Kristall é o nome dun dos módulos que formaban a estación espacial Mir.[1]

O módulo Kristall fotografiado durante a misión STS-81.

Características

editar

O módulo Kristall estaba adicado á experimentación con materiais e material biolóxico en microgravedade. Cunha masa de 19.500 kg ao lanzamento e 11,9 m de longo, Kristall foi enviado ao espazo o 31 de maio de 1990 a bordo dun foguete Proton K desde o cosmódromo de Baikonur. Foi o terceiro módulo en engadirse ao núcleo da Mir e ademais de adicarse á experimentación de materiais e biolóxica tamén facía funcións de observación da Terra e de investigación astrofísica. Ao longo da vida da Mir o módulo foi movido varias veces de porto para acomodar novos módulos, como o Spektr, e para situalo nunha mellor posición cando os transbordadores espaciais comezaron a visitar a estación.[1]

Kristall tiña 61 m3 de volume presurizado e estaba dividido en dous compartimentos: o compartimento de instrumentación, con contedores de alimentos e equipamento de procesamento industrial, e o compartimento de acoplamento, cun sistema de acoplamento APAS-89 con dúas unidades andróxinas e que foi usado para o primeiro acoplamento entre a Mir e un transbordador.[1]

Orixinalmente Kristall levaba dous paneis solares cunha área total de 72 m2 e capaces de proporcionar 8,4 kW de potencia que se almacenaban nun sistema de baterías cunha capacidade de 360 Amperio-hora. Un dos paneis foi movido máis tarde ao módulo Kvant, en 1995, a petición da NASA, antes do comezo das visitas dos transbordadores. O sistema de propulsión do módulo consistía en dous motores principais de 3,9 kN de impulso alimentados por tetróxido de nitróxeno e UDMH e varios grupos de propulsores de control de actitude de 400 N de pulo.[1]

Kristall destruíuse xunto co resto da Mir cando a estación reentrou na atmosfera de maneira controlada o 23 de marzo de 2001.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Mark Wade (2020). "Kristall" (en inglés). Consultado o 16 de agosto de 2020. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar