Justine ou os infortunios da virtude

(Redirección desde «Justine ou les Malheurs de la vertu»)

Justine ou os infortunios da virtude[1], na versión orixinal en francés Justine ou les Malheurs de la vertu, é unha novela de Donatien-Alphonse-François de Sade, máis coñecido na historia da literatura como o Marqués de Sade. A súa primeira versión foi escrita en 1787, e apareceu editada por primeira vez en 1791, e reeditada noutra versión en 1797. É unha das obras máis importantes e influentes da súa obra, xunto con Les Cent Vingt Journées de Sodome ou l’École du libertinage ("Os 120 días de Sodoma") e La Philosophie dans le boudoir ("A filosofía no toucador").

Justine ou os infortunios da virtude
edición de 1791
Título orixinalJustine ou les Malheurs de la vertu
Autor/aMarqués de Sade
OrixeFrancia
Linguafrancés
Xénero(s)Novela
Data de pub.1791
Precedido porLes Infortunes de la vertu
Seguido porLa Nouvelle Justine
editar datos en Wikidata ]

Xénese da obra editar

 
Ilustración dunha edición holandesa do libro, cara a 1800.

Os seus títulos orixinais foron, sucesivamente, Les infortunes de la vertu, Justine ou les Malheurs de la vertu e La nouvelle Justine ou les Malheurs de la vertu. A obra foi escrita polo marqués de Sade durante unha das súas prolongadas estancias en prisión, na Bastilla. A primeira versión redactouna en só quince días, dándoa por terminada o 8 de xullo de 1787, permanecendo inédita ata que Apollinaire rescatou o seu manuscrito do "inferno" [2] da Biblioteca Nacional Francesa a principios do século XX. Esta versión inicial é sensiblemente inferior en extensión ás definitivas, aínda que nela xa están presentes o argumento, situacións e desenvolvemento. Trala súa saída de prisión en 1790 (mercé a un decreto da Asemblea Constituínte), imprimiuse en xuño de 1791 unha segunda versión máis explícita na que se amplían considerablemente as peripecias narradas.

En 1797 publicouse unha terceira versión da obra, tamén atribuída a Sade, e ampliada con respecto á edición anterior.

A publicación de Justine supuxo un enorme escándalo e suscitou as máis virulentas críticas. Sade foi cualificado de "autor infame de novelas detestables". Malia ser publicada clandestinamente e que Sade sempre negou a súa autoría, foi a principal causa para encerralo de por vida en diferentes institucións sanitarias acusado de "demencia libertina".

Xa en vida de Sade a obra tivo unha gran difusión, imprimíndose seis edicións en dez anos. Converteuse nunha obra maldita que circulou clandestinamente durante todo o século XIX. Recoñécese a súa influencia nas novelas de Flaubert, Dostoievski e na poesía de Baudelaire, aínda que a lista de escritores do século XIX nos que se aprecia a influencia de Sade, e máis concretamente da súa novela Justine é extensa. A principios do século XX Apollinaire publica a súa obra e os surrealistas rescatan a memoria de Sade. Desde entón numerosos autores interesáronse pola súa obra, pero debeuse esperar ata mediados do século XX para que se normalizase a súa publicación.

Estrutura editar

Como na maioría das obras de Sade, poden observarse dous niveis de contido: por unha banda, unha serie de escenas de violencia sexual; por outra, os sofismas daqueles personaxes que protagonizan esta violencia, xustificándoa. A maioría dos analistas da obra de Sade ven nas argumentacións destes personaxes o propio pensamento de Sade, un sistema filosófico e político baseado no materialismo ateo da Ilustración francesa, oposto ás ideas de Jean-Jacques Rousseau sobre a bondade innata do ser humano.

Xa na súa época Sade sufriu as críticas polos "sistemas filosóficos" que expuñan os seus personaxes libertinos. En contestación a esas críticas escribiu:

Cada actor dunha obra dramática debe falar a linguaxe establecida polo carácter que representa; que entón é o personaxe quen fala e non o autor, e que é o máis normal do mundo, nese caso; que ese personaxe, absolutamente inspirado polo seu papel, diga cousas completamente contrarias ó que di o autor cando é el mesmo quen fala. Certamente, ¡que home sería Crébillon se sempre falase como Atrée!; ¡que home sería Racine se pensase como Nerón!; ¡que monstro sería Richardson se non tivese outros principios que os de Lovelace!
A Villeterqué foliculario.

É nesta obra de Sade onde máis claramente se pode apreciar a influencia de Voltaire e os seus contos filosóficos (concretamente lembra a Cándido). Como adoita suceder nas obras do Marqués, as peripecias narradas parecen ser unha escusa para posibilitar a exposición de diferentes sistemas filosóficos.

En Justine, Sade válese da protagonista para simbolizar a virtude e manifestar a súa pesimista tese segundo a que a virtude é sistematicamente esmagada polo vicio, mentres que o vicio, libre de valores e principios, cobra vantaxe e prospera. Partindo desa tese, Sade, na introdución, preocúpase por aqueles que carentes dunha formación moral sólida poidan chegar á conclusión de que é mellor, máis vantaxoso, practicar o vicio e non a virtude.

¿Non dirán que a virtude, por fermosa que sexa, se volve porén o peor partido que se poida tomar, se resulta demasiado débil para loitar contra o baleiro, e que, nun século totalmente corrompido, o máis seguro é actuar como os demais? Algo máis instruídos, se se quere, e abusando das luces que adquiriron, ¿non dirán co anxo Jesrad, de Zadig, que non hai mal que por ben non veña, e que poden, a partir de aí, entregarse ó mal, xa que de feito só é un dos xeitos de produciren o ben? ¿Non engadirán que é indiferente ó plan xeral que tal ou cal sexa preferentemente bo ou malo; que se o infortunio persegue á virtude e a prosperidade acompaña ó crime, sendo ámbalas dúas cousas iguais para os proxectos da natureza, é infinitamente mellor tomar partido entre os malvados, que prosperan, que entre os virtuosos, que fracasan? Así pois, é importante previr eses perigosos sofismas dunha falsa filosofía.

Argumento editar

Sade válese na obra da fórmula do narrador omnisciente, que comenta o desenvolvemento da trama, extrae conclusións e exhorta o lector utilizando a segunda persoa do plural. Justine trata da vida desgraciada de Justine, unha mociña á que a natureza dotou dun irresistible impulso cara á virtude, pero ó quedar orfa, enfróntase a un mundo cheo de libertinos. Ela e a súa irmá Juliette vense obrigadas a buscarse a vida como poden, pero mentres que Juliette, inclinada naturalmente ó vicio, decide prostituírse, o que a leva a acadar o éxito e a respetabilidade, a boa de Justine empéñase, contra vento e marea, en querer levar unha vida virtuosa.

Case vinte anos despois da súa separación, as dúas irmás atópanse, sen se recoñeceren. Juliette é a esposa dun importante personaxe, e Justine encóntrase nun absoluto desvalemento. A segunda refire á primeira as súas desventuras en primeira persoa: como, pola súa inclinación á virtude, foi unha e outra vez vexada, sen atopar nunca a paz. O relato de Justine ocupa a maior parte do libro. Ó rematar, Justine é recoñecida por Juliette, que decide axudala, pero, pouco despois, Justine é atinxida por un raio, sen posibilidade de gozar da vida tranquila que a súa irmá está resolta a proporcionarlle.

Sade concede ó lector un final convencional: a morte de Justine non debe resultar estéril. Na introdución adianta o plan da obra:

É esencial demostrar que os exemplos de virtude infortunada presentados a unha alma corrompida, na que permanecen no entanto uns cantos bos principios, poden devolver esta alma ó ben con tanta seguridade como se se lle mostrasen no camiño da virtude os exitos máis brillantes e as máis prometedoras recompensas.

E consonte ese plan, Juliette, conmovida polos infortunios da súa irmá, comprende a grandeza da virtude, e, rexenerándose, comprométese a levar unha vida piadosa. Así terminan as dúas primeiras versións, non así na terceira, onde Juliette continuará sumida na máis extrema libertinaxe. O narrador, pouco convincentemente, conclúe no derradeiro parágrafo da novela que a virtude de Justine achará a súa recompensa no alén.

A propia trama e as ideas expostas na novela son extremadamente radicais para a súa época, con fortes críticas á organización social e á relixión e igrexa. A virulencia das súas críticas contra o réxime establecido e as posibles referencias a influentes personaxes da época -unido á avaricia dos seus familiares, que desexaban apoderarse do seu patrimonio- valeron a Sade a reclusión de por vida no manicomio de Charenton.

En 1967 rodouse en Italia a escenificación cinematográfica da película, Justine ovvero le disavventure della virtù, titulada en castelán Pasión Mortal. Estivo dirixida por Jess Franco, con Klaus Kinski e Romina Power como figuras principais. Posteriormente, houbo outras adaptacións ó cine da obra.

Ideas básicas na obra editar

Justine (unha adolescente) recorre a tódolos estamentos sociais para preservar a súa virtude, e en tódolos casos, no canto de recibir axuda o que atopa son incitacións ó vicio. Justine simboliza a virtude que cunha escasa intelixencia debe enfrontarse ao comechón do vicio e, contrariamente ó que cabería esperar, no canto de ser recompensada por manter a súa virtude, o que recibe é toda clase de agravios. Pola contra, os libertinos que abusan dela vense recompensados con toda clase de parabéns.

Sade verte nesta obra a súa misantropía, describe como, na sociedade na que lle tocou vivir, practicar a virtude sempre resulta oneroso, mentres que quen practica o vicio encontra unha sociedade cómplice e corrompida, o que lle permite adquirir vantaxe.

¿Baixo que fatal estrela tiven que nacer, díxenme, para que me resulte imposible concibir un só sentimento de virtude que non sexa inmediatamente seguido por un diluvio de males, e como é posible que esta ilustre providencia, cunha xustiza que gozo en adorar, ó castigarme polas miñas virtudes, me ofrecese asemade a visión dos que me aplastaban cos seus vicios na cúspide?

Notas editar

  1. Ficha da obra Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. na páxina web da editorial Trymar.
  2. Departamento de obras prohibidas ó público xeral.

Bibliografía editar

  • Justine o los infortunios de la virtud, marquis de Sade (Ed. Tusquets) ISBN 84-7223-738-9.
  • La nueva Justine o los infortunios de la virtud, marquis de Sade (Valdemar) ISBN 84-7702-442-1.
  • Justine, marquis de Sade (Ed. Fundamentos) ISBN 84-245-0196-9
  • Del autor de Los crímenes del amor a Villeterque foliculario, autor: Marqués de Sade (na web).
  • Guillaume Apollinaire. Introducción a L’Oeubre Du Marquis de Sade. Bibliotheque des Curieux. 1909 París
  • Anna Raventós. Como presumo que mi memoria se borrará de la mente humana. Revista Barcarola Nº 61-62 agosto 2002. Albacete.
  • Goeffrey Gorer. Vida e ideas del Marqués de Sade. Editorial La Pleyade. 1969. Bos Aires.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar