A illa Decepción pertence ao arquipélago das Shetland do Sur, na Antártida. Sitúase no noroeste da península Antártica.[1]

Localización

Xeografía editar

É un foco de actividade sísmica e volcánica da Antártida, sendo o principal volcán activo da cunca do estreito de Bransfield.

Sendo o cumio dun cráter volcánico, a súa forma é aproximadamente circular, cun diámetro medio de 15 km; ten 18 km de norte a sur e 16 km de leste a oeste. A súa altitude máxima é de 540 msnm no monte Pond, fronte a caleta Péndulo. A illa alberga no seu interior unha gran baía, chamada Foster, que ten unha estreita abertura duns 150 m, chamada Foles de Neptuno, que a comunica co exterior.

A base deste volcán, que orixinou a illa no período cuaternario, atópase a 850 m baixo o nivel do mar, cun diámetro de 25–30 km. Máis do 50% da illa está cuberta por glaciares, menores que os que cobren illas veciñas, nalgúns casos cubertos polos piroclastos xerados polas erupcións (glaciares negros).

Destacan na baía Foster as famosas caleta Baleeiros, caleta Péndulo, caleta Teléfono e caleta 1º de Maio (ou Iquique). Entre C. Baleeiros e C. Péndulo hai unha gran enseada, chamada do Bo Tempo. No exterior da illa sobresae a punta Froilán (ou Macaroni Point), no nordeste. A rocha Ravn está na entrada da gran baía, que se abre ao sueste.

Encóntranse na illa numerosas lagoas termais. A temperatura da auga de baía Foster é moi superior á da do mar exterior da illa.

Historia editar

 
Mapa da illa Decepción creado pola expedición de 1829 ao mando do capitán Henry Foster.
 
Vista da illa Decepción.

Sobre o seu nome existe unha lenda, que basicamente fala do sentimento provocado no seu momento pola crenza de que existían fabulosos tesouros de piratas e bucaneiros que nunca apareceron, sendo a verdadeira xoia da illa o porto natural protexido dos ventos e relativamente temperado, que baleeiros e cazadores de focas utilizaron durante moitos anos para desenvolver as súas actividades.

O estadounidense Nathaniel Palmer, indo das illas Malvinas, recalou en Decepción. A actual baía Foster foi chamada polos norteamericanos Yankee-Harbor, nome desbotado posteriormente.

En 1820 o almirante Fabian Gottlieb von Bellingshausen, contratado por Rusia, visitou e rebautizou Decepción, como fixo con outras illas do grupo, chamándoa Yaroslav.

En 1829, o expedicionario Foster visitou e estudou a illa, realizando medicións pendulares e magnéticas en marzo e xaneiro na caleta Péndulo.

En 1839, o tenente estadounidense Charles Wilkes, visitou a illa e fixo estudos de estratexia naval. Ese mesmo ano, o francés Jules Dumont D'Urville, nos barcos Astrolabe e Zelee, cartografou a illa.

Por decreto supremo, o goberno de Chile aprobou en 1906 os estatutos da Sociedade Baleeira de Magalláns -organizada por Adolfo Andresen e Pedro A. de Brupne-, que desde o ano anterior tiña instalada a súa base de operacións en Decepción.

En 1908, na súa segunda viaxe á Antártida, o francés Jean-Baptiste Charcot visitou as compañías baleeiras norueguesas e a chilena. Un informe de Charcot di:

Falo extensamente co señor Andresen, quen me proporciona datos útiles e interesantes. Hai aquí, en Decepción, tres compañías de baleeiros: unha chilena e dúas norueguesas; pero aparte dalgúns maquinistas chilenos, os douscentos habitantes actuais da estación son noruegueses. Unha das dúas compañías norueguesas, ten como pontón-fábrica un vapor de 2000 toneladas aproximadamente, e chega das Malvinas; a outra posúe dúas fragatas de tres paus, vellos veleiros que chegaron do Cabo de Boa Esperanza, remolcados polas súas pequenas chalupas de vapor e, en fin, a Sociedade Baleeira de Magalláns, a mellor montada, ten como pontón-fábrica o vapor de 3000 toneladas sobre o que estamos nós (...)

En marzo de 1941, o barco británico HMS Queen of Bermuda foi enviado a destruír depósitos de carbón e tanques de petróleo da antiga estación baleeira norueguesa da Hektor Whaling Company, que operou entre 1912 e 1931, para previr o seu posible uso polos alemáns durante a segunda guerra mundial.

Arxentina realizou na illa Decepción a súa toma de posesión formal do territorio continental antártico entre os 25° e 68° 34" oeste o 8 de febreiro de 1942, mediante a colocación dun cilindro que contiña unha acta e unha bandeira pintada sobre as paredes da Hektor Whaling Company, deixados alí por unha expedición ao mando do capitán de fragata Alberto J. Oddera no transporte ARA 1° de Mayo. O 8 de xaneiro de 1943, persoal do barco británico HMS Carnarvon Castle destruíu as evidencias da toma de posesión arxentina, borrou a bandeira pintada, deixou escrito que a construción era de propiedade do Goberno británico e envioulle a Bos Aires a acta. O Ministro de Relacións Exteriores arxentino replicou que o seu país consideraba os seus dereitos antárticos como herdanza de España. O 5 de marzo dese ano o ARA 1° de Mayo removeu a bandeira británica e repintou nas paredes as cores arxentinas.[2]

O Reino Unido enviou no marco da Operación Tabarin os barcos HMS Williant Scoresby e SS Fitzroy, que o 3 de febreiro de 1944 estableceron unha base permanente na illa, a Base B na baía Baleeiros, removendo novamente a bandeira arxentina.

 
Vista da base arxentina Decepción durante a CAV 2009.

O 19 de novembro de 1947, a Armada Arxentina inaugurou o Refuxio Caleta Péndulo en Porto Foster. O 25 de xaneiro de 1948, Arxentina instalou unha Base.

O 3 de xaneiro de 1953, Arxentina inaugurou o Refuxio Naval Thorne na baía Telefón de Porto Foster. O 17 de xaneiro de 1953 foi inaugurado na caleta Baleeiros o Refuxio Tenente Lasala (unha cabana e unha tenda de campaña) por persoal do barco arxentino ARA Chiriguano, quedando nel un sarxento e un cabo da Armada Arxentina. O 15 de febreiro desembarcaron 32 royal marines da fragata británica HMS Snipe armados con metralladoras Sten, rifles e gas lacrimóxeno apresando aos dous mariños arxentinos.[3] O refuxio arxentino e un próximo refuxio chileno deshabitado foron destruídos e os mariños arxentinos foron entregados a un barco dese país o 18 de febreiro nas illas Xeorxias do Sur. Un destacamento británico permaneceu tres meses na illa mentres a fragata patrullou as súas augas até abril.

En 1955 inaugurouse na caleta Péndulo a base chilena Pedro Aguirre Cerda.

En 1961 o presidente da Arxentina, Arturo Frondizi visitou a illa.

O 4 de decembro de 1967 mediante un cable na Arxentina difundíase a nova: "Sobre a baía e as praias da illa Decepción, improvisadamente cae unha choiva de pedras"[4] Durante o 5 de decembro de 1967 a precipitación pétrea cesara, para dar paso a unha enorme columna de gases e vapores, que proxectada até máis de mil seiscentos metros, formaba o típico fungo eruptivo.[4] A violenta explosión volcánica destruíu as bases chilenas Pedro Aguirre Cerda, Gutiérrez Vargas e a base británica. Esta última foi reocupada desde o 4 de decembro de 1968 até o 23 de febreiro de 1969.

As únicas fotografías aéreas rescatables da explosión foron sacadas polo Contra-Almirante IM en retiro da Armada de Chile Pablo Wunderlich Piderit, quen sobrevoou a área no mesmo momento da formación dos volcáns.

Na primeira década do século XXI funcionan dúas bases de verán, a arxentina Base Decepción e a española Base Antártica Gabriel de Castilla. En 2011 o Consello Superior de Investigacións Científicas fixo públicas investigacións sobre a creación da illa.[5]

Interese científico editar

 
Pingüíns en Illa Decepción.

Cinco son as zonas ou áreas sinaladas polo Tratado Antártico como Zonas de Especial Interese Científico:

  • Zona A: con capas de vexetación espesa baixo cinzas superficiais.
  • Zona B: coa flora máis variada da illa. Zona de especial actividade sísmica.
  • Zona C: de substrato completamente novo, que xurdiu na erupción de 1967.
  • Zona D: área de terra quente, onde se desenvolveron comunidades brióficas con especies que non se coñecen en ningunha outra parte da Antártida.
  • Zona E: actividade xeotérmica múltiple con fondos colonizados por algas termofílicas.

Fauna editar

Os pingüíns son moi abundantes na illa, localizados sobre todo na súa cara suroeste, especialmente a especie Pygoscelis antarcticus, que ocupa a maior parte da illa. Unha das aves comúns é o papamerda subantártico.

Reclamacións territoriais editar

 
Foles de Neptuno, entrada á baía Foster.

Arxentina inclúe a illa dentro do Departamento Antártida Arxentina, dentro da Provincia de Terra do Fogo, Antártida e Illas do Atlántico Sur; para Chile forma parte da Comuna Antártica da Provincia da Antártica Chilena, dentro da Rexión de Magallanes e da Antártica Chilena; e para o Reino Unido integra o Territorio Antártico Británico. As tres reclamacións están suxeitas ás disposicións do Tratado Antártico.

Nomenclatura dos países reclamantes:

  • Arxentina: isla Decepción
  • Chile: isla Decepción
  • Reino Unido: Deception Island

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar