Na terminoloxía botánica, o hipocótilo é a parte do eixe caulinar do embrión ou da plántula dos antófitos que se encontra por debaixo da inserción dos cotiledóns.[1]

Esquema do embrión de Salix scouleriana.
De arriba a abaixo:
1. Cuberta
2. Cotiledón
3. Hipocótilo
4. Radícula.

Etimoloxía editar

O termo hipocótilo é a adaptación do neoloxismo do latín científico hypocotylus, á súa vez tirado do neoloxismo grego ὑποκοτυλών hypokotylón, abreviatura de ὑποκοτυληδών, de ὑπό, hypo "por baixo de", e κοτυληδών kotylēdōn, "cotiledón".[1]

Formación e evolución editar

Dicotiledóneas editar

Nas plantas dicotiledóneas, cando se produce a embrioxénese, a medida que o embrión medra durante a xerminación, envía un gromo cara a abaixo, (a radícula), que se converterá na raíz primaria da planta ao penetrar no solo.

 
Herba medrando na esquerda (unha monocotiledónea), amosando un só cotiledón, comparada cunha dicotiledónea (dereita).
 
Un rizoma de xenxibre cultivado.

Tras a saída da radícula, o hipocótilo emerxe, cara a arriba, elevando o ápice da plántula (e normalmente tamén a envoltura da semente) sobre o nivel do solo, levando as follas embrionarias ou cotiledóns e a plúmula, que dará orixe ás primeiras follas verdadeiras.

O hipocótilo é o primeiro órgano de expansión da plántula, e desenvólvese até formar o caule da planta.

Monocotiledóneas editar

O desenvolvemento temperán da plántula das plantas monocotiledóneas, como os cerais e outras gramíneas é algo diferente. Unha estrutura chamada coleóptilo, esencialmente unha parte do cotiledón, protexe o caule novo e a plúmula en crecermento empuxa cara a arriba a través do solo. Un mesocótilo —que é unha parte das plantas novas que se encontra entre a semente (que segue enterrada) e a plúmula— esténdese até a superficie do solo, onde se desenvolven raíces secundarias xusto debaixo da plúmula. Logo pode non desenvolverse máis a raíz principal. O mesocótilo considérase que é parcialmente hipocótilo e parcialmente cotiledón.

Non todas as monocotiledóneas se desenvolven como as gramíneas. A cebola, por exemplo, desenvólvese de maneira similar á primeira secuencia descrita anteriormente, a testa (cuberta) e o endospermo (órgano de reserva de alimentos), empuxa cara a arriba estendendo o cotiledón. Máis tarde, a primeira folla verdadeira crece desde o nó entre a radícula e o cotiledón rompendo o cotiledón que semella unha vaíña.

Órganos de reserva editar

Artigo principal: Órgano de reserva.

Nalgunhas plantas, o hipocótilo medra como un órgano de almacenamiento de alimentos (órgano de reserva). Exemplos son os casos do ciclame, as Gloxinia ssp e o apio.

No ciclame, este órgano de reserva é un tubérculo. Outros órganos de reserva son os bulbos, rizomas, raíces tuberosas etc.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Font Quer, P. (1993), p. 588.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Font Quer, P. (1993): Diccionario de Botánica. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor S. A. ISBN 84-335-0078-3.

Outros artigos editar