Libanio
Libanio (en latín, Libanius; en grego, Λιβάνιος) nado en Antioquía contra o 314[1] ou o 315 e finado polo 394,[2] foi o máis distinguido entre os sofistas retóricos gregos do século IV. Durante o ascenso da hexemonía cristiá na etapa final do Imperio Romano, permaneceu inconverso e en asuntos relixiosos foi un pagán helenizado. A súa lingua materna era a grega.[2]
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 314 ![]() Antioquía do Orontes, Turquía ![]() |
Morte | 393 ![]() Antioquía do Orontes, Turquía ![]() |
Relixión | Paganismo ![]() |
Actividade | |
Ocupación | retórico, escritor ![]() |
Período de tempo | Imperio Romano e Baixo Imperio Romano ![]() |
Profesores | Diofanto de Atenas e Zenobio ![]() |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru ![]() |
![]() |
Traxectoria
editarPrimeiros anos e formación
editarNaceu en Antioquia, na Siria,[3] unha das metrópoles máis importantes do Imperio Romano,[4] dentro dunha ilustre familia vinda a menos.[4] Perdeu ao seu pai ao redor dos once anos, e foron a súa nai e os seus dous tíos Panolbios e Phasganiois os que fomentaron a súa inclinación polos estudos. Recibiu educación na súa cidade natal, onde se fixo gramático, e con quince anos comezou o estudo da retórica[1] que realizou durante cinco anos máis. Polo 336, marcha cara a a Atenas, o centro máis importante da retórica e cultura grega do Imperio, onde permaneceu outros catro anos[1] retirado da vida pública e, completamente, absorto polos seus estudos para os que tivo como mestre a Diofanto o Árabe.[3][4]
Marcha a Constantinopla
editarNo 340, por mor duns disturbios, o gobernador da provincia decidiu privar aos sofistas das súas cátedras. Libanio xa era recoñecido como unha personalidade da lingua e cultura gregas e en atención polo seu talento e perseveranza foi nomeado orador, pero el rexeitou o cargo e abandonou a cidade para acompañar ao seu amigo Crispín a Heraclea do Ponto.
No regreso, decidiu pasar por Constantinopla onde atopou ao filósofo Nicocles de Lacedemonia quen o invitou a permanecer na cidade e lle ofreceu un posto de sofista (profesor) na cidade. Marchou resolver uns asuntos en Atenas, e volveu a Constantinopla pero, durante a súa ausencia, un retórico de Capadocia ocupou o lugar que esperaba conseguir polo que tivo que abrir unha escola privada que, en pouco tempo, obtivo un gran número de alumnos até o punto de que as escolas públicas quedaron sen estudantes. Os afectados denunciárono como un mago e o prefecto Limenio, inimigo seu, apoiou a acusación e, no 346, expulsárono da cidade.
Marcha a Nicomedia
editarMarchou a Nicomedia onde ensinou co mesmo éxito e provocou a mesma hostilidade. Estivo cinco anos na cidade, período que el mesmo definiu como o máis feliz da súa vida, e volveu intentar establecerse en Constantinopla, mais foi recibido con frialdade e tivo que volver a Nicomedia.
Aló viviu un período feliz e moi produtivo. Os seus alumnos eran tanto pagáns coma cristiáns.[5] Entre os primeiros, foron relevantes, por exemplo, o historiador Amiano Marcelino[6] e o futuro emperador Xuliano quen foi, en segredo, alumno seu[7] e con quen mantivera unha certa correspondencia que se conserva, e en cuxa memoria escribiu un fato de oracións compostas entre 362 e 365. Entre os cristiáns, puido ter a Basilio de Cesarea na súa audiencia, ao futuro bispo Anfiloquio de Iconio e autores cristiáns do século seguinte (Sócrates de Constantinopla, Sozomenos) atribuíronlle como discípulos a Xoán Crisóstomo,[8][9] Gregorio de Nazianzo, Gregorio de Nisa e Teodoro de Mopsuestia.[6]
Marcha a Antioquía
editarAínda que foi reclamado a Constantinopla polo emperador Constancio II, ao redor de 347/348, Libanio acudiu pero non estaba a gusto. Rexeitou unha cátedra de retórica en 354 en Atenas, pero acabou aceptándoa en Antioquía.[3] Ao principio tivo a escola na súa casa pero despois conseguiu a cátedra de grego e foi nomeado sofista oficial de Antioquia,[10] e aló permaneceu ocupando a cátedra de retórica ata o final da súa vida.[5]
Pouco despois do seu regreso, tomou unha concubina de orixe servil coa que tivo un fillo, Arabios (rebautizado como Cimón). Axiña adquiriu unha gran reputación como retórico na cidade. Ademais, desenvolveu moi bos contactos con dirixentes municipais así como con funcionarios da corte do emperador Constancio II. O sucesor deste, Xuliano, instalou o seu palacio en Antioquía durante un tempo para preparar unha expedición contra Persia. Pero o seu aberto paganismo e rigor moral provocaron un conflito coa poboación da cidade, que non gustou a Libanio quen tamén era pagán e simpatizaba cos obxectivos de Xuliano e con quen mantivo unha relación de amizade. A morte do emperador, trala batalla de Ctesifonte, tivo a dobre consecuencia de afectar persoalmente a Libiano e de eliminar para sempre a idea do retorno ao imperio pagán de Augusto, Traxano e Marco Aurelio.
A época posterior á morte de Xuliano foi moi complicada para Libanio. O intento de golpe de estado dirixido por Procopio contra o novo emperador Valente cara ao ano 365, ao que se sumaron moitas cidades sirias, e sobre todo a conspiración dirixida por Teodoro de Antioquía cando Valente acababa de establecer alí a súa capital como parte das operacións militares (371/372) provocou severas represalias contra as cidades de Oriente e as persecucións dos intelectuais pagáns. Aínda que, pola influencia que mantivo na corte, non se viu afectado directamente polas persecucións, este asunto marcouno, aínda que os seus escritos non mostran ningunha hostilidade especial cara a este emperador.
Despois da catástrofe da batalla de Adrianópolis e da morte de Valente en 378, Libanio volveu conseguir o favor da corte de Teodosio I. Tamén é coñecido polo chamamento a este a prol dos santuarios pagáns e para denunciar a persecución dos pagáns no Imperio romano tardío. Ao redor de 383/384, recibiu o título de cuestor honorario.
Descoñécese cando morreu, pero tivo que ser con posterioridade ao 391, pois este ano aínda estaba vivo. Daquela, acéptase que morreu arredor do 393.[3]
Libanio, retórico, sofista
editarLibanio traballou como mestre, dispensador de Paideia e da tradición cultural grega clásica, a única cultura nobre aos seus ollos. Particularmente ante a perda de importancia desta tradición na romanidade, sobre todo no Imperio de Occidente onde a latinidade se afirmou co cristianismo e coa Igrexa.
« Grecia, vencida, conquistou á súa vez ao seu salvaxe vencedor e levou a civilización ao bárbaro latino.»
Horacio
Para Libanio, a elocuencia retórica non era só unha profesión na que quere destacar; é unha arte de vivir, un elemento fundamental do home ben feito. Nisto forma parte da tradición isocrática, esa tradición pedagóxica da retórica onde, en palabras de Isócrates, “a arte da oratoria ensina a pensar ben, a actuar ben ao mesmo tempo que a escribir ben”. Do mesmo xeito, tamén se poden atopar alí as raíces do seu pensamento reaccionario e do seu "nacionalismo" helénico.
« Chamámoslles gregos aos que comparten cultura connosco, máis que aos que teñen o mesmo sangue. »
Isócrates de Atenas
Consciente da evolución do seu século, loitou contra todos aqueles que, aos seus ollos, eran adversarios da cultura grega e das súas tradicións pagás, como os emperadores Constantino e especialmente Constancio II, a quen debemos unha política de represión contra o paganismo. Apoia a homes que favorecen a reacción pagá, como o emperador Xuliano.
Tamén loitou contra a evolución centralizadora do poder e o crecente intervencionismo dos emperadores neste século IV, que se opoñían ao ideal de liberdade da civilización helénica.
Obras
editarAs obras conservadas de Libanius, que inclúen máis de 1.500 cartas e 51 discursos sobre temas históricos e mitoloxicos dirixidos a emperadores, prefectos, retóricos, filósofos ou bispos,[11] son valiosas como fonte histórica para o cambiante mundo posterior ao século IV.[5] Por outra banda, conta con sesenta e catro discursos sobre temas como a arte da oratoria, a xustiza ou problemas relativos á vida das escolas e das grandes cidades de Oriente.[11]
A súa oración "Unha resposta a Arístides en nome dos danzantes", escrita aproximadamente no 361, é un dos rexistros máis importantes da danza romana, particularmente desa forma popular coñecida como pantomima.[12] A súa primeira Oración I é unha narrativa autobiográfica, escrita por primeira vez en 374 e revisada ao longo das súa vida, comeza como o relato dun erudito e remata coma o diario privado dun vello exiliado.
A súas obras consisten de declamacións, oracións, unha vida de Demóstenes, unha autobiografía e cartas variadas, das que hai máis de mil seiscentas, agrúpanse en:[13]
- 64 oracións nos tres campos da oratoria: xudicial, deliberativa e epideíctica. Son oracións tanto públicas como destinadas a ser leídas en privado (en voz alta) no estudo. Están referidas ao emperador Xuliano, a Teodosio pero a máis famosa é a súa "Lamentación" por mor da profanacións dos templos (Περὶ τῶν Ἱερῶν);
- 51 declamacións, un formato tradicional da Retórica na antigüidada, que abrangue temas históricos e mitolóxicos;
- 57 hipóteses ou introducións ás oracións de Demóstenes (escritas cara o 352), ás que coloca no contexto histórico para o lector novato, sen polémicas;
- varias ducias de exercicios de escritura modelo, Progymnasmata, que se empregaron nos seus de instrución e se converteron en modelos do bo estilo amplamente admirados;
- Conserváronse 1.545 cartas (Ἐπιστολαί) máis cás de Cicerón. Na Idade Media, aceptáronse unhas 400 cartas adicionais en latín, que se pensaba eran traducións, mais unha análise desapaixoada dos textos amosan que forma mal atribuídas a Libanio ou falsificadas polo humanista italiano Francesco Zambeccari no séculos XV.
Entre 1903 e 1923, Richard Foerster publicou en Leipzig, Ópera Libanii, unha recomplicación da súa obra en 12 volumes.[14]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Silva (2012), p. 92
- ↑ 2,0 2,1 Robison (2014), p. 113
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Howatson 1993, p. 570
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Van Hoof (2014), pp. 7-8
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Speake (1990), p. 374
- ↑ 6,0 6,1 Cameron & Garnsey (1998), pp. 668-669.
- ↑ Gheorghiu (2011), p. 18
- ↑ Cameron, A. (1998). "Education and literary culture". En Cameron, A.; Garnsey, P. The Cambridge ancient history: Vol. XIII The late empire, A.D. 337-425 (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. pp. 668–669.
- ↑ Gheorghiu (2011), p. 17
- ↑ Silva (2012), p. 93
- ↑ 11,0 11,1 Saïd, Trédé & Le Boulluec (2019), pp. 550-553
- ↑ Zanobi, Alessandra. "Ancient Pantomime and its Reception". APGRD (Archive of Performances of Greek and Roman Drama) (en inglés). Consultado o 9-7-2019.
- ↑ "Libanio (314 - c. 395)". iglesiapueblonuevo.es. Consultado o 29-04-2019.
- ↑ "Libanii Opera; recensuit Richardus Foerster". lib.umich.edu. Consultado o 30 de marzo de 2025.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Cameron, Averil; Garnsey, Peter (1998). Education and literary culture. in The Late Empire, AD 337– 425. Serie: The Cambridge Ancient History (volume 13) (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0521302005.
- Gheorghiu, Virgil (2011). San Juan Crisóstomo: Patriarca de Constantinopla y apasionante predicador (en castelán). Madrid: Ediciones Palabra. ISBN 978-84-9840-509-5.
- Howatson, Margaret C. (dir.) (1993). Howatson, Margaret C. (Dir.), Dictionnaire de l'Antiquité. Mythologie, littérature, civilisation, , , 1993, 1066 p. (ISBN ), p. 570, ed. Dictionnaire de l'Antiquité. Mythologie, littérature, civilisation (en francés). París: Robert Laffont. ISBN 978-2-221-06800-7.
- Robison, John (2014). Proofs of a Conspiracy against all the Religions and Governments of Europe, carried on in the secret meetings of Freemasons, Illuminati and Reading Societies (en inglés). Wermod and Wermod Publishing Group. ISBN 978-1-909606-03-6.
- Saïd, Suzanne; Trédé, Monique; Le Boulluec, Alain (2019). Histoire de la littérature grecque. Colección: Quadrige Manuels (en francés) (4ª ed.). París: PUF. ISBN 978-2-130-82079-6.
- Silva, Gilvan Ventura da (novembro 2012). Universidade Federal do Paraná, ed. "Os apuros de um professor: Libânio e o cotidiano escolar em Antioquia". Diálogos Mediterrânicos (Curitiba) (3): 91–107. ISSN 2237-6585.
- Speake, Graham, ed. (1994). Dictionary of Ancient History (en inglés). Londres: Penguin Books. ISBN 0-14-051260-8.
- Van Hoof, Lieve (ed.), ed. (2014). Libanius. A critical introduction (en inglés). Cambridge: Cambridge University Pres. ISBN 978-1-108-72993-2.
Ligazóns externas
editar- 16 cartas a Xuliano o apóstata (en inglés).
- Oración fúnebre para Xuliano (en inglés).
- Monodia ao templo de Apolo destruído polo lume (en inglés).
- Monodia en Nicomedia destruída por un sismo (en inglés).
- Oración 30: polos templos (en inglés).
- Centro Lybanios,da Universidade de Montpellier (en francés).