Guedellas de seda e liño

obra literaria de María Victoria Moreno

Guedellas de seda e liño é unha novela xuvenil de María Victoria Moreno publicada en 1999 pola Editorial Galaxia[1].

Guedellas de seda e liño
Autor/aMaría Victoria Moreno
CubertaManuel Janeiro
OrixeGalicia
LinguaGalega
ColecciónCosta Oeste
Xénero(s)Narrativa
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1999
Páxinas173
ISBN84-8288-304-6
editar datos en Wikidata ]

Dedicatoria: “Para o meu mestre don Rafael Lapesa, que gañou con palabras e para as palabras o meu corazón. Para os meus alumnos, que sempre encheron de luz a miña vida”.

De esquerda a dereita: Pedro Ferriol (marido de Mª V. Moreno), Tito Seixas (nome que inspirou un personaxe de "Guedellas de seda e liño") e Begoña Llácer (filla de Mª V. Moreno)

A novela recibiu unha mención nos Premios da Crítica Galicia 2000[2] e unha Mención especial White Ravens 2002.[3]

Segundo Montse Pena [4] "Moreno volve situarnos perante un mundo de contrastes: a suavidade da seda fronte á rudeza do liño, ou dito doutro xeito, a felicidade fronte á tristura, o xusto fronte ao inxusto, a bondade contra a maldade, quizais porque teima en nos advertir da futilidade e da diversidade da existencia humana".

Na novela reina un ambiente de sosego alterado pola ruindade sempre ao axexo dalgúns personaxes[5]

  • Barlovento e sotavento. Rato Chus vai cumprir 14 anos e acompaña a María Xesús Beatriz Castro da Ponte á notaría de Porto Santo, porque alí deixou depositada para ela hai 12 anos unha carta Manuel Xesús Froilán Calderón de Celas –marido de María Xesús-, morto hai un ano. Descríbese do pazo de don Manuel Xesús e o seu val.
  • Historias vellas. O vinculeiro do pazo era Xosé Miguel Froilán Calderón de Celas, dez anos máis vello que o irmán. Xa de neno no colexio capitaneou unha banda de corsarios para o rescate dunha princesa moura. Mandárono a un internado de Madrid, ata que un día marchou e pillou un billete de tren a Redondela. Despois tamén dirixiu outra banda de mozotes que acabaron pillados pola Garda Civil do mar. Estudou na Escola de Náutica da Coruña e chegou a capitán de cargueiro.
  • A casa de cristal. Describe o pazo, os seus escudos, a feliz e plena vida de dona María Xesús e don Manuel Xesús. Os señores son amigos da escritora Fina Casalderrey [6] coa que conversan de receitas de cociña e ata lles dá a receita da empanada de noces con mel.
  • O amor verdadeiro. Capítulo dedicado a Ireneo Leal, O Bacoriño, pintor de paredes, mala persoa e fachendoso, obxecto de todos os chismes e contos que rolaban pola vila. Chámalle ao médico da muller o doutor Cólogo, Xinés Cólogo.
  • Vodas de flores. En 1980 Xosé Miguel Froilán deixa o barco uns días e vén ao pazo. Algo pasa e el marcha. Manuel Xesús Froilán agasalla continuamente a muller, mesmo cun cruceiro polo mundo. Finalmente, á volta da viaxe, un día aparece un coche cunha meniña bebé que será como a súa filla, a herdeira María Xesús Micaela Calderón de Castro.
  • A nena que trouxeron as fadas. A meniña é Rato Chus ou María Xesús Micaela Calderón de Castro e pronto terá uns poderes mentais extraordinarios. Destaca a súa amizade cos cans, mesmo aos 13 anos xa lle fai unha demostración ao tío Manuel Xesús de que pode comunicarse con eles polo pensamento como outros o fan con palabras breves.
  • Guedellas de seda branca. Dona María Xesús era do pazo do Piñeiro nas terras altas da Ulloa e estudara interna nas monxas de Madrid. Os señores do pazo pensan mandar tamén alí a Rato Chus, mais ela prefire estudar no vello instituto da vila e ser coma os demais. Fálase dos compañeiros de clase da rapaza.
  • Galanos de namorados. Vanessa é a filla de Ireneo e Pipé, triste porque os pais non lle fan caso, non miran para ela que tan boas notas leva. Ireneo faille un agasallo á muller que acaba nunha pelexa, así que nai e filla marchan á casa da avoa.
  • Un galano empezoñado. Ireneo é condenado polo xuíz a pagarlle á muller e á filla e el declárase insolvente. Vai ao pazo pedir permiso para pescar nécoras desde os seus muros que dan ao mar. Don Manuel Xesús négallo e el xura vinganza. E desde entón pasan cousas raras.
  • A vida das raíñas. Pipé cae diante do concello e volve á casa dos seus pais cun ollo chosco. Logo a rapaza ten pesadelos de noite. Así que Pipé decide ir a un Centro de Acollida en Santa Marta de Vélaros. Alí facilítanlle traballo, aluga un piso e vivirán xuntas nai e filla, coma dúas raíñas.
  • Nos niños de antano. Morre o can Land e descóbrese o por que. Agora todo é tristura no pazo, as mulleres están murchas e enferma don Manuel Xesús. Ingresa na Residencia de Santa Marta de Vélaros e morre coa muller sempre a carón, cheos de amor os dous. Nos niños de antano non hai paxaros hogano, é o último refrán do Quixote que aparece citado neste capítulo.
  • O fío de Láquese. Ireneo non cumpre como pai e a rapaza sófreo pero ela sempre está contenta e triunfando no Instituto. Aínda así Rato Chus ten medo por ela, polas visións funestas que tivo sobre a amiga porque: “A vida toda dunha persoa pende dun fío delgado e invisible... fía unha parca chamada Cloto, debanda outra chamada Láquese e corta a terceira, chamada Cloto” [7]. Ademais as drogas andan polo instituto de Vanessa e Chus e van crear problemas.
  • Un valse de Chopin. As historias de don Miguel Xesús pasaron xa ás novas xeracións. Ninguén sabe del, non estivo nin no enterro do irmán. Ata que nas novas da prensa na matanza de cristiáns no Sudán aparece el entre os que quedaron alí e non marcharon. Chegan os 14 anos de Rato Chus, cando se debe abrir a carta do testamento -capítulo 1- e dona María Xesús prefire esperar ao remate do curso. Celebran o aniversario da rapaza bailando a mocidade o valse nº 14 en mi menor de Chopin que toca a señora [8] e Vanessa baila con Roi.
  • Baixo as candeas fragrantes. A paz e o amor entre Vanessa e Pipé rematou, agora a rapaza xa non se fala coa súa amiga Lupe, mesmo protesta o titor pola súa actitude e ela enfróntase coa nai. Vanessa só atende o seu amor, Roi, sae con el, pero non todo é felicidade.
  • Os outros reinos. Vanessa e Roi entran no poboado dos xitanos, el déixaa diante dun caseto no que unha vella xitana a acolle de noite, lelle a man e aconséllalle que mire para o futuro e non gaste máis estrelas da sorte. Logo Roi non vén e hai un incendio nas chabolas do barrio xitano.
  • Así cantan os reiseñores. Elisardo Amor, coñecido como Elisardo Famérides porque convida no bar para celebrar “famérides”, manexa diñeiro e non se sabe de que. Tópao un profesor xornalista indo cara ao pazo, desconfía del, denúnciao e detéñeno. Elisardo declara no cuartel e coñécese a orixe dos problemas relacionados coa droga.
  • Bolboretas brancas no mar. Aclárase o final de Ireneo. María Xesús Beatriz e María Xesús Micaela (Rato Chus) van ao notario para abrir a carta e o testamento, alí topan con quen non agardaban. Lese o testamento e cóllese a carta resolvendo o misterio.

Narración

editar

O relato está posto en boca dun narrador extradiexético en terceira persoa.

A novela está escrita con pulcritude estilística e rigor construtivo [9]; tamén destaca o ton empregado polo narrador tratando os feitos coma extraordinarios e comentando a acción.

Espazo

editar

Boa parte da acción desenvólvese nuns lugares imaxinarios: o pazo de don Manuel Xesús e don Xosé Miguel Froilán Calderón de Celas que está situado en Celas, o monte, o río Vélaros e o seu val que son terras vizosas de beiramar pois producen legumes e froitas para vender nos mercados, especialmente no de Porto Santo. Na escola de Porto Santo –concello con cinco parroquias que ten peirao- estuda Rato Chus e logo segue no seu vello instituto. No medio da chaira está Santa Marta de Vélaros, vila de funcionarios, comerciantes, con tren, policía, xulgado, un barrio de xitanos...

Mais tamén se citan moitos lugares reais: a estación de Redondela, a Escola de Náutica da Coruña, as terras altas da Ulloa (onde naceu dona María Xesús), Madrid, a praia de Lapamán, Rianxo, Baños de Molgas, Pontevedra ...

A acción desenvólvese na última parte do século XX e son moi poucas as datas concretas. Unha excepción é que en 1980 Xosé Miguel Froilán deixa o barco uns días e vén ao pazo “experto en lances amorosos ao longo de dúas décadas” e dona María Xesús leva “felizmente casada desde había dez anos” [10]. Manuel Xesús e María Xesús Beatriz marchan un ano de cruceiro e á volta chega ao pazo Rato Chus.

A novela comeza cando a rapaza ten 14 anos e vai ao notario para ver a carta escrita 12 anos antes por don Manuel Xesús. No segundo capítulo hai unha retrospección para contar a infancia de don Xosé Miguel e os feitos posteriores ata que no final da obra se chegue ao momento da apertura da carta na notaría.

Personaxes

editar
  • María Xesús Micaela Calderón de Castro, Rato Chus, a nena que trouxeron as fadas. “É a vinculeira de Celas e a futura marquesa de Porto Santo” dixo don Manuel Xesús cando a meniña chegou ao pazo nun coche con matrícula de Madrid[11].
  • María Xesús Beatriz Castro da Ponte, Susi, naceu no pazo do Piñeiro nas terras altas do Ulloa. Casou con don Manuel Xesús e fai de nai de Rato Chus.
  • Xosé Miguel Froilán Calderón de Celas é o vinculeiro do pazo de Celas pero non exerce de herdeiro porque anda na mariña mercante.
  • Manuel Xesús Froilán Calderón de Celas, dez anos máis novo que o irmán, goberna o pazo de Celas e deixa no notario ao morrer unha carta que Rato Chus non pode abrir ata os 14 anos.
  • Ireneo Leal, O Bacoriño, pintor de paredes, mal marido, mal pai. As súas cousas andan de boca en boca na veciñanza.
  • Vanessa, compañeira de clase no instituto de Rato Chus e filla de Ireneo. É unha rapaza estudosa que vai descubrir o amor.
  • Pilar Pérez, Pipé, a muller que sofre un marido coma Ireneo e coida da filla Vanessa.
  • Outros personaxes menores son Tito Seixas e Manolo González (nomes collidos de amigos pontevedreses de María Victoria Moreno); ou Carlos Godoi e Luís Toxal (de profesores compañeiros de María Victoria Moreno no IES Torrente Ballester).
  1. Moreno, María Victoria (1999). Guedellas de seda e liño. Galaxia. ISBN 84-8288-304-6. 
  2. "Ficha da obra". Biblioteca Virtual Galega. Consultado o 30/08/2017. 
  3. Listaxe de obra de White Ravens en 2002 Arquivado 28 de decembro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
  4. Pena Presas, Montse (2018). A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Galaxia. p. 147. ISBN 978-84-9151-156-4. 
  5. "María Victoria Moreno: voz pioneira e polifacética". Caderno da Crítica. Consultado o 30/08/2017. 
  6. Moreno 1999, p. 31,35.
  7. Moreno 1999, p. 117.
  8. Moreno 1999, p. 133.
  9. Moreno 1999, p. contraportada.
  10. Moreno 1999, p. 50.
  11. Moreno 1999, p. 55.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar