Gurumelo

Especie de cogomelo
Gurumelo
Clasificación científica
Reino: Fungi
División: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Subclase: Agaricomycetidae
Orde: Agaricales
Familia: Amanitaceae
Xénero: Amanita
Especie: A. ponderosa
Nome binomial
Amanita ponderosa[1]
Malençon & R. Heim, 1942
Sinonimia
  • Amanita curtipes var. ponderosa (Malençon & R. Heim) M.L. Castro

O gurumelo[2] ou silarca[3] (Amanita ponderosa) é un cogomelo co chapeu hemisférico e abrancazado cando é novo e aplanado e apardazado na madureza, co pé groso, de cor máis clara e cunha volva ampla. A carne tínguese de rosa en contacto co ar ou ao tocala[4]. Trátase dun fungo basidiomiceto comestíbel moi apreciado, endémico da zona central e oeste de Andalucía, especialmente en Huelva e o sur da Estremadura (España) e no Alentexo (sur de Portugal).

Etimoloxía editar

Crese que o nome empregado na zona onde abunda: gurumelo ou churumelo, procede da deformación da propia palabra galego-portuguesa: cogumelo.[5] O nome de silarca é coincidente co portugués.

Descrición editar

Volva grande, abolsada e de longa duración. Pé compacto, denso e macizo que se baleira coa maduración do cogomelo. O chapeu é hemisférico na súa etapa nova, evoluíndo á convexidade e posteriormente a plano conforme madurece, cun diámetro que oscila entre os 6 e 18 cm. Algúns exemplares, de forma excepcional, superaron os 20 cm e 1 kg de peso. Cutícula branca que se modifica en tons ocres e rosáceos dependendo do sollado. Lamas pretas, libres e de cor branca cremosa que tenden a se escurecer co tempo. A súa carne é branca, mesta e compacta, que se arroiba axils ao corte e cun cheiro característico a terra mollada, que facilita a súa identificación.

Hábitat editar

É unha especie endémica do suroeste da Península Ibérica. Cogomelo de primavera. Tradicionalmente en zonas de aciñeiras e sobreiras entre estevas e carpazas. Adaptáronse perfectamente ás formacións de piñeiros e ao eucalipto. Huelva, Badaxoz, Cáceres, Córdoba e a Serra Norte de Sevilla son as provincias españolas de máxima produtividade, mais tamén se atopou en devesas de aciñeira nas abas de Gredos, nas montañas de Sicilia, Peloritanos.

Especies semellantes editar

Para a persoa inexperta existe o perigo de confusión coa perigosa cacaforra da morte (Amanita phalloides) na súa variedade branca; aínda que se se repara na súa forma, cheiro e textura, son moi distintas. A Amanita verna, que é de cor branca, medra nos mesmos sitios e na mesma época cá Amanita ponderosa.

Unha característica moi distintiva do gurumelo é que, ao rabuñar a súa superficie, adquire unha cor rosada moi característica.

Malia posuír unha calidade culinaria alta, recoméndase que a Amanita ponderosa non sexa colleitada por persoas que non coñezan perfectamente esta especie.

Recolección editar

Para a colla deste cogomelo utilízase un pico con forma de caxato que acaba cunha punta plana para facilitar escarvar na terra, e utilízase unha canastra de vimbio para botalos e que se vaia limpando a terra conforme vas recollendo máis cogomelos. Estes cogomelos pódense atopar tanto debaixo do chan como co seu chapeu fóra. Para o tirar da terra débese escarvar nun dos lados onde se atope o gurumelo, até que o buraco chegue aproximadamente ao final do talo, e logo facer panca co pico dende o lado oposto.

Comestibilidade editar

O gurumelo é un cogomelo comestíbel catalogado como de excelente calidade. Nas zonas de produción é considerado como un manxar. Á brasa cuns grans de sal, e unhas follas de poexo manifesta a magnificencia do seu sabor. Revoltos con allo e ovo, en potaxe de fabas con perdiz, asados e picados en ensalada, guisados cun pouco viño soleira e como calquera afeccionado ou profesional da cociña poida imaxinar, é un produto que mellorará todos os xantares.

Gastronomía editar

É un prato típico do Andévalo (Huelva) e de toda a Serra de Aracena e picos de Aroche en xeral; así como de Villanueva del Fresno (Badaxoz) e de Valencia del Mombuey (Badaxoz).

En Paymogo, localidade do Andévalo de Huelva, celébrase anualmente a Feira Gastronómica do Gurumelo, ao ser un produto propiamente típico de devandita localidade, podendo ser degustado en diferentes pratos. É un manxar moi demandado e de alto valor. Tamén se celebra anualmente, desde 2007, a xornada transfronteiriza do gurumelo na localidade de Villanueva del Fresno, provincia de Badaxoz, moi achegada a Portugal.

Notas editar

  1. "Amanita ponderosa". Index Fungorum (en inglés). CAB International, CBS e Landcare Research New Zealand Limited. 
  2. Nome en Dicionario da alimentación e restauración
  3. Aníbal Otero Álvarez (1960): Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés, CEG XLV, pp. 89-104
  4. Nome galego e definición en: VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  5. Dicionario da RAE

Véxase tamén editar