Na mitoloxía grega, Ifimedia (ou Ifimedea ou Ifimede) foi a filla de Tríope (ou Tríopas), rei de Tesalia, e de Hiscila. Casou con Aloeo, pero foi seducida por Poseidón [1], con quen tivo dous fillos, dous xemelgos xigantes: Oto e Efialtes, os Alóadas [2]. Ifimedia tivo tamén unha filla, Páncratis (ou Pancrátide).

Ifimedia namorouse de Poseidón e para achegarse a el acudía á beira do mar para botarse auga do mar no colo, ata que conseguiu quedar embarazada. Tamén se di que foi Poseidón quen, mesturándose coas augas do río Enipeo, embarazouna.

Oto e Efialtes, chamados os Alóadas polo nome do home de Ifimedia, Aloeo, crecían de forma extraordinaria e, só con nove anos, intentaron asaltar o Olimpo colocando o monte Pelión sobre o monte Osa para chegar ata o ceo. Foron mortos por Apolo (segundo Hixino) ou ben acabaron matándose un ó outro ó ser enganados por Artemisa (segundo Pseudo-Apolodoro).

"Aloeo casou con Ifimedea, filla de Tríope, quen se namorou de Posidón e, acudindo unha e outra vez ó mar, collía as ondas nas súas mans e depositábaas no seu colo. Uníndose Posidón con ela, enxendrou dous fillos, Oto e Efialtes, chamados os Alóadas. Cando cumpriron nove anos, ... planearon loitar contra os deuses; colocaron o monte Osa sobre o Olimpo e, cando colocaron o Pelión sobre o Osa, ameazaron con subir por esas montañas ata o ceo. Enchendo con montañas o mar, dicían que o converterían en terra firme, e á terra en mar. Efialtes pretendía a Hera e Oto a Ártemis... Ártemis, con enganos, aniquilou ós Alóadas en Naxos, pois adoptando a figura dunha cerva saltou no medio deles e estes, ó intentar disparar ó animal coas súas frechas, atravesáronse a si mesmos"
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 7, 4)

Tamén se di que intentaron violar a Artemisa sen que esta puidese defenderse ante a súa fortaleza. Entón Apolo puxo unha cerva entre ambos. Por atacar a Artemisa, foron castigados a permanecer atados eternamente cunhas serpes a unha columna, sobre a que está pousada unha curuxa [3].

Noutra tradición, racionalizada, Ifimedia e Páncratis estaban celebrando as festas do deus Dioniso e foron raptadas por dous piratas de Naxos que as levaron ata a illa. Os piratas rifaron por elas e, no enfrontamento, matáronse un ó outro. Entón, o rei de Naxos, Agasámeno, quedou con Páncratis e cedeu Ifimedia a un dos seus favoritos. Pero Aloeo, cando o soubo, mandou ós seus fillos Oto e Efialtes a rescatar a Ifimedia e á filla. Os xigantes atacaron a illa, expulsaron a Agasámeno, destruíron a cidade e reinaron sobre o país. Pero finalmente loitaron entre eles e matáronse.

Homero describe na súa Odisea o descenso de Odiseo ós Infernos para preguntar ó adiviño Tiresias como regresar á súa patria, tal como lle aconsellara a bruxa Circe. No inferno pode albiscar as ánimas de diferentes personaxes míticos, e entre elas a de Ifimedia:

"E logo vin a Ifimedea, a esposa de Aloeo, que aseguraba haber tido amores con Poseidón e que pareu dous fillos: Oto, rival dos deuses, e o amplamente afamado Efialtes. Criounos moi enormes a terra produtora de vida e fíxoos os máis fermosos logo do famoso Orión"
Odisea XI, 306-311

Notas editar

  1. Para Pseudo-Apolodoro, Aloeo e Tríope foron fillos de Poseidón, con Cánace (I, 7, 4).
  2. Outras fontes din que eran fillos de Xea, como os outros Xigantes, e que Ifimedia só foi a súa ama de cría.
  3. Hixino: Fábulas 28.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar