Ióbates foi un rei de Licia [1], relacionado coa lenda de Belerofonte e Quimera.

Ióbates, sentado, con Belerofonte e Pegaso (Aleksandr Andréyevich Ivánov, 1829)

Acolleu a Preto cando este foi expulsado de Argos polo seu irmán Acrisio, e casouno coa súa filla Estenebea (ou Antea, segundo Homero); logo organizou un ataque contra Acrisio e restituíu a Preto no trono, concedéndolle a cidade de Tirinto. Por outra banda, Belerofonte, fillo de Glauco, matara accidentalmente ó rei de Corinto, Delíades (quizais irmán de Belerofonte [2]), e tivo que fuxir da cidade. Foi a Tirinto, onde foi purificado por Preto.

Estenebea intentou manter relacións con Belerofonte pero este rexeitouna. Entón, ela acudiu ó seu home, Preto, dicíndolle que Belerofonte intentara seducila, e Preto creuna. Por respecto á lei de hospitalidade, Preto non podía matar a Belerofonte coas súas mans, polo que o mandou onda Ióbates a entregarlle unha carta na que lle pedía que o matara: "Prégoche que borres deste mundo ó portador desta carta. Intentou violar á miña esposa, a túa filla" [3].

[Estenebea] "díxolle a Preto que Belerofonte lle fixera proposicións deshonestas. Preto creuna e entregoulle unhas cartas para que as levase a Ióbates, nas que escribira que matase a Belerofonte".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 3, 1)

Íobates, no canto de cumprir directamente o encargo, mandoulle buscar e matar a Quimera, un ser monstruoso con cabeza de león, corpo de cabra (ou unha cabeza de cabra nas costas) e cuartos traseiros de serpe ou dragón. Ióbates daba por feito que Belerofonte nunca o podería conseguir e que morrería no intento, pero este a matou a frechazos desde a seguridade que lle daba volar sobre o seu cabalo alado Pegaso.

Vindo que Belerofonte sobrevivira a este traballo, mandouno a loitar contra os sólimos, un pobo próximo belicoso e moi feroz, e tamén os venceu. Mandoulle entón a loitar contra as Amazonas, e tamén resultou vitorioso. Así mesmo, acabou cunha banda de piratas ás ordes de Quimárroo. Entón, Ióbates decidiu acabar con el dunha vez e ordenou a un grupo escollido dos seus soldados que organizaran unha emboscada cando regresara, e que lle deran morte. Pero Belerofonte, que sabía da trampa que lle esperaba, pediu a Poseidón que o protexera e o deus mandou grandes ondas que foron asolagando tras el a chaira do palacio. Como ninguén podía conseguir que se retirase, as mulleres da cidade foron núas cara a el para deixarse posuír e aplacar a súa cólera, pero Belerofonte rexeitounas e retirouse, e con el retiráronse as augas.[4] Outras fontes din, simplemente, que venceu ós soldados e matou a todos eles [5].

Ante estes feitos, Ióbates quedou admirado e recoñeceu a orixe divina do heroe. Mostroulle a carta recibida de Preto, pois xa non cría que violara a Estenebea, e invitouno a quedar ó seu servizo, casándoo coa súa filla Filónoe (ou Anticlia, ou Casandra, ou Alcímene), coa que tivo dous fillos e unha filla, Laodamía, que se uniría a Zeus para enxendrar o heroe Sarpedón. Hixino conta que cando Estenebea o soubo, suicidouse [6].

Cando Íobates morreu, Belerofonte herdou o reino.

Sófocles escribiu unha traxedia, baixo o título de Ióbates, que non se conserva.

Notas editar

  1. Unha rexión da costa suroeste de Asia Menor.
  2. As distintas fontes danlle diversos nomes, un deles Bélero, do que lle viría o nome: o matador de Bélero (Graves, px. 278).
  3. Graves, px. 278.
  4. Graves, px. 279.
  5. Pseudo-Apolodoro II, 3, 2.
  6. Hixino: Fábulas 57, 4. Lémbrese que Estenebea e Filónoe eran irmás.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar