Gurgullo do eucalipto

(Redirección desde «Gonipterus scutellatus»)
Gurgullo do eucalipto

Exemplar adulto do gorgullo do eucalipto.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Superfamilia: Curculionoidea
Familia: Curculionidae
Subfamilia: Curculioninae
Tribo: Gonipterini
Xénero: Gonipterus
Especie: G. scutellatus
Nome binomial
'Gonipterus scutellatus'
Gyllenhal, 1833
Sinonimia

Gonipterus platensis Marelli, 1927 [1]

O gurgullo do eucalipto, tamén denominado defoliador do eucalipto (Gonipterus scutellatus), é un pequeno insecto coleóptero orixinario de Australia, que se alimenta das follas e gromos novos do eucalipto provocando fortes danos nas plantacións desta especie forestal. Está presente en Galicia desde 1991.

Taxonomía editar

  • Orde Coleoptera
  • Suborde Polyphaga
  • Infraorde Cucujiformia
  • Superfamilia Curculionoidea
  • Familia Curculionidae

Descrición editar

O adulto presenta un corpo de forma elipsoidal, duns 7–9 mm de lonxitude por 4–5 mm de ancho; os machos son máis pequenos cás femias. O corpo está cuberto de escamas finas e curtas de cor marrón laranxa; toma unha cor castaña escura cando alcanza a madureza. Na cabeza destaca unha prolongación dianteira, chamada rostro, que é característica dos curculiónidos; este rostro presenta no extremo os órganos bucais. O aparato bucal é mastigador: o gorgullo traba os bordos das follas e vainos comendo, co que as follas adquiren un bordo lobulado; tamén comen nos agromos da planta.

As antenas teñen sete artellos ou segmentos, o último ancheado en forma de maza oval. Os élitros [2] mostran unhas liñas lonxitudinais de pequenos tubérculos e unha banda transversal de cor máis escura có resto.

As patas, robustas, están dentadas na cara interna das tibias.

Ciclo biolóxico editar

Como tódolos coleópteros, estes gorgullos son holometábolos, é dicir, mostran metamorfose completa, que atravesa as fases de ovo, larva, ninfa (ou pupa) e adulto (ou imago). En condicións normais, pode presentar dous ciclos dentro do ano, excepcionalmente tres [3].

As femias depositan os ovos sobre as follas máis novas da árbore, especialmente sobre a cara superior. Son de forma subcilíndrica, cos polos arredondeados, de cor amarelenta. Miden sobre 1 mm de lonxitude e 0,5 mm de diámetro e son depositados en paquetes ou ootecas formados por entre 5 e 12 ovos cada unha. A ooteca, de 5–7 mm de lonxitude, está protexida por unha capa de excrementos e outras materias orgánicas, de cor marrón ou negra.

A fase larvaria atravesa catro fases sucesivas, L1 a L4, desde os 1,5 mm ata chegar ós 15 mm de lonxitude. As larvas, de cor amarela clara nun principio L1 e L2), van tomando unha cor máis intensa segundo medran (L3 e L4). Son glabras (sen pelos), ápodas (sen patas), arqueadas e aplanadas ventralmente. A cabeza é moura e no corpo mostran dúas bandas en posición latero-dorsal que percorren o corpo, de cor verde escura, máis patentes segundo madurecen. Na cara dorsal aprécianse numerosos puntiños pardos ou negros.

Aliméntanse das follas adultas formando uns sucos característicos no limbo das follas, a modo de camiños ou galerías, e, cando alcanzan a madureza, déixanse caer ó chan.

A larva muda a ninfa ou pupa baixo terra, tras enterrarse activamente e sen protexerse nun casulo. A pupa mide uns 8 mm de lonxitude e é de cor branca translúcida, pero ás 24 horas comeza a tomar cor marrón desde as patas ata a totalidade do corpo.

Distribución editar

O Gonipterus procede do sueste de Australia, berce do propio eucalipto, onde se mantén controlado grazas á presenza dos seus predadores naturais. Pero estes son descoñecidos noutras áreas xeográficas a onde se foi expandindo o eucalipto polo seu rendible aproveitamento, polo que a difusión do gorgullo non atopou límites. Así, xa se detectaron efectos prexudiciais sobre as plantacións de eucaliptos en Suráfrica e Madagascar desde 1916, primeira localización coñecida fóra da zona de orixe. O insecto foi colonizando outros territorios a razón duns 100 km/ano ata estenderse en 30 anos á metade sur do continente africano. Cara a 1925 detectouse na Arxentina, protagonizando outro caso de rápida expansión que alcanza Uruguai en 1943, Brasil en 1955 e Chile en 1997; en 1995 localízase en California.

Chega a Europa en 1976, localizándose na Riviera italiana nese ano e en Francia en 1979.

En Galicia foi descuberto nos arredores de Lourizán en 1991 [4], estendéndose rapidamente por toda a Comunidade así como a Asturias (1997) e Portugal (1997); tamén existen xa casos en Estremadura. En 1993 estaba presente nas zonas de monte centrais da provincia de Pontevedra; en 1994 e 1995 afectaba case toda a provincia e comezaba a expandirse cara a Coruña e Ourense e en 2000 podíase atopar en toda Pontevedra, case toda A Coruña e amplas zonas de Lugo, quedando só libres a metade oriental de Lugo e Ourense.

Efectos sobre o eucalipto editar

 
Follas de eucalipto novas (á dereita, aovadas) e adultas (á esquerda, falciformes)

O gorgullo do eucalipto aliméntase exclusivamente desta árbore, provocando danos nas follas tanto no seu estado larvario como adulto. As larvas L1 e L2 aliméntanse da epiderme da folla pero as larvas L3 e L4 comen da totalidade do limbo, dos gromos e pólas novas. Con se-lo efecto das larvas o máis agresivo contra a árbore, tamén os adultos comen, coma xa se dixo, nas follas, preferiblemente das máis novas pero tamén nas follas adultas e coriáceas.

Como consecuencia da súa acción defoliante, o crecemento da árbore vese ralentizado e a produción de madeira diminúe. De por parte, a madeira toma unha consistencia máis dura, o que dificulta o seu posterior aproveitamento industrial.

Afecta con maior gravidade o Eucalyptus globulus (a especie de eucalipto máis común en Galicia) aínda que tamén, con menor intensidade, a outras especies, como o E. nitens. Resultan especialmente afectadas as plantacións de entre 3 e 5 anos de idade.

Os efectos do gurgullo móstranse especialmente no terzo superior da árbore, estimándose cinco graos de afectación: no grao 0 a defoliación afecta ó 0-10% dese terzo superior; no grao 1, o 10-30%; no grao 2, o 30-60%; no grao 3, o 60-90% e no grao 4, máis do 90%. Un estudo realizado en 1999 pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro [5] nos eucalipais da Coruña, Lugo e Pontevedra concluíu que o 64% das parcelas de Pontevedra, o 60% da Coruña e o 55% de Lugo estaban afectadas pola praga. O grao medio de defoliación era de 0, pero en Pontevedra o nivel medio era de 1 e, en 6 das 66 parcelas estudadas, ata de 2; na Coruña e Lugo, o 25% das parcelas alcanzaban o grao 1 e o 10% o grao 2; en Lugo, outro 10% chegaba a presentar un grao 3.

Outro estudo realizado en 2002 comprobou que o 61% dos eucaliptais estaba exento da praga, que o 29% sofría unha defoliación lixeira, o 9% unha deforestación moderada e só no 1% podía cualificarse de grave [6].

Loita contra a praga editar

O único predador natural do gurgullo do eucalipto está representado por unha pequena avespa tamén natural de Australia, Anaphes nitens, que actúa como parasitoide específico do gorgullo [7]. Trátase dunha especie de avespa que pon os seus ovos nas ootecas deste, de modo que as larvas que nacen dos ovos da avespa se alimentan do embrión do gorgullo. Aproveitando esta especificidade parasitaria, a avespa foi aproveitada desde 1923 para establecer unha loita biolóxica contra a praga [8], e en Galicia vense sementando nos eucaliptais con notable éxito. As primeiras probas, en áreas concretas e restrinxidas, fixéronse en 1994 e non foi ata 1999 cando o método se aplicou a toda a superficie afectada polo gorgullo. O método consiste en pendurar nos eucaliptos bolsiñas contendo as ootecas parasitadas. Ó eclosiona-las avespas, saen da bolsa e disemínanse no medio.

O obxectivo deste control biolóxico non é tanto a eliminación da praga como mante-la densidade das larvas por baixo dun límite "admisible" [9].

A loita con fitosanitarios apuntouse como posible pero é menos eficaz, só aplicable en zonas nas que a presenza do gorgullo sexa importante e a concentración de larvas elevada e comporta riscos elevados para o ecosistema[10] . Propuxéronse dous insecticidas e dous bioinsecticidas [11], dos que só o flufenoxuron (prohibido[12]) e o etofenprox conseguiron conter a poboación da praga, provocando a morte do 90-100 % de larvas e adultos nos estudos de laboratorio. Tamén se comprobou que provocaban ata un 97 % de mortalidade na Anaphes nitens (en estudos de laboratorio, ás 48 horas de entrar en contacto co insecticida), contradicindo a teoría inicial de que só actuaban contra o gurgullo sen afectar para nada á avespa (Santolamazza 2004). Actualmente o flusenoxuron está en fase de prohibición pola Unión Europea[12]. O flufenoxuron é o produto activo de CascadeTM prohibido en base ás conclusións da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria[13].

A Xunta de Galicia desenvolveu a partir de 2002 un Plan Estratéxico de Loita Integrada contra o 'Gonipterus', baseado na distribución de ootecas parasitadas por ovos da avespa (en 2004, a Xunta informou que levaba repartidas 1,2 millóns de ootecas parasitadas desde 1997), na aplicación de tratamentos fitosanitarios en zonas fortemente afectadas e na concienciación dos propietarios forestais para unha mellor distribución das masas arbóreas, creando fracturas que dificulten a difusión da praga e escollendo mellor as áreas onde face-las plantacións de eucalipto. Aínda así, cando a densidade das larvas é demasiado elevada, a única solución pasa polo corte da superficie forestal afectada [14].

Outras liñas de actuación van dirixidas á selección de variedades de eucalipto resistentes ó gorgullo e ó desenvolvemento de fitosanitarios que ataquen os insectos adultos.

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro [3] Arquivado 23 de decembro de 2008 en Wayback Machine. (creada en 1980 pola Deputación Provincial de Pontevedra, en Lourizán) comezou coa cría da avespa e distribución das ootecas parasitadas en canto se descubriu o insecto en Galicia. A partir de 2002, dúas empresas privadas -unha pontevedresa e outra vasca- comezaron a comercializa-la avespa.

O Anaphes nitens é unha pequena avespa, de 0,8–1 mm de lonxitude, de cor marrón moura. Posúe dúas longas antenas filiformes que, nas femias, non chegan a equipara-la lonxitude do corpo pero que nos machos a superan.

O tórax é tan longo coma ancho pero o abdome é curto e de forma oval. As ás, máis longas có corpo, son translúcidas e desiguais: o primeiro par ancho e grande e o segundo par practicamente lineal.

Atravesan durante a metamorfose polas fases de ovo, larva, pupa e adulto. As tres primeiras ocorren no interior dos ovos do Gonipterus. Os ovos miden de 0,2-0,3 mm de lonxitude e son primeiro translúcidos e logo opacos. As larvas son tamén moi pequenas, de 0,1 a 0,6 mm. Finalmente, nacen as avespas adultas que fan a súa posta noutras árbores, pechando o ciclo: estímase que de cada ooteca parasitada nacen 10 avespas. O seu potencial reprodutivo tamén resulta moi favorable, xa que poden presentar, en condicións óptimas, ata 17 ciclos reprodutores nun ano fronte ós 2-3 do Gonipterus. Santolamazza e outros comprobaron que tanto un como outro presentan uns requirimentos de temperatura, en graos-día, para completa-lo seu desenvolvemento que implica que a avespa non poida ter, seguramente, as 17 xeracións que se lle atribúen mentres que o Gonipterus pode chegar, polo menos en determinados anos, ás 3 xeracións anuais (Santolamazza 2006).

Diferentes colectivos ecoloxistas [15] advertiron o risco medioambiental que podía supoñe-la introdución no noso ecosistema dunha especie foránea [16], da que se descoñocían as posibles interaccións sobre outras especies vexetais ou animais. Mesmo houbo unha interpelación parlamentaria do deputado Miguel Cortizo (PSdeG) criticando a medida [17]. A Administración asegurou que o método de loita biolóxica baseado na diseminación de Anaphes nitens era "eficaz e inocuo" para o contorno; que fora empregada previamente en Suráfrica, Portugal ou Irlanda, con éxito e sen consecuencias nocivas no medio ambiente; que non se comprobou nunca ningunha interacción entre o Anaphes e ningunha outra especie que non fose o Gonipterus, así como que resulta inofensiva para o home.

A principios de 2012 existe unha gran polémica social pola intención da patronal española do papel (ASPAPEL) de realizar coa colaboración da Xunta de Galicia e outras entidades unha fumigación aérea masiva das plantacións de eucaliptos galegas afectadas por este insecto. A fumigación preténdese realizar co insecticida chamado comercialmente Cascade, cuxo principio activo é a substancia denominada flufenoxurón prohibida pola Unión Europea[12]. Un dos seus peores efectos é que é altamente tóxica para as larvas das abellas[13], como o propio fabricante recoñece na etiquetaxe do produto.

Notas editar

  1. Marelli CA (1927) [The eucalyptus weevil found in Argentina is not the same as the Tasmanian species Gonipterus scutellatus.] Revista Museo La Plata 30, 257–269 (in Spanish).
  2. Primeiro par de alas endurecido e que, en repouso, prégase sobre o corpo, protexendo o segundo par de alas, membranosas e funcionais, fenómeno característico da orde dos coleópteros.
  3. En Chile pode presentar ata 3-4 ciclos anuais.
  4. J. P. Mansilla; "Presencia sobre Eucalyptus globulus Labill de Gonipterus scutellatus Gyll. (Col. Curculionidae) en Galicia", en Boletín de Sanidad Animal 18, 1992.
  5. R. Pérez e outros: Evaluación de daños causados por 'Gonipterus scutellatus' en Galicia [1] Arquivado 08 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine..
  6. La Voz de Galicia, 6.04.2003.
  7. Denomínase parasitoide a un tipo de especie predadora específica, que depende totalmente da especie parasitada, á que acaba sempre matando. Adoitan pertencer ás ordes dos himenópteros e dípteros.
  8. Suráfrica foi o primeiro país no que se probou este sistema, conseguindo que, en decembro de 1930, o 77-98% das postas de ovos do gorgullo estivesen parasitadas.
  9. Ó tratarse dun control biolóxico, a eliminación total do gurgullo é imposible xa que implicaría a desaparición do parasitoide. En termos de relacións interespecíficas, cando o predador aumenta moito e diminúe a vítima, a poboación daquel decrece por falta de alimento ata que o seu número é tan baixo que esta se recupera, alcanzándose así unha situación de equilibrio. De feito, as avespas parasitas existen en Australia desde tempos históricos sen que o gorgullo desapareza, aínda que, de feito, este é un insecto raro nese continente. Aínda así, é posible que a poboación do gorgullo chegue a niveis tan baixos que desapareza o parasitoide, de modo que cando aquel se recupere ó cabo do tempo xa non atope predadores.
  10. A case of human poisoning with a flufenoxuron-containing insecticide. Authors: Jeong J; Yeom S; Ryu J; Han SK; Cho SJ; Kim J. Source: Clinical Toxicology 2010 Jan;48(1):87-9. A fatal case of flufenoxuron-containing insecticide poisoning complicated by lactic acidosis, shock, abdominal compartment syndrome. Choi SC, Park EJ, Min YG. Clin Toxicol (Phila). 2011 Nov;49(9):876-7.
  11. Flufenoxuron, etofenprox, azadiractina e Bacillus thuringiensis var. kurstaki.
  12. 12,0 12,1 12,2 Regulamento de Execución(UE) N o 942/2011 da Comisión de 22 de setembro de 2011, polo que se establece a non aprobación da substancia activa flufenoxurón, de conformidade co Regulamento (CE) n o 1107/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, e modificase a Decisión 2008/934/CE da Comisión.
  13. 13,0 13,1 Axencia Europea de Seguridade Alimentaria; Conclusion on the peer review of the pesticide risk assessment of the active substance fluometuron, (Conclusión sobre a revisión por pares da avaliación do risco da utilización como praguicida da substancia activa flufenoxurón). The EFSA Journal 2011, 9(3):2088. [72 pp.] doi:10.2903/ j.efsa.2011.2088.
  14. El gorgojo del eucalipto obliga a talar veinte hectáreas en O Morrazo, en La Voz de Galicia, 17.03.2008 [2].
  15. Como o grupo coruñés Arco Iris, en 2002.
  16. "La introducción de flora o fauna exóticas, ya sea deliberada o accidental, suele tener efectos catastróficos" (Ernst Mayr (1904-2005), biólogo e naturalista nortamericano).
  17. "La Xunta importó un insecto para combatir la plaga del eucalipto sin estudios previos", en La Voz de Galicia, 24.05.2002.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • J. Pedro Mansilla Vázquez e outros: O gorgullo do eucalipto 'Gonipterus scutelatus' (sic). Folleto da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Consellería de Medio Ambiente 2002 [4].
  • A. Cordero Rivera e S. Santolamazza Carbone: Eucalyptus, Gonipterus y Anaphes: un ejemplo de control biológico en un sistema tri-trófico (Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Universidade de Vigo). Actas del Simposio Internacional sobre Socioeconomía, Patología, Tecnología y Sostenibilidad del Eucalipto. Cátedra ENCE, novembro 2003 [5].
  • "A loita biolóxica contra o coleóptero que ataca ó eucalipto ofrece resultados positivos", en Galicia Ambiental, 11, 2003.
  • S. Santolamazza Carbone e F. J. Fernández de Ana Magán: "Efectos de dos insecticidas de síntesis y de dos bio-insecticidas sobre el defoliador del eucalipto Gonipterus scutellatus Gyllenhal y su agente de control biológico Anaphes nitens Girault", en Bol. San. Veg, Plagas, 30, 2004, 265-277, 2004.
  • S. Santolamazza Carbone, A. Rodriguez Illamola e A. Cordero Rivera: "Thermal requirements and phenology of the Eucalyptus snout beetle Gonipterus scutellatus Gyllenhal", en J. Appl. Entomol. 130, 2006, 6-7.

Ligazóns externas editar