Spektr (índice GRAU 11F77O) foi un módulo da estación espacial soviético-rusa Mir. Foi orixinalmente deseñado con fins militares e despois reacondicionado para servir como módulo civil. Cunha masa de 19.640 kg, foi lanzado o 20 de maio de 1995 a bordo dun Proton K.[1]

Esquema do módulo Spektr.

Spektr ten a súa orixe no programa de estacións espaciais militares soviéticas. Co derrubamento do réxime comunista o programa finalizou, e Spektr, aínda sen rematar, pasou a almacenamento. Anos máis tarde os Estados Unidos acordaron con Rusia proporcionar fondos para rematar os módulos Spektr e Priroda a cambio de levar a bordo entre 600 e 700 kg de experimentos americanos. Spektr foi o quinto compoñente da Mir e foi destinado principalmente a facer observacións da Terra, como busca de recursos naturais e estudo da atmosfera. Tamén serviu para facer experimentos de materiais, biolóxicos e de tecnoloxía espacial. Dispoñía dunha pequena cámara estanca para expoñer experimentos ao espazo e para lanzar pequenos satélites. O volume presurizado total do módulo era de 62 m3 e tiña catro paneis solares (dous de 27 m2 e dous de 38 m² que proporcionaban ata 9,3 kW de potencia eléctrica que era almacenada en baterías de níquel-cadmio de 360 A-hr de capacidade.[1]

Entre os instrumentos que levou a bordo destacan:[1]

  • Balkan: un lídar para facer medicións na capa superior de nubes cunha resolución de 4,5 m mediante un láser de 5320 Ángstrom de lonxitude de onda.
  • Phaza: espectrómetro para estudos da superficie terrestre en lonxitudes de onda de 0,3440 a 285 micrómetros cunha resolución de 200 km.
  • Astra 2: estudaba os elementos traza da atmosfera terrestre e a contorna da Mir.
  • Taurus/Grif: estudaba o fondo de raios X inducidos pola Mir.
  • KOMZA: detector de gas interestelar.
  • 286K: un radiómetro binocular.
  • VRIZ: un espectroradiómetro para o ultravioleta.
  • EFO 2: un fotómetro.
  • MIRAS: espectrómetro de absorción para medir os compoñentes neutros da atmosfera.

Spektr foi destruído xunto co resto da Mir durante a reentrada controlada da estación o 23 de marzo de 2001 sobre o océano Pacífico.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Mark Wade (2011). "Spektr" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2017. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar