Juscelino Kubitschek
Juscelino Kubitschek de Oliveira, nado en Diamantina o 12 de setembro de 1902 e morto en Resende o 22 de agosto de 1976, foi presidente do Brasil de 1956 ata 1961. O seu goberno estivo marcado pola inauguración de Brasilia, a actual capital do Brasil, o 21 de abril de 1960.
Traxectoria
editarFillo do vendedor João César de Oliveira e da profesora de orixe checa Julia Kubitschek, formouse en medicina en 1927, fixo cursos complementarios en París e Berlín. Comezou a traballar como médico na policía do seu estado, onde coñeceu o futuro gobernador Benedito Valadares, que o iniciou na política en 1934 como xefe do seu gabinete. Despois foi deputado federal e alcalde (en portugués: prefeito) de Belo Horizonte. En 1950 co país redemocratizado, foi elixido gobernador de Minas Xerais. Finalmente, en 1956, foi elixido presidente do Brasil, tendo como vicepresidente a João Goulart.
O goberno como presidente
editarAntes de comezar o goberno, ocorreu unha tentativa de rebelión militar en Jacareacanga, cidade do estado do Pará, que non tivo éxito. Juscelino controlou a rebelión, prendeu os seus líderes e despois os amnistiou, nunha tentativa de conciliación.
As tentativas de conciliación foron unha característica do seu goberno: evitar que se radicalizasen os descontentos e rebelións. Non legalizou o Partido Comunista (que estaba na clandestinidade dende 1948) pero tampouco perseguiu os seus líderes. Para conter os descontentos da Mariña e da Forza Aérea, que reclamaban melloras nos seus equipamentos, adquiriu o primeiro navío portaavións brasileiro, o Minas Gerais. Non se enfrontou ás oligarquías rurais brasileiras, pero como resposta ós reclamos da reforma agraria no Nordeste brasileiro, creou a Superintendencia do Desenvolvemento do Nordeste (SUDENE). Finalmente, para crear empregos no Brasil, incentivou a instalación de fábricas de automóbiles, como a SIMCA, a Volkswagen, a DKW, a Ford e outras.
A política de implantación de industrias e crecemento económico foi sintetizada nunha frase: facer 50 anos de desenvolvemento en 5 anos de goberno, ou 50 anos en 5. A construción de Brasilia formou parte do proceso de interiorizar o desenvolvemento: abríronse estradas, como a Belém-Brasilia, para ligar puntos do Brasil á nova capital, creando novas zonas de poboación, plantacións e comercio de produtos.
No fin do seu goberno, a alta inflación foi un dos motivos da elección do seu opositor, Jânio Quadros.
Despois da presidencia
editarJuscelino foi elixido senador polo estado de Goiás en 1962 e tiña o desexo de disputar novamente a presidencia. Pero co golpe militar de 1964 os seus dereitos políticos foron tirados polos militares, e Juscelino decidiu se exilar voluntariamente. Tentou articular no exterior a chamada fronte ampla de oposición ó golpe militar, pero non tivo éxito. En 1976 volveu ó Brasil, pero faleceu nun accidente de automóbil na Estrada Presidente Dutra (BR-116) próxima á cidade de Resende, no estado do Río de Xaneiro. Dos gobernantes do Brasil entre 1945 e 1964, apenas Juscelino e Eurico Gaspar Dutra lograron terminar os entón 5 anos de mandato presidencial. Juscelino é lembrado como un dos gobernantes máis democráticos da historia brasileira.
Presidente do Brasil | ||
---|---|---|
Segue a: Nereu Ramos |
Juscelino Kubitschek | Precede a: Jânio Quadros |
PSD |