Jakub Suša

Jakub Suša (en belaruso: Якуб Суша, en polaco: Jakub Jan Susza, en ucraíno: Яків Суша), nado en Minsk arredor de 1610[1] e finado en Chełm o 4 de setembro de 1687,[1] foi un relixioso basiliano greco-católico, bispo de Chełm dende 1652 até o seu pasamento.

Jakub Suša
Jakub Susza, unicki biskup chelmski.jpg
Bispo da Igrexa católica bizantina ucraína
(Igrexa católica)
Biografía
Nacementoc. 1610 en Minsk
Pasamento4 de setembro de 1687 en Chełm
Ordes
Ordenación sacerdotal1632
Consagración episcopal3 de outubro de 1652, por Antin Seliava
Bispo de Chełm
1652 - 1687
PredecesorAtanasii Furs
SucesorAvhustyn Lodziata
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

TraxectoriaEditar

En 1626 entrou na Orde de San Basilio Magno, e foi educado no colexio pontificio de Braniewo (Prusia) até 1632,[1] e posteriormente en Pułtusk, en Olomouc (Moravia) até 1636,[1] onde se doutorou en Teoloxía, e en Roma.

A partir de 1639 pasou a ser o superior do mosteiro basiliano de Chełm. En 1649 pasou a ser administrador apostólico da eparquía de Chełm,[1] e en 1652 foi nomeado bispo de dita diocese.[1]

Durante o seu pontificado defendeu e promoveu a idea da unión entre a Igrexa ortodoxa e a Igrexa católica. Entre 1664 e 1666 exerceu de procurador da Igrexa rutena ante a Santa Sé,[1] onde contribuíu a solucionar disensións na orde basiliana e logrou un acordo que impedise o cambio de rito para os católicos.[1]

Participou en Lublin no colloquium amicabile, un intento infrutuoso de reconciliación entre greco-católicos e ortodoxos da metrópole de Kíiv. Na década de 1680 convocou seis sínodos diocesanos que contribuíron ao renacemento da vida relixiosa, á reforma do clero, e ao fortalecemento das institucións eclesiásticas.

Foi tamén un promotor do culto á icona da Nai de Deus de Chełm, o que contribuíu a facer de dita cidade un destino mariano de importancia nacional. Deixou varias obras escritas, que son unha importante fonte de información sobre a historia de Chełm e da Igrexa Rutena en Polonia, como a historia da icona da Nai de Deus e as vidas de san Xosafat e Meletii Smotrytskyi,[1] e foi tamén impulsor da beatificación do primeiro.[1]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 1,9 Volodymyr Kubiiovych, Danylo Huzar-Struk, ed. (1993). Encyclopedia of Ukraine (en inglés) 5. University of Toronto Press. pp. 113–114. ISBN 9780802039958. Susha, Yakiv