Jane's Addiction

Jane's Addiction é unha banda de rock alternativo estadounidense fundada en 1985 nos Ánxeles (California). A súa formación orixinal contaba con Perry Farrell (voces), Dave Navarro (guitarra), Eric Avery (baixo) e Stephen Perkins (batería). Despois de separarse no ano 1991, reuníase por un pequeno período de tempo en 1997 e tamén no 2001; ámbalas dúas sen Avery. No 2008 xuntáronse os catro e realizaron unha xira mundial. Despos da mesma Avery deixou a banda a principios do 2010 cando a banda comezou a gravar material novo.

Jane's Addiction
Jane s Addiction logo1.png
Jane's Addiction - Charlotte, NC - June 12, 2009.JPG
Concerto de Jane's Addiction en xuño de 2009 no anfiteatro Verizon Wireless de Charlotte, Carolina do Norte
OrixeOs Ánxeles, Estados Unidos de América Estados Unidos
Período1985 - 1991
1997
2001 - 2004
2008 - actualidade
Xénero(s)rock alternativo, metal alternativo
Selo(s) discográfico(s)Warner Bros., EMI/Capitol
MembrosPerry Farrell
Dave Navarro
Stephen Perkins
Chris Chaney
Dave Sitek
Antigos membrosEric Avery
Duff McKagan
Chris Brinkman
Matt Chaikin
Ed Dobrydnio
Flea
Martyn LeNoble
Chris Chaney
Páxina webjanesaddiction.com

Jane's Addiction foi unha das primeiras bandas de rock alternativo aparecidas a comezos dos 90 en gañar a atención dos grandes medios e en acadar o éxito comercial nos Estados Unidos. A súa primeira xira de despedida puxo en marcha o festival Lollapalooza, un escaparate do rock alternativo. Como resultado, Jane's Addiction converteuse nunha icona do que Farrell chamou a "Alternative Nation". O grupo foi colocado no posto 35 da lista da VH1 dos "100 mellores artistas de hard rock".[1]

TraxectoriaEditar

Formación e Jane's AddictionEditar

Jane’s Addiction formouse en California tras a disolución da anterior banda do vocalista Perry Farrell, Psi-Com. A mediados de 1985 Farrell estaba buscando un novo baixista para Psi-Com e coñeceu a Eric Avery. Comezaron a practicar xuntos tendo como gustos comúns a Joy Division e The Velvet Underground, aínda que Avery nunca chegaría a integrarse totalmente no vello grupo de Farrell.[2]

O seu novo proxecto chamaríase "Jane's Addiction" na honra da compañeira de piso do vocalista, Jane Bainter, que era a musa do grupo. Pola súa primeira encarnación pasarían catro guitarristas por Jane's Addiction, e contou con Matt Chaikin, antigo membro de Kommunity FK, na batería.[3] Dende o principio, a música de Jane’s Addiction caracterizouse por ser extremadamente enérxica e orixinal. Basicamente, era un hard rock con toques de punk rock, funk, folk e rap.

Despois de que Chaikin fallase a varios ensaios, Farrell comezu a buscar un novo batería. A irmá pequena de Avery, Rebecca, suxeriu ao seu mozo Stephen Perkins. Avery non estaa seguro debido aos seus gustos musicais distintos, pero finalmente cedeu.[4] Despois de que Perkins fose contratado, este e Rebecca prometeron levar ao seu amigo Dave Navarro, que tocaba a guitarra. Polas recomendacións de Perkins a banda fíxolle unha audición e finalmente contratouno.[5]

 
Perry Farrell actuando coa banda en 2012

Jane's Addiction converteuse nunha sensación na escena de clubs dos Ánxeles, principalmente por tocar nun local chamado Scream, e chamou a atención de varios selos discográficos. Aínda que o grupo decidíu asinar con Warner Bros. Records, insistíu en lanzar primeiro o seu álbum de estrea a través do selo independente Triple X Records.[6] En xaneiro de 1987 o grupo gravou Jane's Addiction durante unha actuación no Roxy Theatre, cun custe de 4 000 dólares.[7] Antes do lanzamento do disco Jane's Addiction foi abreconcertos do grupo británico Love and Rockets durante unha xira de dous meses a finais de 1987.[8] Tamén a finais de 1987 a banda foi abreconcertos de Peter Murphy, antigo vocalista de Bauhaus, no Fender's Ballroom en Long Beach.

Nothing's ShockingEditar

Perry, que nacera co nome de Perry Bernstein, mudou o seu nome para Perry Farrel, debido á semellanza deste coa palabra inglesa "Peripheral". Polémico, innovador, carismático e orixinal, Perry sempre se dixo seguidor da "Provocative and Alternative Art". Escribía letras estrañas (adoraba escribir sobre prostitutas, como en "Jane Says" e "Whores" (reza a lenda que o nome da banda é unha homenaxe a unha prostituta que el coñecía), belas e poéticas, como "Ocean Size", "Slow Divers" e "Summertime Rolls", polémicas e irónicas, "Been Caught Stealing" e "Ain’t No Right", e ata enigmáticas, "Three Days" e "Kettle Whistle" . Adoraba polemizar, usaba roupas como mínimo estrañas, non só nos directos, senón tamén fóra deles, e certa vez chegou a dar un concerto completamente espido. Fóra de Jane’s Addiction, Perry tamén é o gran responsable do festival Lollapalooza, que acontece anualmente. Despois do fin da banda, formou en 1992 Porno for Pyros, co batería Stephen Perkins.

Despois de que Eric, Dave e Perry coñecéranse e formaran a banda, Stephen Perkins uníuse a eles. Comezaron facendo pequenas presentacións en bares e pequenos clubs. Deses directos, saíu o primeiro disco da banda, en 1987, titulado Jane's Addiction. Nese disco, xa se atopan varias pezas como "Jane Says", "Pigs In Zen" (nos álbums posteriores hai versións diferentes desas dúas cancións), "Whores" e unha versión de "Sympathy For The Devil", dos Rolling Stones.

Despois de asinar coa Warner Brothers, a banda lanzou o disco Nothing’s Shocking en 1988. Nese álbum aparecen cancións como "Up The Beach" ou unha nova versión de "Jane Says", unha das marcas rexistradas da banda. A través dese tema, Jane’s Addiction sería coñecido máis tarde tamén fóra dos círculos alternativos americanos, debido á exhibición exhaustiva do seu clip na MTV e outras canles de música.

Ritual de lo Habitual e primeira separaciónEditar

Outra canción que axudou a facer a Jane’s Addiction máis popular fóra dos círculos alternativos foi "Been Caught Stealing", que formaba parte do setlist do terceiro álbum da banda, titulado Ritual de lo Habitual. Ese disco foi lanzado en 1990, e ao final de súa xira de divulgación, no verán de 1991, a banda separouse. Nesa xira, Jane’s Addiction foi a cabeza de cartel do Lollapalooza, festival concibido e organizado por Perry, e que tiña como outras atraccións a Nine Inch Nails (Trent Reznor é amigo de Perry Farrel), Living Colour e Body Count. Nese álbum temos outras excelentes cancións, como "Stop", "Ain’t No Right" e a magnífica "Three Days".

Despois da separación, Perry ocupouse da produción anual do Lollapalooza, e máis tarde formou Porno For Pyros co Stephen Perkins; Dave Navarro asumiu a guitarra de Red Hot Chili Peppers e Eric Avery xuntouse a Polar Bear.

En 1997, a banda decidiu reunirse novamente para unha xira titulada "I-Its M-My Party Tour" e o lanzamento dun novo álbum. No lugar de Eric Avery, que non participou da reunión, foi convocado Flea, compañeiro de Navarro en Red Hot Chili Peppers. O álbum lanzado recibiu o título de "Kettle Whistle", e posúe versións en vivo dos seus maiores éxitos, á parte de demos e 4 cancións inéditas. Nesa pequena xira, a banda tivo máis público e éxito que en calquera outra xira anterior.

Despois diso, a banda separouse, pero reuniuse novamente en outubro de 2001 para algúns directos en Canadá e nos Estados Unidos, nunha nova xira conmemorativa. Dos membros orixinais, só Perry Farrel e Stephen Perkins participaron desa nova reunión. En 2001, Perry Farrel e Dave Navarro lanzan os seus primeiros discos en solitario: "Song Yet to be Sung" e "Trust No One", respectivamente.

En 2002 Jane's Addiction plantéxouse un novo disco. Con Dave Navarro de volta e Chris Chaney como novo baixista, a banda volveu ao estudio ao lado do produtor Bob Ezrin. O resultado foi editado no 2003 baixo o nome de Strays e a banda realizou unha estensa xira mundial para promocionalo. Nese mesmo ano Perry Farrel organizou unha nova edición do festival Lollapalooza, que reuniu a bandas como A Perfect Circle, Jane's Addiction, Audioslave e Queens of the Stone Age entre outras. O grupo separaríase novamente a finais de ano tras cancelar varias datas da xira.

Aínda que os detalles sobre a separación son escasos, Navarro afirmou na súa páxina web en xuño de 2004 que as razóns foran esencialmente as mesmas que na separación de 1991. Perkins despois dixo, "Sempre nos separamos se non é real. Realmente non podemos finxilo… Podemos gañar un millón de dólares por tres meses de xira pero odiaríamosnos os uns aos outros, o que non é bo. Incluso coa nostalxia, non paga a pena se non soa ou se ve ben. Unha das cousas que ten Jane's é que nunca fomos bos finxindo".[9]

O 19 de setembro do ano 2006 publicouse o álbum de grandes éxitos Up from the Catacombs - The Best of Jane's Addiction.

Regreso de Eric AveryEditar

Jane's Addiction actuou no primeiro NME Awards USA celebrado, o día 23 de abril de 2008, coa grupo composto por Perry Farrell, Dave Navarro, Eric Avery e Stephen Perkins. Este foi o primeiro concerto co baixista Eric Avery dende 1991, tendo lugar despois do seu discurso de aceptación do "Godlike Genius Award". Tras isto a formación orixinal realizou o seu primeiro concerto completo en 17 anos nos Ánxeles o 23 de outubro dese ano en La Cita Bar. O 11 de abril de 2009 celebrouse unha festa de aniversario para Perry que incluíu a membros de Jane's Addiction e Porno for Pyros no mesmo escenario; a festa foi alcumada Perrypalooza.[10]

Nese tempo apareceron fotos de Farrell, Navarro, Avery e Perkins, tomadas por Trent Reznor, na páxina oficial de Nine Inch Nails, levando á especulacións de que Reznor podería estar axudando na gravación de novo material de Jane's Addiction. "Fixo todo o posible tanto como produtor como psicanalista", dixo Farrell nunha reportaxe de Billboard sobre as tensións entre el e Avery. "Foi moi respectuoso, intentando apartarse do camiño e non sobreproducir. Desexaría honestamente que producise un pouquiño máis, pero volveuse un pouco tímido despois de vernos estoupar no estudio. Converteuse no árbitro durante un día e despois dese día penso que rematou".[11] Porén, Reznor posteriormente anunciou que Jane's Addiction acompañaría a Nine Inch Nails na súa xira do verán de 2009, que comezou o 8 de maio en West Palm Beach, Florida.

Para acompañar a xira editáronse de xeito gratuíto na súa web novas versións dos temas "Trip Away" e "Whores". Farrell explicou: "Para que flúa un pouco de xugo creativo entramos no estudio durante unhas dúas semanas. Tiñabamos a idea de regravar dous temas, porque nunca se fixeran oficialmente en estudio. E divertímonos compoñendo algunhas cousas novas. Un feixe delas están case rematadas, aínda que non están listas. Pero non hai presa de sacar nada neste momento".[12] Navarro escribíu: "Queremos darlle aos nosos oíntes algo para celebrar a xira e 'Whores' foi sempre unha das cancións que definíu dende o principio a Jane's".[13]

En xullo de 2009 Jane's Addiction foi programada para tocar no festival Splendour in the Grass en Australia, pero un problema de saúde cancelou a actuación a última hora. Music Feeds informou que unha infección nun brazo, probablemente do batería Stephen Perkins, foi a causa da cancelación.[14] Toda a parte australiana da xira da banda de 2009 tivo que ser cancelada, aínda que o grupo tocaría no ano seguinte no Splendour in the Grass.

DiscografíaEditar

Álbum Ano Selo
Nothing's Shocking 1988 Warner Bros. Records
Ritual de lo Habitual 1990 Warner Bros. Records
Strays 2003 Capitol Records
The Great Escape Artist 2011 Capitol Records

Álbums ao vivoEditar

Álbum Ano Selo
Jane's Addiction 1987 Triple X Records
Live in NYC 2003 Universal Music

RecompilatoriosEditar

Álbum Ano Selo
Live and Rare 1991 Warner Bros. Records
Kettle Whistle 1997 Warner Bros. Records
Up from the Catacombs: The Best of Jane's Addiction 2006 Rhino Records
A Cabinet of Curiosities 2009 Rhino Records

NotasEditar

  1. Rock on the Net (ed.). "VH1: '100 Greatest Hard Rock Artists': 1-50". Consultado o 24 de maio de 2014. 
  2. Mullen, Brendan. Whores: An Oral Biography of Perry Farrell and Jane's Jaddiction. Cambridge: Da Capo, 2005. ISBN 0-306-81347-5, p. 48
  3. Mullen, p. 54
  4. Mullen, p. 75–76
  5. Mullen, p. 77–78
  6. Mullen, p. 113-115
  7. Mullen, p. 119-121
  8. Mullen, p. 158
  9. "Progress Report: Jane’s Addiction". Stereogum. 2011-09-15. Consultado o 2020-04-13. 
  10. perrypalooza 'cool crowd singing happy b-day to perry' april 11 2009 (YouTube). 
  11. "Jane's Addiction Reunion Marred By Feuds". Billboard. 2009-04-20. Consultado o 2020-04-14. 
  12. "Jane's Addiction Drops Two Free New Trent Reznor-Produced Tracks". Billboard. 2009-03-20. Consultado o 2020-04-15. 
  13. Blabbermouth (2009-03-22). "JANE'S ADDICTION's NAVARRO Comments On Surprise SXSW Gig, Free New Music Downloads". BLABBERMOUTH.NET. Consultado o 2020-04-15. 
  14. "CONFIRMED: Jane's Addiction to cancel Splendour appearance and entire Australian tour due to arm infection". Music Feeds. 2009-07-23. Consultado o 2020-04-16. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar