Juan Manuel Ameijeiras
Juan Manuel Ameijeiras Delgado, tamén coñecido como "Mel" Ameijeiras, nado en Pueblo Viejo, Jesús Menéndez, Las Tunas, Cuba, o 23 de outubro de 1932 e finado en Santiago de Cuba o 26 de xullo de 1953, foi un revolucionario cubano de orixe galega.
O Hospital Hermanos Ameijeiras, na Habana, chamado así en honor de Juan Manuel Ameijeiras e seus irmáns | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de outubro de 1932 Cuba |
Morte | 26 de xullo de 1953 (20 anos) Cuartel Moncada, Cuba |
Actividade | |
Ocupación | revolucionario |
Carreira militar | |
Conflito | asalto ao cuartel Moncada |
Familia | |
Irmáns | Efigenio Ameijeiras Gustavo Ameijeiras Ángel Ameijeiras |
Era un dos irmáns Ameijeiras. Participou en accións contra a ditadura de Fulgencio Batista e perdeu a vida no frustrado asalto liderado por Fidel Castro ao cuartel Moncada
Traxectoria
editarSeu pai foi o emigrante galego Manuel Ameijeiras Fontenla, natural de Campo Lameiro[1], quen despois de emigrar á Arxentina e volver a Galicia, partiu cara a Cuba. Alí coñeceu á súa futura esposa, María de las Angustias Delgado Romo, de Corral Falso, Matanzas, coa que tivo dez fillos. O último deles foi Juan Manuel, que levou o nome do pai e do primeiro irmán, morto na infancia.[2] O pai volveu ao seu país onde desapareceu na guerra civil, polo que a nai tivo que ocuparse soa dos fillos.
A familia trasladouse a Puerto Padre, máis tarde a Santa Clara e finalmente instalouse na Habana, onde o irmán máis vello, Gustavo, traballou nun taller e ensinaba mecánica aos seus irmáns.[3] Mel traballou como chofer nunha empresa de coches de aluger.[3][4]
Participou nas actividades do recentemente fundado Partido Ortodoxo de Eduardo Chibás. Tras o golpe de estado de Fulgencio Batista de 1952, moitos xoves acudiron á Universidade da Habana a reclamar armas, entre eles Mel e o seu irmán Efigenio.[2]
Ese verán comeza a recibir instrución militar e o 25 de xullo de 1952 reúnese con Fidel Castro e con máis dun cento de combatentes na granxa Siboney, preto de Santiago de Cuba, para asaltar ao día seguinte o cuartel Moncada. Ao amencer, a maioría de coches dirixíronse ao cuartel, mentres tres deles foron ao hospital anexo: un deles conducido por Abel Santamaría, outro por Mel e o terceiro por Mario Muñoz. O asalto fracasou e tras un longo tiroteo, Mel foi detido xunto con outros combatentes. Máis tarde foron conducidos ás cortes do cuartel e asasinados.[2]
A súa familia viu a foto do seu corpo na revista Bohemia e o seu irmán Gustavo, foi ao Oriente para encontralo, pero foi tamén detido e encarcerado. Finalmente foi xulgado e absolto. Un informe da policía identificou a Juan Manuel como o cadáver número 25.
Legado
editarTrala súa morte púxoselle o seu nome a unha das columnas do Exército Rebelde que loitaba en Sierra Maestra: a Columna 6 Juan Manuel Ameijeiras.[5]
Tamén leva o seu apelido e o de seus irmáns o hospital máis importante de Cuba, o Hospital Hermanos Ameijeiras da Habana.
Notas
editar- ↑ "Os outros galegos na revolución cubana". Sermos Galiza. 29 de novembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2019. Consultado o 15 de xaneiro de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Juan Manuel Ameijeiras Delgado en Ecured". www.ecured.cu (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2019.
- ↑ 3,0 3,1 "Crónicas de la Revolución Cubana: los hermanos Ameijeiras". www.tercerainformacion.es (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2019.
- ↑ "Mel Ameijeiras, presencia de Las Tunas en el Moncada". www.tiempo21.cu (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2019.
- ↑ "Columna 6 Juan Manuel Ameijeiras". www.ecured.cu (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2019.