Pazo de Ortigueira
O pazo de Ortigueira, tamén coñecido como pazo de Santa Cruz de Ribadulla, é un pazo situado na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla (concello de Vedra), que foi residencia de Alfonso Armada Comyn, marqués de Santa Cruz de Rivadulla.
Pazo de Ortigueira | |
---|---|
Concello | Vedra |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°46′17″N 8°25′33″O / 42.771388, -8.425806 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (barroco) |
Estilo actual | (século XV) |
Estado actual | En bo estado |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA mediados do século XV vivía no lugar de Ortigueira, da parroquia de Santa Cruz de Ribadulla un nobre apelidado Abraldes, que tomara partido pola infanta Xoana a Beltranexa na guerra que esta mantivera contra a súa parente Isabel pola coroa de Castela, como tantos outros señores galegos. Non daba creto aos dixomedíxomes e, segundo se conta, persignándose, sentenciou:
"La hija de la reina, lo es del rey y a ella le pertenece la Corona de Castilla".
Os Reis Católicos, ao sabelo, mandaron desmouchar a vella torre, o que era sinal de afronta para o que nela vivía. Abraldes abandonou súa casa e nunca volveu. O seu fillo mandou construír, na parroquia de San Mamede de Ribadulla, a casa de Guimaráns, pazo que estaba máis cerca de Santiago, e sen torre, pois nunca quixeron naquela familia volver a sufrir humillación.
Por aqueles anos apareceu por Santiago de Compostela un clérigo influente e con diñeiro: Juan Ibáñez de Mondragón. Nomeado cóengo de Santiago, pronto aumentou a súa fortuna e adquiriu fama. Parece ser que un dos seus irmáns era prelado en Roma, e outro servía no exército. A orixe da familia era o soar de Eremuzketa, en Guipúscoa. Satisfeito na diocese de Santiago, poderosa, o cóengo decidiu establecerse en Compostela, para o que vendeu os bens de Mondragón e buscou unha casa no campo; a torre de Ortigueira estaba baleira e comprouna. Cambiou a súa estrutura e edificou unha capela (pombal e ciprés xa os tiña). Comprou moitas terras para ampliar o predio, dotou á parroquia con xenerosidade e fundou un morgado electivo; pero a obra na que puxo maior empeño e diñeiro foi a construción da capela da Piedade (coñecida como capela de Mondragón), na catedral, na que mandou que o enterraran.
O predio de Santa Cruz tomou entón forma. Comenzouse a muralla que a rodea, e plantáronse viñas e oliveiras, así como uns bos cadros de limoeiros, cerca do bosque de carballos e castiñeiros. A horta era excelente, e dela enviábase a Santiago unha cesta todos os días, para a vivenda do cóengo. No andar principal da casa, o sobrado, había amplas estancias, incluíndo a cociña, quedando todo o baixo para o gando e almacén do gran procedente dos foros. Ao cóengo sucedeuno un sobriño, que seguiu comprando terras, e aumentou a biblioteca.
Un descendente desta familia, Andrés Ibáñez Mondragón, recibiu en 1681, de mans do rei Carlos II, o título de marqués de Santa Cruz de Rivadulla.
O pazo actual
editarO pazo, casón en forma de L, presenta na fachada os escudos da familia Mondragón e, na parte de atrás, unha balconada. O edificio básico é un gran corpo rectangular que se une mediante un longo pasadizo coa igrexa, enfronte do pazo. A casa é do tempo do Barroco. Cabe destacar como mellor expoñente artístico a fonte, ostentosamente brasonada, encaixada entre as edificacións complementarias, xunto ás cortes e ás vivendas dos caseiros, que aparecen unidas ao outro lado do patio, quedando a igrexa no centro.
Neste lugar meditou o político Gaspar Melchor de Jovellanos, e alí redactou o Memorial en defensa da Xunta Suprema Central.
Primeiro os Mondragón, xa no século XVI, enlazados daquela cos Abraldes e despois co apelido Armada, que pervive aquí, deron vida a esta casa que ten un dos seus maiores encantos na vexetación que a acompaña.[1]
O 11 de decembro de 2001, a propiedade no seu conxunto foi declarada Ben de Interese Cultural[2].
O xardín
editarO xardín do pazo teñen máis de 200 variedades de plantas, moitas delas árbores centenarias, estanques, bancos de pedra, así como o camiño das oliveiras en forma de cruz.
O que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra Esteban Areses Vidal (1888-1984) dixo deste xardín en 1951:
Pocos, muy pocos parquies y jeardines biotánicos, públicos y particulares, sin exceptuar los de muchas capitales de primer orden, pueden ostentar tanta variedad, riqueza y hermosura, no brindar con tanta magnificiencia de naturalea y arte.
Alfonso Armada, que foi propietario, expresou, nun parágrafo revelador, o legado recibido, do que se converteu en celoso conservador:
Santa Cruz de Ribadulla es mi solar. Allí está el pazo, que hoy es jardín, con una casa grande. Pasó de casal a torre, de torre a granja, de granja a jardín ¿cómo se ha formado el parque, cómo se han reunido los libros de la biblioteca, de donde vinieron las plantas?... Esa es la historia del pazo.
Varios exemplares arbóreos deste xardín aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza. Ademais no mesmo catálogo figuran as formacións de buxos e de oliveiras, como formacións senlleiras.
Galería de imaxes
editar-
Entrada.
-
Fonte.
-
Vides.
-
Regato.
Notas
editar- ↑ Turgalicia. Pazo de Ortigueira (Ribadulla)
- ↑ "Pazo de Sta. Cruz de Rivadulla". Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2012. Consultado o 05 de maio de 2012.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Rodríguez Dacal, Carlos e Jesús Izco (1994): El jardín de los pazos gallegos: espacio de recreo y fuente de recursos. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. Asociación de Antiguos Alumnos de la Facultad de Farmacia. ISBN 9788481211696.
- Rodríguez Dacal, Carlos (1990): Flora leñosa ornamental pacega de Galicia occidental. Tese de doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Bioloxía vexetal.