Latvijas Radio
Latvijas Radio (LR) (en galego: Radio Letonia) é o servizo público de radiodifusión de Letonia. A súa sede central está na capital, Riga. Comezou a emitir o 1 de novembro de 1925, é membro activo da Unión Europea de Radiodifusión (EBU-UER) dende 1993, e hoxe en día mantén varias emisoras de FM e dixitais.
Latvijas Radio | |
---|---|
Tipo | emisora de radio, radiodifusora pública e empresa estatal |
Data de fundación | 1925 e 29 de xuño de 1992 |
Nº de empregados | 293 (2023) |
Sede | Riga |
Enderezo | Doma laukums 8, Rīga, LV-1050 |
País | Letonia |
56°56′59″N 24°06′20″L / 56.949817, 24.105675 | |
Na rede | |
http://www.latvijasradio.lsm.lv/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarNada en 1925 foi a pioneira da radio letoa e unha das 20 primeiras de Europa. Inicialmente emitía un par de horas diarias, mais a programación foise ampliando durante os primeiros anos combinando información, música (clásica e doutros xéneros) e contidos educativos e culturais. Dos pouco máis de 300 suscritores iniciais, pasou a máis de 155 000 en 1940.[1] Empregada como un medio de propaganda durante a ocupación nazi e soviética, comezou a liberarse do control da censura a finais da década de 1980 ao abeiro das reformas da Glasnost. No proceso de independencia de Letonia, en 1991, xogou un papel destacado na información e na organización das protestas pacíficas.
Mantivo o monopolio nas ondas letoas ata 1991, cando se abriu a primeira emisora privada. Logo da anexión rusa de Crimea, Latvijas Radio reforzou a súa presenza na rexión de Latgalia, fronteiriza con Rusia, coa apertura duns estudios en Rēzekne en 2016. Ata 2021, a organización financiábase de forma mixta entre os ingresos da publicidade e as dotacións a conta do Estado, máis a partir dese ano, Latvijas Radio abandonou o mercado publicitario.[2]
Emisoras
editar- Latvijas Radio 1 (LR1): foi a primeira emisora do grupo e hoxe ten unha programación xeneralista centrada na cobertura informativa.
- Latvijas Radio 2 (LR2): emite música en lingua letoa.
- Latvijas Radio 3 - Klasica (LR3): especializada na música clásica, no aire dende 1996.[3]
- Latvijas Radio 4 - Doma Laukums (LR4): emisora en ruso.
- Latvijas Radio 5 - Pieci.lv (LR5): radio para a mocidade centrada na emisión musical, conta cunha emisora de fm a nivel nacional e varias canles de streaming segundo o xénero musical, incluíndo un en latgalo. Comezou a emitir en 2013 no medio de polémica polo seu custo. No Nadal, desenvolve un maratón benéfico no que emite peticións musicais dos oíntes a cambio dunha doazón de 5€ para un proxecto de axuda social. Esta iniciativa chámase "Dod pieci!" (en galego: dáme cinco).[4]
- Latvijas Radio 6 - Radio NABA (LR6): emisora universitaria en colaboración coa Universidade de Letonia centrada na retransmisión de música non comercial dende 2002.[5]
Ademais, Latvijas Radio conta cunha popular sección de teatro radiofónico e, en 1940, fundou o Coro da Radio Letoa, que participa nos máis prestixiosos festivais.[6][7]
Notas
editar- ↑ "Latvia: Radio". Media Landscape. Consultado o 31-1-2021.
- ↑ "Public media exits the advertising market". LSM. Consultado o 31-1-2021.
- ↑ "Latvian Radio 3 celebrates a classic 25 years with a memorable concert". LSM. Consultado o 31-1-2021.
- ↑ "Dod Pieci Latvijas Radio". dod.pieci.lv. Consultado o 31-1-2021.
- ↑ "About". www.naba.lv. Consultado o 2021-01-31.
- ↑ "Choir - Latvian Radio Choir". www.radiokoris.lv. Consultado o 2021-01-31.
- ↑ "Things of Latvia: Latvian Radio Theater". eng.lsm.lv (en inglés). Consultado o 2021-01-31.