Historia de Hangzhou

(Redirección desde «Historia urbana de Hangzhou»)

A historia urbana de Hangzhou desenvólvese nunha rexión que fala da ocupación humana dende o quinto milenio antes da nosa era. Concretamente a cultura do xade de Liangzhu, de finais do neolítico, toma o nome dunha poboación da área metropolitana da urbe actual (15 km ao noroeste).

Fundación e ascenso editar

Fundada no tempo da dinastía Qin (221 aC-206 aC) e coñecida primeiro co nome de Qiantang, seica ao principio o asentamento se situaba nos outeiros do oeste e sur do lago que vai seres central na conformación urbana da vila. De feito era daquela unha albufeira, pois a chaira costeira onde aparece asolagábase polo efecto das mareas no río Qiantang.

Co paso dos séculos as restricións para o desenvolvemento nos outeiros fixeron natural a progresiva mudanza á chaira oriental do lago o que ía precisar de grandes labouras de defensa necesaria de inundacións e a conversión da albufeira en lago de auga doce para o abastecemento da poboación. Esta estrutura montaña-lago-cidade vai resultares modélica coma exemplo do shan-shui paisaxístico e poético chinés [1] e anómala ou heterodoxa respecto aos canons Zhou do urbanismo reticular tradicional [2].

A configuración básica tivo a súa rúbrica no tempo da dinastía Sui (581-618) coa construción das murallas da cidade e o Gran Canal que, comunicándoa co norte da China, a convertían en importante centro de comercio e transporte do imperio. Foi tamén entón cando adquiriu o nome de Hangzhou [3][4]. Na época da dinastía Tang consolidouse este organismo e a construción dun dique (Bai-sha, 824) que segregaba o apéndice norte da albufeira deu lugar ao Lago Oeste actual (Xihu) que foi dragado.

Capital real e imperial editar

A disgregación do imperio chinés no final dos Tang (período das Cinco Dinastías e Dez Reinos) converteu a Hangzhou en capital do Reino de Wuyue (co nome de Xifu, 907-978). Foi unha época de esplendor económico (comercio co Xapón e Corea), cosmopolitismo cultural (da man do budismo) e construtivo (ademais de templos e santuarios, construción dun complexo sistema de diques e canles que fixeron da chaira costeira unha das rexións agrícolas máis prósperas da China).

A capital foi estendida grandemente cun novo cinto de murallas e un primitivo complexo palacial apareceu nos outeiros do sueste do lago. Este continuou enriquecéndose con templos e pagodes arredor (Pagode Baochu, 963) asemade con novos diques (o dique Su de 2,8 km no 1089 que o dividía en dous con seis pontes) ademais do seu dragado e limpeza.

Así non foi estraño que, trala absorción do reino pola dinastía Song do Norte, cando o advento dos Song do Sur no século XII Hangzhou fora elixida a súa capital imperial. Se xa era unha das cidades máis poboadas do extremo oriente converteuse na maior do mundo (acadou ó menos o medio millón de habitantes) ata que Nanjing e Pequín a sobrepasaron na época Ming (mediados do século XIV).

"A máis magnífica e nobre cidade do mundo", Marco Polo editar

Renomeada Lin'an, a capital dos Song Meridionais que describiu Marco Polo (quen a chamou Kinsai, capital [5]) foi o refuxio da civilización chinesa nese tempo, cando o norte estaba ocupado polos manchús da dinastía Jin. A grande expansión comercial baseada nunha puxante industria da porcelana e dos téxtiles e o forte incremento de poboación (froito tamén do grande afluxo do norte conquistado) a converteron en metrópole política, cultural, artística e científica da época [6][7].

O conxunto era dominado polo recinto amurallado de pazos da cidade imperial nos outeiros do sur (que inda hoxe comeza a seres arqueoloxicamente descuberta [8]) entre o lago e o río Qiantang. Dende alí partía cara ao norte o grande eixo central da cidade, a Avenida Imperial [9], que unía os barrios residenciais coas diferentes áreas de mercado, un distrito de lecer e o distrito de almacéns na ribeira do Gran Canal no extremo norte [10]. Cunha alta densidade habitacional (vivendas de madeira de varios pisos) os incendios foron habituais.

Época Ming e Qing editar

Trala conquista mongol a capital Yuan foi instalada en Dadu (Pequín). Aínda así Hangzhou continuou a seres un importante porto ata o século XVI cando aquel progresivamente se entupiu . A perda da capitalidade ocasionou a ruína e abandono da cidade imperial ao sur. Pola contra, a urbe estendeuse ao leste cunha ampliación de murallas. O Lago Oeste foi enriquecido con novos diques e pavillóns sobre illas artificiais [11].

No período da dinastía Qing (1644-1912) a cidade era o maior centro da produción e comercio de seda do país [12]. Un recinto amurallado no centro da vila, á beira do lago, foi reservado á elite militar manchú [13]. Nesa época Hangzhou comezou a teres sona coma lugar de lecer (retiro dalgúns emperadores Qing) que ata hoxe mantén como un dos destinos turísticos principais dos chineses (vg. reutilización das ourelas do Gran Canal coma corredor de turismo cultural).

En 1895 o tratado de Shimonoseki obrigou a abrilo porto e unha concesión xaponesa foi asentada no norte, fóra de murallas, onde se desenvolveu un xermolo de industrialización capitalista e a carón xurdiu a área do Mercado Tongshang.

Século XX editar

Entre 1907 e 1913 as murallas foron demolidas, primeiro no leste para a construción do ferrocarril [14]. Despois, coa fundación da República da China en 1912, as da cidadela interior manchú caeron abrindo así definitivamente a cidade ao lago (unha serie de parques na ribeira foron implementados). No soar foi planificada unha área de comercio, o Mercado Novo, que aínda que sen respectar os antigos trazados hoxe constitúe o centro de Hangzhou [15]. A urbe estendeuse ao longo do Gran Canal ao norte e sur [16]. En 1937 foi inaugurada a Ponte do Río Qiantang.

A industrialización veu da man da República Popular da China na segunda metade do século [17] e Hangzhou comezou o proceso de metropolización que tense acelerado nas últimas décadas cun extraordinario crecemento favorecido pola súa proximidade a Shanghai [18].

Notas editar

  1. "Revival of Shan Shui idea as a sostainable urban form: A case stady on Hangzhou"; Shulan Fu [1]
  2. Comparativa das plantas de Chang'an (tradicional) e Lin'an (Hangzhou na época Song); Kang Cao e Jin Zhu páx.3 [2]
  3. Planta de Hangzhou durante a dinastía Sui (Yang Jianjun e outros, páx.10) [3]
  4. Esquema da evolución do recinto urbano de Hangzhou na época Sui, Wuyue, Song e Ming [4] Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  5. Planta de Lin'an, capital dos Song do Sur co recinto do Pazo Imperial embaixo (tamén apuntada a posterior ampliación Ming de murallas ao leste) [5]
  6. Planta histórica da cidade imperial de Lin'an co comezo da Av. Imperial [6] Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.
  7. Planta histórica de Lin'an ao norte dos pazos imperiais coa Avenida Imperial [7] Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.
  8. Planta reconstruída da Cidade Imperial Song
  9. "Vista antiga do conxunto de Lin'an e o Lago Oeste". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 12 de maio de 2011. 
  10. Esquema da configuración de Lin'an: ver nota 2
  11. Ver nota 1, páx. 5
  12. Mapa de Hangzhou coas áreas da industria da seda, o recinto militar manchú (Banner Camp) e os novos "escenarios" paisaxísticos creados no lago; ver nota 2, páx. 4
  13. Mapa de Hangzhou na época Qing (co recinto militar manchú en branco) [8] Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.
  14. "Mapa de Hangzhou no tempo da República de China". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 11 de maio de 2011. 
  15. Ver nota 2, páx. 5
  16. Mapa coa extensión de Hangzhou en 1949; ver nota 3, páx. 12
  17. Mapa da evolución urbana de Hangzhou na segunda metade do século XX; ibídem páx. 13
  18. Mapas do crecemento de Hangzhou nas últimas décadas; ver nota 1, páx. 7