial.
  12. Rey, Carlos (30 de setembro de 2021). "Santiago viaja al siglo XX para el rodaje de la película de Netflix 'Un hombre de acción'". elespanol.com (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2023. 
  13. Rodríguez Oroz, Amaia (14 de setembro de 2021). "El anarquista Lucio Urtubia: del cómic al musical y ahora a película de Netflix". deia.eus (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2023. 
  14. Belategui, Oskar (11 de setembro de 2021). "La vida del albañil y ladrón anarquista Lucio Urtubia es una película de Netflix". elcorreo.com (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2023. 
  15. Belategui, Oskar. "Lucio Urtubia, el 'Robin Hood navarro', se hace estrella de Netflix". elcorreo.com (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar