José García Martínez

futbolista galego

José García Martínez, máis coñecido como Rabadeira, nado na Rabadeira, Cerceda, o 11 de abril de 1952 e finado o 31 de maio de 2022, foi un futbolista galego que xogaba como extremo. Desenvolveu case toda a súa carreira no Deportivo da Coruña, co que xogou en tres categorías diferentes (Primeira, Segunda e Terceira División).[1]

Rabadeira
Información persoal
Nome José García Martínez
Nacemento 11 de abril de 1952
Lugar de nacemento A Rabadeira
Falecemento 31 de maio de 2022
Altura 1,85 m.
Posición Extremo
Carreira xuvenil
1967–1968 Cerceda
1968–1969 Celas de Peiro
1969–1970 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1970–1972 Fabril
1972–1979 Deportivo da Coruña 128 (19)
1978–1979 Levante 3 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Comezou a xogar ao fútbol no Cerceda, aínda sen federar, pasando logo ás filas do Celas de Peiro.[2] En 1969 ingresou no equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, no que xogou unha tempada. A continuación pasou ao Fabril, da Serie A, co que logrou o ascenso á Terceira División na súa primeira campaña.[3]

Rabadeira, coñecido así polo seu lugar de nacemento, debutou co primeiro equipo en partido oficial o 10 de setembro de 1972, na segunda xornada da tempada 1972/73 da Primeira División, saíndo de titular contra o Granada en Riazor.[4] Disputou un total de 23 encontros esa tempada e marcou un gol na Copa do Rei, contra o Hércules,[5] pero o equipo de Arsenio acabou descendendo ao remate da competición. Na tempada 1973/74, na Segunda División, disputou 23 partidos de liga e 3 de Copa, e marcou dous goles, o primeiro deles o 27 de xaneiro de 1974 ante o Real Valladolid. Malia todo, o Deportivo encadeou un novo descenso, neste caso a Terceira División.

Titular na maioría de partidos da tempada 1974/75 na Terceira, logrou regresar á Segunda División. Militou na categoría de prata durante as seguintes tres tempadas, e acadou os 149 partidos oficiais e 24 goles co club. Na campaña 1978/79 foi cedido ao Levante, onde se proclamou campión do grupo II da Segunda División B, conseguindo así o ascenso. Tamén chegou a viaxar a Suíza para probar cun equipo dese país, pero o día da proba lesionouse e acabou volvendo a Galicia. Colgou as botas con só 27 anos por mor das lesións, aínda que máis tarde xogou ao fútbol sala.[2]

Trala súa retirada traballou na mina das Encrobas.[6] Faleceu o 31 de maio de 2022, aos 70 anos de idade.[3]

Notas editar

  1. "Rabadeira". bdfutbol. 
  2. 2,0 2,1 "Rabadeira: “Siempre piensas que puedes llegar a más, pero no fui un fenómeno”" (en castelán). 18 de outubro de 2013. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  3. 3,0 3,1 "Falece Rabadeira, xogador deportivista en Primeira, Segunda e Terceira na década dos 70". 1 de xuño de 2022. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  4. "El Deportivo se salvó de la derrota". El Pueblo Gallego (en castelán) (17898). 12 de setembro de 1972. p. 15. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  5. "¡El Deportivo encontró la suerte!". El Pueblo Gallego (en castelán) (18023). 8 de febreiro de 1973. p. 14. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  6. A., X. (2 de xuño de 2022). "Rabadeira, el exdeportivista que pasó de habilidoso extremo a minero en As Encrobas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2022.