Ángel Ameijeiras

revolucionario cubano

Ángel Ameijeiras Delgado, coñecido como "Machaco", nado en Pueblo Viejo, Jesús Menéndez, Las Tunas, Cuba, o 2 de agosto de 1925 e finado na Habana o 8 de novembro de 1958, foi un combatente revolucionario cubano, de orixe galega.

Infotaula de personaÁngel Ameijeiras Delgado

O Hospital Hermanos Ameijeiras, na Habana, chamado así en honor de Ángel Ameijeiras e seus irmáns
Biografía
Nacemento2 de agosto de 1925 Editar o valor em Wikidata
Jesús Menéndez (Cuba) (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte8 de novembro de 1958 Editar o valor em Wikidata (33 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónrevolucionario Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsEfigenio Ameijeiras, Juan Manuel Ameijeiras Delgado e Gustavo Ameijeiras Editar o valor em Wikidata

Foi un dos irmáns Ameijeiras. Participou en accións de sabotaxe contra a ditadura de Fulgencio Batista e foi asasinado pola policía.

Traxectoria editar

Seu pai foi o emigrante galego Manuel Ameijeiras Fontenla, natural de Campo Lameiro[1], quen despois de emigrar á Arxentina e volver a Galicia, partiu cara a Cuba. Alí coñeceu á súa futura esposa, María de las Angustias Delgado Romo, de Corral Falso, Matanzas, coa que tivo dez fillos.[2] O pai volveu ao seu país onde desapareceu na guerra civil, polo que a nai tivo que ocuparse soa dos fillos. A familia trasladouse a Santa Clara e finalmente á Habana.

Na capital, Ángel comezou a militar no Partido Ortodoxo, de igual xeito que os seus irmáns. En 1952, o xeneral Fulgencio Batista deu un golpe de Estado e instaurou unha férrea ditadura, e un ano despois, Mel, un dos irmáns de Ángel, participou no asalto ao cuartel Moncada onde foi asasinado polas forzas de Batista.

Machaco máis o seu irmán Gustavo ocupáronse con éxito da distribución clandestina por toda Cuba do discurso de defensa de Fidel Castro no xuízo aos moncadistas, coñecido como A historia absolverame.[3][4][5]

En 1957, foi torturado e encarcerado xunto a Gustavo na prisión de Castillo del Príncipe. Foi liberado ao ano seguinte e comezou a participar nos preparativos da folga do 9 de abril, xunto a membros do Partido Popular Socialista. Tras o fracaso da folga asume o cargo de Xefe de Acción e Sabotaxe do Movemento 26 de Xullo na Habana. O seu irmán Efigenio, que estaba na guerrilla de Sierra Maestra, mandoulle unha mensaxe animándoo a que se unise a eles no monte, pero Machaco contestoulle que a loita na cidade era tan importante como a da serra e que loitarían alí ata o final.

Participou e organizou os atentados á emisora CNC, a voadura de canos do acueduto e accións encamiñadas a entorpecer a farsa electoral coa que Batista tentaba lexitimar o seu réxime. Segundo relatou Efigenio, un día un policía parouno cando ía nunha moto cargada con bombas e tivo que "axustizalo".[4]

Morte editar

O 7 de novembro de 1958, sentindo que os seus refuxios xa non eran seguros trasládase coa súa muller embarazada, Norma Porras (á que coñecera estando no cárcere de Castillo del Príncipe), ao edificio Goicuría, onde estaban os tamén combatentes Pedro Gutiérrez Hernández e Rogelio Perea Suárez. A madrugada seguinte son atacados por varias ducias de policías e comeza un tiroteo de varias horas que remata con Machaco e Norma feridos e detidos. Norma salvou a vida e conseguiu dar a luz ao único fillo de Machaco, os demais foron asasinados.[3]

Legado editar

Tras coñecer a noticia da súa morte, Fidel Castro ascendeuno de forma póstuma a Comandante do Exército Rebelde nunha mensaxe radiofónica dende a Sierra Maestra:

"Ascéndese ao grao de comandante, ao capitán de milicias Ángel Ameijeiras, que caeu combatendo heroicamente fronte aos esbirros da ditadura. En homenaxe á súa exemplar conduta de revolucionario, ao seu incansable espírito de loita, ao seu valor sen límites e ao heroísmo co que se bateu coas forzas mercenarias do tirano, sen importarlle o número de inimigos, preferindo morrer antes que depor as armas, o Exército Rebelde concédelle o grado de comandante, que é o máis alto da nosa xerarquía militar".[3]

A historia de Machaco e Norma foi levada ao cine polo director cubano Fernando Pérez Valdés, na película de 1987, Clandestinos, onde Machaco foi interpretado polo actor Luis Alberto García e Norma por Isabel Santos.

Un dos hospitais máis importantes de Cuba, o Hospital Hermanos Ameijeiras foi nomeado así en honor a Ángel e seus irmáns.

Notas editar

  1. "Os outros galegos na revolución cubana". Sermos Galiza. 29 de novembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2019. Consultado o 15 de xaneiro de 2019.  Arquivado 05 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.
  2. "Gustavo Ameijeiras Delgado en Ecured". www.ecured.cu (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Machaco en Ecured". www.ecured.cu (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 "Biografía do Mártir Ángel Machaco Ameijeiras". www.instituciones.sld.cu (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2019. Consultado o 17 de xaneiro de 2019. 
  5. "Cuatro hermanos que lo dieron todo por la Revolución". www.somosjovenes.cu (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2019. Consultado o 17 de xaneiro de 2019.  Arquivado 13 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.