Harry Goslin

futbolista británico

Henry Goslin, nado en Willington, Durham, o 9 de novembro de 1909 e finado na provincia de Chieti o 18 de decembro de 1943, foi un futbolista e militar inglés. Xogaba como defensa e desenvolveu toda a súa carreira profesional no Bolton Wanderers, club que capitaneou ata a chegada da Segunda guerra mundial. Loitou no conflito acadando o rango de tenente e morreu durante a invasión aliada de Italia.

Harry Goslin
Información persoal
Nome Harry Goslin
Nacemento 9 de novembro de 1909
Lugar de nacemento Willington
Falecemento 18 de decembro de 1943
Lugar de falecemento Italia
Posición Defensa
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
–1930 Boots Athletic
1930–1939 Bolton Wanderers 306 (23)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Nacido en Willington, Durham, fichou polo Bolton Wanderers en 1930, procedente do Boots Athletic, club afeccionado de Nottingham. Debutou nunha derrota por 7-2 ante o Liverpool e sufriu un descenso e un ascenso. En 1936 foi nomeado capitán do equipo polo adestrador Charles Foweraker. Xogou un total de 306 partidos co club, marcando 23 goles.[1]

O 8 de abril de 1939, cando a Segunda Guerra Mundial parecía inevitable, Goslin púxose diante dun micrófono no medio do estadio Burnden Park e díxolle á multitude que despois do partido todo o equipo do Bolton se dirixiría ao cuartel do Exército Territorial para alistarse como voluntarios.[2] Trala invasión de Polonia por parte da Alemaña nazi, paralizáronse os partidos oficiais de fútbol, pero permitíronse encontros locais. Goslin recibiu permiso para disputar catro partidos co Bolton e foi invitado a xogar nas filas do Chelsea e do Norwich City cando foi destinado ao sur de Inglaterra e a Anglia Oriental. Tamén foi seleccionado para un partido non oficial da selección inglesa contra Escocia.[1]

A maioría dos xogadores do Bolton foron destinados ao 53º Rexemento de Artillaría Real e Goslin, xa ascendido a sarxento, xunto aos seus compañeiros, participou nas accións militares en Francia que conduciron á retirada de Dunkerque. De volta en Inglaterra foi ascendido a tenente polas súas accións na operación. O rexemento foi enviado a Anglia Oriental para patrullar os posibles lugares de desembarco inimigo e Goslin foi convocado de novo pola selección inglesa para dous partidos diante de Escocia e outro contra Gales.[1]

No verán de 1942 o rexemento partiu rumbo a Exipto e participou na defensa de Alam el Halfa. Trala vitoriosa campaña foi enviado a Kirkuk e despois a Kifri, onde varios membros do equipo do Bolton, entre eles Goslin, xogaron un partido co exército británico contra o exército polaco, gañando 4-2.[3]

Máis tarde o 53º Rexemento participou na invasión aliada de Italia, cruzando de Tarento a Foggia sen moitos problemas. Loitaron na batalla para tomar o control do cruzamento do río Sangro, onde o 14 de decembro de 1943, unha bomba de morteiro explotou nunha árbore baixo a que Goslin colocara o seu punto de observación. Foi golpeado nas costas por metralla e madeira e uns días despois faleceu polas feridas.[1] Foi enterrado no cemiterio de guerra do río Sangro.

Como mostra de respecto, os xogadores do Bolton formaron en liña ante a bancada central de Burnden Park durante un minuto de silencio e vestiron brazaletes negros. Goslin e Walter Sidebottom foron os dous únicos membros do equipo que morreron durante a guerra.[3]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 González, Nacho (28 de xullo de 2017). "Capitán del Bolton, héroe en Dunkerque" (en castelán). Consultado o 16 de decembro de 2023. 
  2. "Bolton Wanderers players' wartime sacrifice to be made into movie" (en inglés). 10 de xuño de 2011. Consultado o 16 de decembro de 2023. 
  3. 3,0 3,1 "Harry Goslin: The Bolton Wanderers captain who led his side to war" (en inglés). 6 de novembro de 2019. Consultado o 16 de decembro de 2023.