Incidente de Palomares

O incidente de Palomares foi un accidente nuclear ocorrido na localidade española de Palomares o 17 de xaneiro de 1966, no que a Forza Aérea dos Estados Unidos perdeu un avión cisterna, un bombardeiro estratéxico e as armas nucleares que transportaba este último.

Incidente de Palomares
Resumo
Data  17 de xaneiro de 1966
Causa  Colisión aérea
Lugar  España España Palomares, España
Coordenadas 
Primeira aeronave
Operador  Mando Aéreo Estratéxico da
Forza Aérea dos Estados Unidos
Tripulación  7
Segunda aeronave
Operador  Forza Aérea dos Estados Unidos
Tripulación  4
Un operario a bordo dun KC-135 durante a reposición en voo dun bombardeiro B-52 en 2006.

O accidente

editar

No accidente de Palomares víronse implicados un bombardeiro estratéxico estadounidense B-52 e un avión cisterna KC-135 (cargado con 110.000 litros de combustible) que chocaron a 10.690 metros sobre a costa mediterránea, no ceo da pequena localidade almeriense. O B-52 volvía da fronteira turco-soviética cara á Base Aérea de Seymour Johnson en Goldsboro, Carolina do Norte, e o KC-135 proviña da Base Aérea de Morón. A manobra era de rutina: os B-52 reaprovisionábanse de combustible á ida, desde a Base Aérea de Zaragoza, e á volta desde a de Morón.[1]

Debido a un fallo na manobra de axuste, ambas as aeronaves chocaron, destruíronse e caeron. Os catro tripulantes do KC-135 morreron, e tres do B-52. Catro tripulantes do bombardeiro lograron exectarse, mais o paracaídas dun deles non se abriu. Outro membro da tripulación lanzouse a través dun zapón aberto por unha das execcións, ao contar o B-52 con só seis asentos exectábeis.

O B-52 transportaba catro bombas termonucleares Mark 28 (modelo B28RI) de 1,5 megatóns cada unha, de 1,5 metros de longo por 0,5 metros de largo, cun peso de 800 kg. Dous delas quedaron intactas, unha en terra (preto da desembocadura do río Almanzora) e a outra no mar. As outras caeron sen paracaídas, unha nun soar do pobo, a outra nunha serra próxima. Produciuse a detonación do explosivo convencional que contiñan, o que sumado ao choque violento co chan, fixo que ambas as bombas rompesen en anacos. As tres que caeron en terra foron localizadas en cuestión de horas; a que se precipitou ao mar puido ser recuperada 80 días despois.

Como resultado da explosión, formouse un aerosol, unha nube de finas partículas composta polos óxidos de elementos transuránicos que formaban parte do núcleo das bombas, máis o tritio que se vaporizou ao romper o núcleo. Dita nube foi dispersada polo vento e os seus compoñentes depositáronse nunha zona de 226 hectáreas de superficie que incluía monte baixo, campos de cultivo e mesmo zonas urbanas. A contaminación resultante (principalmente por Plutonio-239, tamén Pu-240 e Americio-241) superou os 7400 Bq/m², con notables diferenzas segundo o punto considerado, habendo zonas con 117000 Bq/m², e até máis de 37 millóns de Bq/m² (saturaron os instrumentos de medida) preto dos puntos de impacto. A finais dos anos 1980, a contaminación residual era de 2500 a 3000 veces superior á das probas atómicas.[2]

A reacción en cadea que desencadea a explosión nuclear non se produciu grazas ao dispositivo ou sistema que o impide en caso de impactos, sistema aínda mantido en segredo.[3]

O vicepresidente Agustín Muñoz Grandes e o presidente da Xunta de Enerxía Nuclear José María Otero Navascués enviaron o comandante do corpo de enxeñeiros aeronaúticos do Exército do Aire Guillermo Velarde, físico e experto en enerxía nuclear para que comprobase os danos ocasionados: Velarde puido examinar os restos de plutonio das bombas termonucleares.[4]

Recuperación dos artefactos

editar

A bomba perdida no mar podía seguir intacta e mesmo ser recuperada por algún outro país, en especial pola Unión Soviética. Por iso a Armada dos Estados Unidos despregou un gran dispositivo de mergulladores, 34 buques e 4 minisubmarinos somerxíbeis. Tras 80 días de procura a bomba foi localizada polo minisubmarino Alvin a 869 metros de profundidade e millas da costa, grazas á axuda dun pescador local, un veciño de Águilas chamado Francisco Simó Orts (alias Paco 'el de la bomba').[5] Observou o accidente xa que estaba a faenar no mar preto do lugar, e guiou os marines até o lugar onde caeu a bomba. Desde este día a Orts coñéceno na zona como «Paco el de la bomba».[6] O rescate efectivo da bomba somerxida realizouse grazas a un enxeño denominado "CURV" utilizado habitualmente para recuperar torpedos do fondo mariño.

A recuperación e limpeza das armas caídas na terra requiriu outro tipo de dispositivo. Varios membros das forzas armadas dos Estados Unidos presentáronse nas proximidades do pobo equipados con traxes NBQ. Durante varios días permaneceron na zona, retirando a terra superficial contaminada de 25 000 metros cadrados de solo.

As operacións custáronlle ao exército estadounidense 80 millóns de dólares da época, retirando en 4.818 bidóns 1.400 toneladas de terra e tomateiras que foron transportadas a Savannah River. Calcúlase que o 15% do plutonio, uns 3 kg en estado natural, en óxidos e en nitratos, quedou esparexido pulverizado e foi irrecuperábel[Cómpre referencia]. Actualmente, Palomares é a localidade máis radioactiva de España[Cómpre referencia] Manuel Fraga Iribarne, ministro de información e turismo da época, bañouse ante as cámaras nas súas praias para evitar rumores sobre o perigo da zona, que poderían afectar negativamente ao turismo.[Cómpre referencia][7]

Repercusións do accidente

editar

O goberno franquista tampouco forneceu protección de ningunha clase aos gardas civís que participaron na limpeza, protección que si levaba o persoal estadounidense. O plutonio-239, utilizado nas armas nucleares, emite radiación alfa e ten unha vida media de 24.100 anos. Non se realizaron estudos epidemiolóxicos sobre enfermidades asociadas á radioactividade e á toxicidade química do plutonio nin a nivel local nin entre os gardas civís que participaron na limpeza. A ditadura, baixo presión do Goberno estadounidense, mantivo secretos os informes de monitorización médica até que o goberno socialista finalmente os desclasificou en 1986[Cómpre referencia]. Aproximadamente o 29% da poboación de Palomares presentaba trazas de plutonio radioactivo no seu organismo.[Cómpre referencia] Na actualidade hai algunha urbanización turística polos arredores, o bastante preto como para que os coches pasen levantando po que entra no circuíto do aire acondicionado, por iso o Consello de Seguridade Nuclear prohibiu a construción nas zonas máis afectadas[Cómpre referencia]. Aínda hai zonas cercadas con valos metálicos que se consideran contaminadas e están vixiadas polo CIEMAT. As armas termonucleares tamén utilizan deuteriuro de litio. Tanto o Plutonio finamente dividido, como o deuteriuro de litio, parece ser que son pirofóricos, así pois a explosión que acompañou a caída das bombas podería ser debida a unha reacción exotérmica (química) dos combustibles nucleares. [Cómpre referencia]

Un accidente similar (Accidente de Thule) ocorreu o 21 de xaneiro de 1968 na Base Aérea de Thule, en Groenlandia. Un accidente en pista provocou o incendio e posterior explosión dun bombardeiro B52, que levaba 4 bombas B28 como as de Palomares. Nese caso si se fixo estudo epidemiolóxico e a taxa de cancro entre os traballadores que participaron na limpeza era un 50% superior á da poboación xeral[Cómpre referencia]. Houbo tamén informes de esterilidade e outros trastornos asociados á radioactividade.[Cómpre referencia]

Palomares é o accidente Broken Arrow (perda total de armas nucleares) máis grave da historia, que se coñeza. Xa en 1961 ocorrera outro Broken Arrow en Carolina do Norte, neste caso con dúas bombas de uranio.[8]

Tras o accidente, o goberno español e o estadounidense iniciaron unha campaña tentando demostrar a inexistencia de contaminación nuclear na zona. O elemento máis lembrado de devandita campaña foi o baño conxunto que se deron Manuel Fraga (ministro de información e turismo nese momento) e Angier Biddle Duke (embaixador estadounidense) na praia de Quitapellejos, en Palomares.[9]

Existían na zona do incidente rumores que falan de que cando Manuel Fraga e o embaixador estadounidense acudiron a darse o famoso baño, este non se produciu nas praias da zona accidentada (Palomares), senón en Mojácar (a 15 quilómetros, aproximadamente, do lugar do accidente), fronte ao Parador Nacional desta localidade.[Cómpre referencia] A realidade, no entanto, é que se realizaron dous baños, o primeiro, efectivamente en Mojácar, no que soamente se bañou o embaixador estadounidense e algún dos seus acompañantes e un segundo baño, xa na praia de Quitapellejos en Palomares, onde de novo o embaixador se bañou acompañado polo ministro español.

 
Condena do Tribunal de Orde Pública contra Isabel Álvarez de Toledo, duquesa de Medina Sidonia, por promover unha manifestación de veciños de Palomares en relación ao incidente de Palomares.

Posteriormente realizáronse diversas protestas relacionadas co accidente. Por mor dunha delas Luisa Álvarez de Toledo, duquesa de Medina-Sidonia, foi condenada a un ano de prisión menor e multa por organizar unha manifestación con veciños de Palomares e Villaricos para protestar pola falta de compensacións tras este.

50 anos despois

editar

Frank B. Thompson é un músico de 72 anos e ten cancro no fígado, nun pulmón e nun dos seus riles. Cando tiña 22 anos traballou varios días nos campos españois contaminados sen ningún equipo de protección máis que a confianza na palabra dos seus supervisores. «Dixéronnos que era seguro, e fomos o suficientemente parvos, supoño, para crer neles», explica o home. Hoxe en día Thompson paga máis de 2 mil dólares por mes para tratar de facer retroceder o cancro, algo que lle sería totalmente gratis se fose recoñecido como unha vítima da radiación por parte da Forza Aérea estadounidense. Con todo, o organismo militar declarou varias veces que non houbo radiación daniña rodeando aos traballadores, postura que mantiveron por máis de cinco décadas.

Segundo a Forza Aérea, o perigo foi mínimo e os máis de 1500 traballadores que axudaron a limpar a zona estaban protexidos, algo que as experiencias de Thompson e outros veteranos parecen desmentir. Ademais, varios documentos desclasificados despois de anos revelaron que os niveis de radiación eran o suficientemente altos como para pór en risco severamente a saúde dos que permanecesen no lugar. Segundo documenta The New York Times, os resultados das probas de radiación foron mantidos lonxe dos historiais clínicos daqueles que traballaron en Palomares, moitos dos cales se atopan enfrontando de forma grave os efectos da intoxicación con Plutonio. Os plans de limpeza dos Estados Unidos e España fóronse sucedendo durante os anos posteriores ao accidente con resultados disímiles. Calcúlase que unha quinta parte do plutonio que se esparexeu en 1966 aínda contamina a zona de Palomares.[10]

O incidente de Palomares no cine

editar

Existen varias películas e documentais que tratan o incidente.

Na película Hombres de honor (de George Tillman Jr.) o actor Cuba Gooding, Jr. interpreta un dos mergulladores que participaron no rescate da bomba perdida no mar (Carl Brashear). Móstrase algo do dispositivo naval despregado e o nerviosismo dos militares estadounidenses ao declararse o código Broken arrow; porén non se menciona a contribución de Paco el de la bomba.

En 2007, a produtora almeriense Pitaco Producciones realizou un documental de título Operación Flecha Rota[11] con material audiovisual desclasificado nos últimos anos. Nel, analízase o accidente e as súas consecuencias, entrevístase por primeira vez ao piloto que estaba aos mandos do B-52 sinistrado, recréase en 3D o accidente en base ao informe oficial da USAF e culmínase o traballo epidemiolóxico do Dr Martínez Pinilla. A dirección e o guión corre a cargo de José Herrera coa produción de Antonio Sánchez Picón.

Na película Cuerpo de elite (2016) dáse unha versión alternativa ficticia do incidente de Palomares o que dá pé a unha das misións principais da película.

  1. Salvador López Arnal; Eduard Rodriguez Farré. "9. Palomares: Paz franquista y accidentes nucleares". Casi todo lo que usted desea saber sobre los efectos de la energía nuclear en la salud y el medio ambiente. Luarna Ediciones. ISBN 9788492684205. Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 17 de xaneiro de 2018. 
  2. Anna Cirera; Joan Benach; Eduard Rodríguez Farré. ¿Átomos de fiar? Impacto de la energía nuclear sobre la salud y el medio ambiente. Los libros de la catarata. ISBN 978-84-8319-312-9. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 17 de xaneiro de 2018. 
  3. Solar, D.: «Terror H, 1954, comienza la carrera», n.º 65 de La aventura de la Historia. Madrid: Arlanza Ediciones, marzo de 2004.
  4. Entrevista concedida a Jesús Palacios Tapias o 30 de maio de 2012.
  5. Artigo en El País, 8 de setembro de 2003.
  6. Anca, Alejandro: «El milagro de Palomares: enigmas y falsificaciones», n.º 29 de La aventura de la Historia. Madrid: Arlanza Ediciones, marzo de 2001, ISSN 1579-427X
  7. Vídeo da visita do ministro a Palomares, emitido polo NODO
  8. EEUU estuvo cerca de detonar una bomba atómica por accidente en 1961
  9. NODO. YouTube. Consulta: 2012-01-01. Transcrición do que di o locutor na película: «Como parte do programa previsto e para demostrar co exemplo que non existe perigo de radioactividade nesta zona costeira o ministro señor Fraga Iribarne, o embaixador de Estados Unidos e o xefe da rexión aérea do estreito danse un bo baño, pois así o permite a benignidade do clima a pesar do inverno. O embaixador demostra cos brazos abertos que se está ben nestas augas inofensivas. E feita esta elocuente demostración o ministro e o embaixador dinnos adeus ao saír da auga.»
  10. FUE HACE MUCHO PERO SIGUE SIENDO «El observador» Uruguay, 21/6/2016
  11. Flecha Rota Arquivado 19 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., web oficial.