A Liga Etolia foi unha federación de cidades da rexión de Etolia na antiga Grecia, formada a principios do século -IV. A Liga adquiriu importancia no século -III, cando se opuxo á Liga aquea, e pronto dominou todo o centro de Grecia desde o mar Xónico ata o mar Exeo e controlou zonas do Peloponeso, Tesalia, Tracia e Asia Menor. No -220 a Liga entrou en conflito con Filipo V de Macedonia, quen os derrotou, cousa que obrigou á Liga a se aliar cos romanos, que tamén loitaban contra Filipo. Este foi vencido finalmente na batalla de Cinoscéfalos no -197, pero os etolios, ao non poderen recuperar as súas posesións que estaban en mans do seu vitorioso aliado, uníronse a Antíoco III de Siria para loitaren contra Roma. Cando aquel foi derrotado por Roma no -190, os etolios tamén se renderon ao ano seguinte. A Liga disolveuse formalmente no -167.