James Joseph Sylvester

Matemático inglés (1814--1897)

James Joseph Sylvester, nado en Londres o 3 de setembro de 1814 e finado na mesma cidade o 15 de marzo de 1897, foi un matemático inglés. Realizou contribucións fundamentais á teoría das matrices, á teoría dos invariantes, á teoría de números, á teoría da partición e á combinatoria. Tivo un papel de lideardo nas matemáticas estadounidenses na segunda metade do século XIX como profesor da Universidade Johns Hopkins e como fundador do American Journal of Mathematics.

James Joseph Sylvester
James Joseph Sylvester.jpg
Nacemento3 de setembro de 1814
Lugar de nacementoLondres
Falecemento15 de marzo de 1897
Lugar de falecementoLondres
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Alma máterSt John's College e Trinity College Dublín
Ocupaciónmatemático, atuário e profesor universitario
PremiosMedalla Copley, Medalha De Morgan, membro da Royal Society e Medalla Real
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

James Joseph naceu en Londres, fillo de Abraham Joseph, mercador xudeu.[1] James adoptou o apelido Sylvester cando o seu irmán máis vello fixo o mesmo ao emigrar aos Estados Unidos, un país que esixía que os inmigrantes tivesen un primeiro e un segundo nome e un apelido.

Aos catorce anos, Sylvester era alumno de Augustus De Morgan na Universidade de Londres. A súa familia sacouno da universidade despois de que fose acusado de apuñalar un compañeiro cun coitelo. Posteriormente asistiu á Liverpool Royal Institution.

Sylvester comezou os seus estudos de matemáticas no St John's College, Cambridge en 1831,[2] onde o seu titor foi John Hymers. Aínda que os seus estudos se viron interrompidos durante case dous anos debido a unha doenza prolongada, quedou segundo no famoso exame de matemáticas de Cambridge, o tripos, ao que se presentou en 1837. Porén, Sylvester non recibiu un grao porque os graduados dese tempo tiñan que afirmar a súa aceptación dos Trinta e Nove Artigos da Igrexa de Inglaterra, e el non podía por ser xudeu. Pola mesma razón non puido competir por ser membro ou por obter o premio Smith.[3] En 1838, Sylvester converteuse en profesor de filosofía natural do University College London e en 1839 en membro da Royal Society of London. En 1841, recibiu un BA e unha mestría da Universidade de Dublín (Trinity College). Ese mesmo ano mudouse aos Estados Unidos para converterse en profesor de matemáticas na Universidade de Virxinia, mais deixouno tras menos de catro meses. Un alumno que estaba a ler o xornal nunha das súas clases insultouno e Sylvester golpeouno co mango dunha espada. O estudante caeu en shock e Sylvester creu (equivocamente) que o matara. Sylvester renunciou cando sentiu que as autoridades universitarias non castigaran abondo o alumno.[4] Mudouse a Nova York e estableceu amizade co matemático de Harvard Benjamin Peirce (pai de Charles Sanders Peirce) e co físico de Princeton Joseph Henry. Porén, regresou a Inglaterra en novembro de 1843 despois de que lle denegasen o nomeamento como profesor de matemáticas no Columbia College (actualmente Universidade), de novo por ser xudeu.

Ao volver a Inglaterra, foi contratado en 1844 pola Equity and Law Life Assurance Society para a que desenvolveu modelos actuarios de éxito e na que actuou como director de facto, cargo que precisaba dun título en dereito. Como resultado estudou para o Bar, atopando un colega matemático estudando dereito, Arthur Cayley, co que realizou contribucións significativas á teoría dos invariantes e á teoría das matrices ao longo da súa extensa colaboración.[5] Non logrou un posto docente na universidade ata 1855, cando o nomearon profesor de matemáticas na Royal Military Academy, Woolwich, do que se retirou en 1869, porque a idade de xubiliación obrigatoria eran os 55 anos. Inicialmente a academia rexeitou pagar a Sylvester a pensión completo e só lla concedeu despois dunha prolongada controversia pública, durante a que Sylvester levou o seu caso ás páxinas de The Times.

Unha das paixóns máis duradeiras de Sylvester foi a poesía; lía e traducía obras do francés, o alemán, o italiano, o latín e o grego, e moitos dos seus artigos matemáticos conteñen citas ilustrativas de poesías clásicas. Trala súa xubilación temperá, publicou un libro titulado The Laws of Verse en que intentou codificar un conxunto de de leis para a prosodia na poesía.[6]

In 1872, recibiu finalmente os seus B.A. e M.A. de Cambridge, tras serlle negados por ser xudeu.[2]

En 1876[7] Sylvester volveu aos Estados Unidos para actuar como o profesor inaugural na nova Universidade Johns Hopkins de Baltimore, Maryland. O seu salario foi de 5000 dólares, bastante xeneroso para a época, que pediu que lle pagasen en ouro. Tras unha negociación, acordouse un salario que non se pagou en ouro.[8]

En 1877, foi elixido membro da American Philosophical Society[9] e en 1878 fundou American Journal of Mathematics. Ata ese momento, a única outra revista sobre matemáticas dos Estados Unidos era Analyst, que posteriormente se converteu en Annals of Mathematics.

En 1883, volveu a Inglaterra para asumir a Cátedra Saviliana de Xeometría da Universidade de Oxford. Mantivo a cátedra ata a súa morte, aínda que en 1892 nomeou un profesor adxunto á mesma cátedra. Estivo na directiva da Abingdon School.[10]

Sylvester faleceu no 5 Hertford Street de Londres o 15 de marzo de 1897. Está enterrado no Balls Pond Road Cemetery de Kingsbury Road en Londres.[11]

LegadoEditar

Sylvester inventou un gran número de vocábulos matemáticas como "matriz" (en 1850),[12] "grafo"[13] e "discriminante".[14] Cuñou o termo "totiente" para a función totiente de Euler φ(n).[15] En xeometría discreta é lembrado polo problema de Sylvester e por un resultado do problema da horta, e en teoría de matrices descubriu a identidade determinante de Sylvester,[16] que xeneraliza a identidade de Desnanot–Jacobi.[17] A colección do seus traballos científicos ocupa catro volumes. En 1880, a Royal Society of London outorgou a Sylvester a medalla Copley, o seu maior premio para aos descubrimentos científicos; en 1901 instituíu a medalla Sylvester no seu recordo para animar á investigación matemática tralo seu falecemento en Oxford.

ObrasEditar

NotasEditar

  1. Biographical Index of Former Fellows of the Royal Society of Edinburgh 1783–2002 (PDF). The Royal Society of Edinburgh. xullo de 2006. ISBN 0-902-198-84-X. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 03 de novembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Sylvester, James Joseph
  3. Bell, Eric Temple (1986). Men of Mathematics. Simon Schuster. 
  4. Biography of Sylvester, MacTutor, University of St. Andrews, consultado o 6 de outubro de 2021
  5. Parshall, Karen Hunger (2006). James Joseph Sylvester. Jewish Mathematician in a Victorian world. Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8291-3. MR 2216541. 
  6. Sylvester, J. J. (1870). The Laws of Verse, or, Principles of Versification Exemplified in Metrical Translations. London: Longmans, Green and Co. 
  7. "Preliminary Outline of Instructions for the Session Beginning October 3, 1876". Johns Hopkins University. Official Circulars (5). setembro de 1876. 
  8. Hawkins, Hugh (1960). Pioneer: A History of the Johns Hopkins University, 1874-1889. Ithaca, NY: Cornell University Press. pp. 41–43. 
  9. "APS Member History". search.amphilsoc.org. Consultado o 2021-05-10. 
  10. "School Notes" (PDF). The Abingdonian. 
  11. Biographical Index of Former Fellows of the Royal Society of Edinburgh 1783–2002 (PDF). The Royal Society of Edinburgh. xullo de 2006. ISBN 0-902-198-84-X. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 03 de novembro de 2021. 
  12. Matrices and determinants, The MacTutor History of Mathematics archive
  13. Véxase:
  14. J. J. Sylvester (1851) "On a remarkable discovery in the theory of canonical forms and of hyperdeterminants," Philosophical Magazine, 4th series, 2 : 391–410; Sylvester coined the term "discriminant" on page 406.
  15. J. J. Sylvester (1879) "On certain ternary cubic-form equations," American Journal of Mathematics, 2 : 357–393; Sylvester coins the term "totient" on page 361: "(the so-called Φ function of any number I shall here and hereafter designate as its τ function and call its Totient)"
  16. Sylvester, James Joseph (1851). "On the relation between the minor determinants of linearly equivalent quadratic functions". Philosophical Magazine 1: 295–305. 
  17. C.G.J. Jacobi, "De Formatione et Proprietatibus Determinantium", Journal für die reine und angewandte Mathematik, 22, 285-318 (1841)
  18. 18,0 18,1 Dickson, L. E. (1909). "Review: Sylvester's Mathematical Papers, vols. I & II, ed. by H. F. Baker". Bull. Amer. Math. Soc. 15 (5): 232–239. doi:10.1090/S0002-9904-1909-01746-X. 
  19. Dickson, L. E. (1911). "Review: Sylvester's Mathematical Papers, vol. III, ed. by H. F. Baker". Bull. Amer. Math. Soc. 17 (5): 254–255. doi:10.1090/S0002-9904-1911-02040-7. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar