Leyla Zana
Leyla Silvan, coñecida como Leyla Zana, nada en Silvan, Diyarbakır, o 3 de maio de 1961, é unha escritora e política kurda turca, de ideas feministas e progresistas e defensora da autonomía do Kurdistán nunha Turquía federal. Foi deputada da Asemblea Nacional de Turquía polo Partido Democrático dos Pobos.
De 1994 a 2004, estivo encarcerada polo seu activismo político. Previamente, de 1991 a 1994 foi deputada independente.
Foi galardoada co premio Sakharov en 1995 polo Parlamento Europeo, mais non puido recoller o seu premio ata a súa liberación en 2004. Tamén recibiu o premio Rafto en 1994, despois de ser recoñecida pola Fundación Rafto por ser encarcerada pola súa loita pacífica en favor dos dereitos do pobo kurdo en Turquía.
Traxectoria
editarZana naceu en Silvan, preto de Diyarbakir. Aos catorce anos casárona co seu primo Medhi Zana, elixido alcalde de Diyarbakır en 1975. Tralo encarceramento do seu marido, a raíz do golpe de estado en Turquía en 1980, Leyla comezou unha intensa actividade en defensa dos detidos políticos e pola amnistía.
Coezou a estudar aos 23 anos e obtivo os diplomas de primaria e secundaria en tres anos.[1]
A principios dos anos noventa, colaborou na fundación do xornal Yeni Ülke, un dos primeiros rotativos editados en kurdo.
En outubro de 1991, converteuse na primeira muller kurda que accedeu a un escano no parlamento de Turquía.[1] O seu activismo en favor dos dereitos humanos e dos dereitos do pobo kurdo, outorgoulle un gran recoñecemento por parte da poboación kurda de Turquía. Logrou converterse en deputada polo distrito de Diyarbarkir co 84% dos votos polo partido DEHAP.
Zana foi a primeira deputada electa en expor abertamente o conflito kurdo na Asemblea Nacional de Turquía. Ingresou o 6 de novembro de 1991, cun grande escándalo para o nacionalismo kemalista. Xurou o seu cargo lucindo un diadema coas cores da prohibida bandeira kurda e usando a proscrita lingua kurda "en nome da irmandade entre os pobos turco e kurdo".[2]
En marzo de 1994, tras un controvertido discurso nos Estados Unidos, sendo deputada do Partido da Democracia foille cancelada a inmunidade parlamentaria e foi detida baixo as acusacións de traizón e separatismo, así como de pertenza ao Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), xunto cos seus compañeiros de partido Hatip Dicle, Orhan Doğan e Selin Sadak.
O 8 de decembro dese ano, foi condenada a quince anos acusada de "traizón" e de "pertenza a unha organización ilegal", cargos que ela sempre negou.[2]
En 1995 foille concedido polo Parlamento Europeo o Premio Sakharov[1] para a liberdade de pensamento pola súa "valente defensa dos dereitos humanos e o seu compromiso en forxar unha resolución pacífica e democrática ao conflito kurdo".[2]
O caso de Leyla Zana espertou un importante interese internacional, especialmente por mor dos intentos de Turquía por ingresar na Unión Europea. A Unión insistiu repetidamente ao goberno turco para que Zana fose liberada. No ano 2000, a película La espalda del mundo de Javier Corcuera dedicou unha das tres reportaxes á historia de Zana, aumentando a súa popularidade no exterior de Turquía.[3]
En 2001, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos fallou contra o goberno turco polo caso de Zana, cualificándoa como presa de conciencia. No entanto, Turquía non recoñeceu o fallo. Foi liberada en 2004.
En 2005 o Tribunal Europeo ditaminou unha compensación de 9000 euros a Zana por parte do goberno turco. Ese mesmo ano, Zana participou na formación do Movemento Democrático do Pobo (DTH), que se fusionou co Partido da Democracia do Pobo (DEHAP) dando lugar ao Partido Democrático do Pobo (DTP), onde milita Zana.
Defensora dunha Turquía federal cunha rexión denominada Kurdistán, en abril de 2008 foi condenada a dous anos de cárcere por "propaganda terrorista". En decembro do mesmo ano foi tamén condenada a outra década no cárcere por "terrorismo". O 28 de xullo de 2009 outro tribunal condenouna a 15 meses de prisión por un parlamento. As tres penas suspendéronse.[2]
O 12 de xuño de 2011, regresou ao parlamento. Foi reelixida como independente debido a unha prohibición vixente de pertencer a un partido. Defensora dunha solución política ao conflito kurdo, reuniuse en 2012 co que posteriormente sería presidente, Recep Tayyip Erdoğan, e apostou por el publicamente para resolver o conflito kurdo, o que lle valeu críticas dos propios sectores kurdos. A súa iniciativa serviu de base para o proceso negociador entre o PKK e o goberno turco, grazas ao cal o líder do PKK Abdullah Öcalan realizou o histórico chamamento a pasar da resistencia armada á loita política.[2]
No verán de 2015, iniciouse unha nova ofensiva xudicial a consecuencia do violento fin do proceso de paz co PKK. O Partido Democrático do Pobo foi acusado de ser o brazo político do PKK. A formación negouno e denunciou unha purga para acabar coa disidencia do país.[1]
En maio de 2016, o parlamento turco aprobou levantar a inmunidade parlamentaria dos deputados que tivesen abertos procesos xudiciais.[4]
En novembro de 2016, Zana foi novamente arrestada xunto con outros deputados do BDP/HDP, acusados de afiliación co PKK e en febreiro de 2017 de novo foi brevemente arrestada e logo liberada.[2]
O 11 de xaneiro de 2018, a pertenza de Zana ao parlamento foi revogada por perder 212 sesións parlamentarias entre outubro de 2016 e abril de 2017 por 302 votos contra 22 do parlamento turco, cos deputados de CHP e HDP que asistiron votando en contra.[5][6][7]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Leyla Zana - EP SAKHAROV PRIZE NETWORK". Consultado o 6 de xaneiro de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Turquía arresta brevemente a la Premio Sajarov Leyla Zana". El Mundo (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2018.
- ↑ "La espalda del mundo". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2018. Consultado o 6 de xaneiro de 2018.
- ↑ "Turquie: la levée de l'immunité parlementaire approuvée, le parti prokurde menacé". ladepeche.fr (en francés). Consultado o 6 de xaneiro de 2018.
- ↑ "Turkish parliament strips pro-Kurdish lawmaker of her status". Reuters (en inglés). 11 de xaneiro de 2018. Consultado o 19 de xuño de 2019.
- ↑ "HDP's Leyla Zana dismissed from Turkish parliament". www.rudaw.net. Consultado o 19 de xuño de 2019.
- ↑ "TÜRKİYE BÜYÜK MİLLET MECLİSİ AÇIK OYLAMA SONUÇLARI". www.tbmm.gov.tr. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 28 de novembro de 2019.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- CILDEKT International Committee for the Liberation of the Kurdish Parliamentarians Imprisoned in Turkey
- La espalda del mundo en Rotten Tomatoes