Loita Armada Revolucionaria

grupo terrorista do independentismo galego
(Redirección desde «LAR»)

Loita Armada Revolucionaria (LAR) foi unha organización armada da esquerda independentista galega considerada terrorista polo Estado español, vinculada ao Partido Galego do Proletariado e á organización Galiza Ceive-OLN.

Loita Armada Revolucionaria
Tipoorganización armada
IdeoloxíaIndependentismo galego e socialismo
Data de fundación1978
Data de disolución1984
Organización relacionadaGaliza Ceive-OLN e Partido Galego do Proletariado
Persoas relacionadasAntón Arias Curto
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

editar

Realizou a súa primeira acción o 28 de xullo de 1978, coa queima de varios camións en Santiago de Compostela. Pouco despois intentou asaltar, sen éxito, unha polvoreira en Noia, e realizou tamén outras accións armadas; as máis coñecidas foron o roubo dunha sucursal da Caixa de Aforros de Ourense, atribuída a Antón Arias Curto e a colocación de explosivos nas obras da AP-9 o 17 de setembro de 1979.

En setembro de 1980 unha operación policial desartellou a organización, detendo 16 persoas baixo a acusación de "constituír un grupo armado que persegue a independencia de Galiza". Os detidos foron: José Luis Nieto Pereira, Antón Arias Curto, Francisco José Atanes Gómez, Xosé Cid Cabido, Xosé Luís Méndez Ferrín, Arturo Estévez Rodríguez, Antonio Bertolo Losada, Modesto Román González, Manuel Pousada Covelo, José Luis Villaverde Varela, José Patricio Recamám, Luciano Prego Sanjosé, Edelmiro Domínguez, Fernando Eiras Fernández, Luís Calvar Puga e Alberto Lama Couso.[1] O resto dos seus militantes refuxiáronse en Portugal. Aos detidos aplicóuselles a lei antiterrorista en vigor, permanecendo 10 días incomunicados, nos que denunciaron ser sometidos a torturas.[2] Tras este período só Manuel Pousada Covelo e José Luís Villaverde Varela foron liberados sen cargos. O resto dos detidos ingresaron en cadeas de Galiza, aínda que posteriormente foron obxecto da política de dispersión de presos aplicada polo sistema xurídico español, sendo recolocados primeiro en Madrid e despois en Segovia.

O golpe policial tivo como consecuencia a fundación das Xuntas Galegas pola Amnistía (XUGA), organización antirrepresiva que ten como obxectivo a defensa dos dereitos dos presos, especialmente contra as políticas de dispersión.

En 1981 producíronse diversas excarceracións, ficando presos soamente Nieto Pereira, Cid Cabido, Arias Curto, Edelmiro Domínguez, Francisco Atanes e Arturo Estévez. O xuízo contra LAR celebrouse na Audiencia Nacional en Madrid o 30 de marzo de 1982,[3] e tivo como resultado a condena firme de Recamán, Atanes Gomes, Nieto Pereira, Xosé Cid Cabido e Antón Árias Curto.[4] Francisco Atanes, Arturo Estévez e Edelmiro Domínguez foron postos en liberdade o 3 de abril.[5]

En 1983 un indulto do goberno do PSOE, solicitado polos propios presos, puxo en liberdade os tres últimos reclusos que quedaban na cadea.[6] En 1984 a organización disolveuse formalmente.

  1. Muruais, Perfecto Conde (1980-09-07). "Nacionalistas gallegos, acusados de mantener contactos con ETA". El País (en castelán) (7 de setembro de 1980). ISSN 1134-6582. Consultado o 2 de outubro de 2023. 
  2. del Caño, X. M.: Conversas con Méndez Ferrín. Historia, literatura, nación; Vigo: Edicións Xerais, 2005.
  3. La Voz de Galicia, 31-3-1982, p. 38.
  4. La Voz de Galicia, 22-4-1982, p. 37.
  5. La Voz de Galicia, 4-4-1982, p. 40.
  6. REAL DECRETO 1157/1983, de 9 de febreiro de 1983, polo que se indulta a Xose Luis Nieto Pereira, Antonio Arias Curto e Xosé Cid Cabido.