Globo aerostático

Un globo aerostático[1] é unha aeronave aerostática non propulsada que se serve do principio dos fluídos de Arquímedes para voar, entendendo o ar como un fluído. Sempre están formados por unha bolsa aberta na súa parte inferior que contén unha masa de ar quente (gas de elevación), controlada por un dispositivo chamado queimador, situado na parte superior do arnés e que funciona normalmente con gas propano. Na parte inferior desa bolsa pode ir unha estrutura sólida que nos globos de tamaños máis pequenos pode substituírse por un arnés específico. Como non teñen ningún tipo de propulsor, os globos aerostáticos déixanse levar polas correntes de ar. Os globos poden controlar a altura mediante o queimador para ascender e unha válvula na súa parte superior chamada paracaídas que arrefría o ar interior a demanda para descender.

Globos de pasaxeiros en Segovia

Historia editar

 
Os primeiros cinco ascensos de globos aerostáticos en Francia

En agosto de 1709, o sacerdote brasileiro Bartolomeu de Gusmão fixo a primeira demostración de ascensión aérea en globo de ar quente non tripulado na Casa de Indias de Lisboa, ante a corte do rei Xoán V de Portugal.[2][3][4][5][6]

Os irmáns Montgolfier realizaron a primeira demostración pública do seu novo invento o 4 de xuño de 1783 en Francia. A idea do globo aerostático comezara a crearse cando os irmáns estaban sentados fronte a unha fogueira. Notaron que o fume se elevaba e pensaron na oportunidade de aproveitar esa cualidade. Despois de varios experimentos, comprenderon que o ar quente era máis lixeiro que o frío, polo que tendía a subir. Decidiron crear unha máquina que permitise voar con ese principio. Joseph e Jacques Montgolfier lanzaron o seu primeiro modelo en setembro de 1782. O voo inicial demostrou que a súa teoría era correcta. O 4 de xuño de 1783 realizaron unha demostración pública cun globo aerostático de dez metros de diámetro nun mercado francés. Estaba construído con tea e papel. Máis de 130 000 persoas quedaron impresionadas cando en setembro do mesmo ano volveu voar en Versalles. Lois XVI, María Antonieta e a corte francesa presenciaron o momento. Os pasaxeiros era un galo, unha ovella e un parrulo.

 
Enchedura inicial

O 21 de novembro dese mesmo ano viaxou por primeira vez un ser humano, Jean-François Pilâtre de Rozier, pilotando un globo construído polos Montgolfier.[7] En 1785 el e mais Pierre Romain convertéronse nas dúas primeiras persoas que morreron nun accidente aéreo na historia.[8] En novembro de 1792, os ensaios realizados por un grupo de artilleiros no Real Colexio de Artillaría de Segovia e despois perante o rei Carlos IV de España, do voo dun globo aerostático, todos eles dirixidos por Louis Proust, foron os primeiros realizados no ámbito militar. O 22 de outubro de 1797, o intrépido André Jacques Garnerin saltou cun paracaídas desde un globo que voaba a grande altura sobre o ceo de París.

O 21 de marzo de 1999, o suízo Bertrand Piccard e o británico Brian Jones culminaron a volta ao mundo en globo aerostático sen escalas tras percorrer 46 759 km a bordo do Breitling Jones III en 19 días, 21 horas e 55 minutos.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aerostático, aerostática.
  2. AMEIDA, L. Ferrand de, "Gusmão, Bartolomeu Lourenço de", in SERRÃO, Joel, Dicionário de História de Portugal, Porto, Figueirinhas, 1981, vol. III, pp. 184–185
  3. CARVALHO, História dos Balões, Lisboa, Relógio d'Agua, 1991
  4. CRUZ FILHO, F. Murillo, Bartolomeu Lourenço de Gusmão: Sua Obra e o Significado Fáustico de Sua Vida, Rio de Janeiro, Biblioteca Reprográfica Xerox, 1985
  5. SILVA, Inocencio da, ARANHA, Brito, Diccionario Bibliographico Portuguez, Lisboa, Imprensa Nacional, T. I, pp. 332–334
  6. TAUNAY, Affonso d'Escragnolle, Bartolomeu de Gusmão: inventor do aerostato: a vida e a obra do primeiro inventor americano, S. Paulo, Leia, 1942
  7. "CIA Notable flights and performances: Part 01, 0000–1785". Svenska Ballong Federationen. Consultado o 11 de abril de 2010. 
  8. "Jean-François Pilâtre de Rozier et Pierre-Ange Romain - Wimereux le 15 Juin 1785 | Aérostèles". www.aerosteles.net (en francés). Consultado o 2020-12-13. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar