La vida del Buscón

novela de Francisco de Quevedo

La vida del Buscón, tamén coñecida como Historia de la vida del Buscón, llamado don Pablos; ejemplo de vagamundos y espejo de tacaños, ou simplemente El Buscón, é unha novela de Francisco de Quevedo, escrita en lingua castelá e publicada en 1626. É a única novela do autor, e segue a liña da picaresca amarga iniciada polo Lazarillo de Tormes de autoría anónima.

La vida del Buscón
Capa da edición de 1626
Título orixinalHistoria de la vida del Buscón, llamado don Pablos; ejemplo de vagamundos y espejo de tacaños
Autor/aFrancisco de Quevedo
OrixeEspaña
Linguacastelán
Xénero(s)Novela picaresca
Data de pub.1626
editar datos en Wikidata ]

Datación

editar

Ao igual que outros exemplares de literatura clandestina, antes da súa publicación circulou en copias manuscritas, algunhas das cales aínda se conservan. Ao parecer, foi escrita entre 1603 e 1620, cun proceso de reelaboración posterior no que Quevedo traballaría até preto de 1640, se ben nunca recoñeceu a autoría da obra, probablemente para evitar problemas coa Inquisición, o que dificulta a tarefa de datación.

Segundo Lázaro Carreter a primeira versión foi redactada entre 1603 e 1604, e Francisco Rico indica 1605. Fronte a esta opinión xeneralizada, Américo Castro considera a novela como unha obra de madurez, datándoa cara a 1620.

Posiblemente existiron dúas versións: unha primitiva e outra revisada, que Lázaro Carreter sitúa entre 1609 e 1614. A versión máis antiga recóllese no manuscrito 303 bis (olim Artigas 101), conservado na biblioteca de Menéndez Pelayo (Santander). O chamado "Manuscrito Bueno" (por pertencer ao bibliotecario Juan José Bueno) está depositado en Madrid, na Biblioteca da Fundación Lázaro Galdiano.

Edicións

editar

A primeira edición foi publicada en Zaragoza en 1626. Non contou co permiso do autor, aínda que se lle imputa a autoría no título: Por don Francisco de Quevedo Villegas, Cavallero de la orden de Santiago y Señor de Iuan Abad. En relación cos manuscritos, tiña correccións e supresións por mor da censura. Acadou grande éxito, e ese mesmo ano apareceu unha segunda edición, cun pé de imprenta falso (Zaragoza, 1626) para camuflar a verdadeira praza de edición, que fora Madrid. Axiña foi traducida a varias linguas. Entre 1626 e 1648 foi editado en Barcelona, Valencia, Zaragoza, Ruán, Pamplona, Lisboa e Madrid. Non obstante, Quevedo seguiu ignorando a súa existencia, non incluíndo esta novela na lista das súas obras que elaborou en 1640.

As edicións modernas baséanse no manuscrito «Bueno» (B), no manuscrito conservado en Santander (S), nun manuscrito procedente dun códice da catedral de Córdoba (C) e nas dúas edicións princeps feitas en Madrid en 1648, baseadas á súa vez na de Zaragoza de 1628 (E), se ben stricto sensu a auténtica edición princeps sería a impresa en 1626 en Zaragoza polo libreiro Roberto Duport. Considérase o manuscrito B como a mellor testemuña conservada do texto tal e como o concibiu Quevedo, por ser moi coidadoso coa grafía e conter poucos erros; de feito pénsase que pola súa calidade estaba destinado a ser regalado a alguén importante.

Pénsase que S, C e E proceden doutro arquetipo común (X), e que probablemente S e C tamén proceden dun subarquetipo (Y). Fronte a esta unanimidade, hai diferentes interpretacións sobre a datación e filiación entre as diferentes fontes. Segundo Lázaro Carreter, B sería a testemuña máis antiga (antes de 1620), e as diferenzas entre S, C e E procederían de sucesivas revisións do texto por parte de Quevedo e/ou erros dos copistas ou impresores. Segundo Cabo Aseguinolaza, interpretación esta que concita máis consenso, B sería a versión máis recente, revisada e retocada persoalmente por Quevedo, e datable pouco antes de 1640.

O mesmo título da novela varía entre as diversas versións. No manuscrito B é Historia de la vida del Buscón, llamado don Pablos; ejemplo de vagamundos y espejo de tacaños, pero a portada ten tipografía do século XIX e o título é o mesmo có da edición de 1626, polo que se pode deducir que é unha adición tardía. Tampouco coinciden nin o manuscrito C (La vida del Buscón llamado don Pablos) nin o S (La vida del Buscavida, por otro nombre D. Pablos), polo que o título orixinal (La vida del Buscón) é tomado da epígrafe do libro terceiro do manuscrito B: «Libro tercero y último de la primera parte de la vida del Buscón». Amais, xa desde o século XVII foron usados outros títulos como La historia y vida de el Gran Tacaño, o que explica que tamén sexa designado simplemente como o Tacaño.

A obra está estruturada en tres libros, con sete, seis e dez capítulos. Nun dos manuscritos aparece unha «Carta dedicatoria» preliminar:

Habiendo sabido el deseo que v. m. tiene de entender los varios discursos de mi vida, por no dar lugar a que otro (como en ajenos casos) mienta, he querido enviarle esta relación...

Libro primeiro

editar

O protagonista é Pablos, un rapaz segoviano, fillo de Clemente Pablo, un barbeiro ladrón, e de Aldonza de San Pedro, dada a bruxerías. Tiña un irmán de sete anos que roubaba á clientela do seu pai e que morreu no cárcere. Entra na escola, onde coñece a Diego Coronel, fillo de Alonso Coronel. Alí Pablos faise amigo do seu mestre, e decide marchar da vila por vergoña da concición dos seus familiares. Marcha ao servizo de Diego, os dous baixo pupilaxe do licenciado Cabra, clérigo avaro que os mata de fame.

Tras regresar a Segovia, marchan a Alcalá de Henares, onde Diego vai estudar gramática. Pablos é vítima das novatadas dos estudantes, e devén experto en enganar á xente para conseguir o que desexa. Ao saber don Alonso das súas liortas, pídelle o seu fillo que regrese.

O tío de Pablos, Alonso Ramplón, verdugo de Segovia, comunícalle que axustizou o seu pai, e que a nai está presa na Inquisición de Toledo, e probablemente será queimada nun auto de fe. Convídao a volver a Segovia para aprender o oficio de verdugo con el, e Pablos regresa coa intención de cobrar a súa facenda e coñecer a súa parentela para evitala nun futuro.

Libro segundo

editar

Relata o camiño desde Alcalá até Segovia, onde vai encontrando personaxes disparatados: como un tolo que pretende axudar ao seu rei na guerra de Flandres secando o mar con esponxas, un mestre de esgrima covarde, e un clérigo vello autor de malos versos. Despois de pasar o porto de Fuenfría, atopa un soldado matón e un eremita nun burro. Chegan á posada en Cercedilla e o eremita gáñalles xogando aos naipes. Despois atopa un xenovés rico, e critica ós banqueiros xenoveses que prestaban cartos á coroa española e despois quedaban coa prata procedente das Indias interese.

Ao chegar a Segovia ve ao seu pai axustizado e despezado. Logo de embebedarse co seu tío, recolle a herdanza e marcha a Madrid.

Libro terceiro

editar

Toribio introduce a Pablos nunha confraría de pícaros e rufiáns, cos que vive. Delatado o grupo, son detidos e levados a prisión. Pablos logra saír logo de subornar a todos, desde o carcereiro ao escribán. Vai entón a unha pousada, facéndose pasar por rico con nomes falsos. Pretende casar cunha dama, pero é descuberto por Diego, o seu antigo amo, e acaba sendo moído a paus. Decide entón ir a Toledo, onde ninguén o coñece. Forma parte dunha compañía de cómicos, destacando en papeis de tipo duro e iniciándose na poesía. Despois de deixar a compañía faise galán de monxas. De Toledo vai a Sevilla, onde gaña a vida como rufián e tramposo. Logo dun incidente coa lei, acóllese a sagrado nunha igrexa. Alí coñece unha muller, á que propón ir ás Indias na procura dunha vida mellor. Porén, a novela remata dicindo que non lle foi mellor alí:

Y fueme peor, como v.m. verá en la segunda parte, pues nunca mejora su estado quien muda solamente de lugar, y no de vida y costumbres.

Intención

editar

A obra non ten un propósito moralizante, senón que simplemente busca un efecto cómico. Non se pretende destacar que certas accións son eticamente condenables e que traen como consecuencia o castigo, senón simplemente se procura facer rir. Aparecen moitas malas accións que quedan sen castigo, e non hai digresións moralizadoras agás a frase final: «nunca mejora su estado quien muda solamente de lugar y no de vida y costumbres».

Baséase no principio da imposibilidade do ascenso social. Pablos quere borrar as súas orixes e apartarse da súa parentela, pero todos os seus intentos fracasan. Cando algún personaxe busca facerse pasar por cabaleiro ou por rico, aparece inmediatamente o castigo. Quevedo trata a usurpación estamental desde unha mentalidade nobiliaria ante o afán das clases baixas de ascender, rexeitando o desexo de ascenso social de Pablos cunha perspectiva clasista.

Estilo

editar
 
Francisco de Quevedo.

A sátira aparece esaxerada até converterse nunha caricatura. Os lugares e personaxes non son descritos de forma realista, senón grotesca, até obter unha visión esperpéntica. Esta esaxeración é un trazo tipicamente barroco.

O autor, a través do narrador en primeira persoa, trata os personaxes con frialdade, sen compaixón nin simpatía. Descríbeos cos trazos máis escuros, esaxerando as deformidades físicas e morais.

Demostra un alto dominio da linguaxe, xogando constantemente cun léxico moi rico, forzando dobres significados. Utiliza un estilo conceptista, impropio do personaxe-narrador. Son frecuentes os chistes macabros e as groserías.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar